O Ice Hockey Club Porto é un equipo de hóckey sobre xeo da cidade de Porto, Portugal. Fundouse en 2023 e compite na Liga Nacional Hockey Hielo (LNHH), a máxima competición de hóckey sobre xeo de España.

Historia O Ice Hockey Club Porto naceu en 2023 como resultado dos esforzos da Federação de Desportos de Inverno de Portugal por desenvolver o hóckey sobre xeo no país da man de Jim Aldred, que dende 2017 traballaba pola implantación da modalidade logo de establecerse en Sintra.

Logo de moitos rumores, no verán de 2023 a conta de Instagram do Porto comezou a engadir contidos e revelou que xogaría na liga española para a tempada 2023-24, enmarcada aínda no centenario do hóckey sobre xeo español. Finalmente o novo equipo foi aceptado como participante da Liga Nacional Hockey Hielo pola Real Federación Española de Deportes de Hielo, aínda que o equipo portugués non podería participar nas fases finais nin ser campión da competición ao non contar co número mínimo de xogadores seleccionables que establecía a federación, como pasara anteriormente con equipos como os Milenio Panthers de Logroño.

O HC Porto debutou o 19 de setembro fronte o SH Majadahonda, fronte o que perdeu por 8-0 na Nevera de Majadahonda ante 135 persoas. O primeiro gol do equipo portugués foi obra do letón Janis Berzins, a asistencias dos seus compatriotas Romans Glazkovs e Pauls Zvirbulis. O seu primeiro partido como local na Pista de Xeo de Madrid fronte o Txuri Urdin o 23 de setembro de 2023 ante 47 espectadores, caendo fronte ao equipo donostiarra por 3-5. O primeiro gol do equipo como local foi obra do checo Petr Novak (que acabaría marcando todos os goles do seu equipo no partido) a pase do letón Eriks Ozollapa.

Logo da entrada en competición do equipo portugués anunciouse que as federacións correspondentes de España e Portugal chegaran a un acordo para desenvolver unha liga ibérica con equipos de ambos países os e coa posible participación de Andorra como terceiro país na competición.

Pavillón Ao non contar cunha pista axeitada en Portugal, na súa primeira tempada na LNHH o CH Porto xoga como local na pista do equipo contra o que xogue.

Personalidades Adestradores O canadense de 60 anos aveciñado en Sintra Jim Aldred converteuse no primeiro adestrador do equipo portugués logo de traballar no desenvolvemento do hóckey sobre xeo portugués dende 2017.

Notas

Categoría:Equipos de hóckey sobre xeo de Portugal Categoría:Porto Categoría:Artigos sen imaxes