, nada en Osaca o 7 de xuño de 1881 e finada en Ichigaia o 25 de xaneiro de 1911, foi unha xornalista anarcofeminista xaponesa. Autora de artigos sobre a opresión de xénero, defendeu a igualdade de dereitos para homes e mulleres.

En 1910 o goberno xaponés acusouna de traizón pola súa suposta implicación no que se coñeceu como o Incidente Kōtoku, un atentado contra o Emperador Meiji. Foi condenada a morte e executada na forca o 25 de xaneiro de 1911, con 29 anos. Foi a primeira presa política muller en ser executada na historia moderna do Xapón.

Traxectoria Primeiros anos Kanno Suga naceu en Osaca en 1881. O seu pai, Kanno Yoshihige, era un empresario mineiro de éxito, mais crebou cando ela tiña 8 ou 9 anos. A nai morreu cando Kanno tiña 10 anos e o pai volveu casar. Tiña unha irmá máis nova, Hide, e un irmán máis novo.

O primeiro contacto de Kanno co socialismo foi un ensaio de Sakai Toshihiko no que lles aconsellaba ás vítimas de violación que non cargasen coa culpa. O ensaio motivou a Kanno a ler máis obras de Sakai, as cales expuxo posteriormente a outros socialistas.

En setembro de 1899, con 17 anos, Kanno casou con Komiya Fukutarō, membro dunha familia de comerciantes orixinaria de Tokyo. Kanno non sentía atracción física nin emocional polo seu marido, mais o casamento serviulle para escapar do acoso da súa madrasta. Kanno non estaba particularmente interesada no negocio, mais si na escritura. A madrasta acabou por deixar a súa familia e en 1902 Kanno regresou a Osaca para coidar do seu pai.

Escritura e activismo Mentres Kanno atendía a súa familia coñeceu o dramaturgo Udagawa Bunkai, mecenas do seu irmán. Ficou tan impresionado con Kanno que a empezou a axudar na súa traxectoria literaria. Udagawa conseguiulle traballo no xornal matinal Osaka Choho e asesorouna para perfeccionar a súa escritura. Escribiu relatos curtos, artigos e ensaios.

A relación entre Kanno e Udagawa fíxose cada vez máis estreita. Este visitouna cando fora hospitalizada en novembro de 1902 e mesmo coidou da súa familia. Á súa vez, Kanno expresou o seu afecto por Udagawa en Isshukan. Tense afirmado nalgunhas fontes recentes que Kanno e Udagawa chegaran a ser amantes, aínda que todo parece indicar que non foi así.

En 1903 Kanno uniuse á Fujin Kyofukai (Unión Cristiá de Mulleres pola Temperanza) da activista Yajima Kajiko, debido á súa crenza compartida na caridade. O obxectivo da sociedade era abolir o sistema de prostíbulos públicos do Xapón atacándoo na prensa escrita. Previamente ese ano Kanno asistira a unha conferencia en que Shimada Saburo defendía o peche do distrito vermello de Osaca. Coñeceu a Shimada e asistiu a un faladoiro socialista en que o socialista cristián Kinoshita Naoe falou, por petición de Kanno, sobre o labor de entretemento realizado polas gueixas. Kanno tamén coñeceu alí a Kōtoku Shūsui, quen sería o seu amante.

Kanno empezou a colaborar cos xornais relixiosos Michi no Tomo (Tenrikyō) e Kirisutokyō Sekai (protestante). En 1904 comezou formalmente a Guerra ruso-xaponesa. Kanno uniuse á Heminsha, unha asociación antibélica de cristiáns socialistas liderada por Sakai e Kotoku. Foi lectora do Heimin Shinbun (As Novas da Plebe), unha revista antibélica encabezada por Sakai e Kotoku, aínda que nunca colaborou nela.

Cara 1905 Kanno e Udagawa distanciáronse xa que esta comezou a relacionarse coa Sociedade Reformista Feminina. A organización estaba a artellar unha campaña contra o sistema de concubinas e a prol da independencia das mulleres. O 3 de xuño dese ano morreu en Kyoto o pai de Kanno. O seu irmán marchara estudar aos Estados Unidos, así que Kanno quedou coa súa irmá Hide.

En 1906 Mori Saian, editor de Muro Shinpō, un diario da Prefectura de Wakayama, foi encarcerado por insultar as autoridades. Sakai contactara con Kanno para esta exercer como editora temporal de dito periódico. Porén, ela mostrouse reticente nun principio, xa que acababa de comezar un novo emprego. Sakai propúxolle o traballo a Arahata Kanson, quen sería o futuro compañeiro de Kanno. Namentres, Mori coñeceu a Kanno e convenceuna para que se unise ao Muro Shinpō. Mori foi encarcerado o 13 de marzo e Kanno incorporárase o 4 de febreiro como editora xefa. Ela e Arahata desenvolveron unha estreita amizade debido ao seu pasado similar dentro do cristianismo e o socialismo. Kanno regresou a Kyoto ao final de maio dese ano, aínda que seguiu a escribir para o Muro Shinpō.

Máis adiante, ela e a súa irmá Hide mudáronse a Tokyo, onde Kanno traballou como reporteira do Mainichi Denpo. Nesa mesma época, Kanno tornouse máis preocupada pola doenza da irmá. En febreiro de 1907 a saúde de Hide empeorou rapidamente e finou o 22 dese mes, pois Kanno e Arahata carecían de diñeiro para hospitalizala. A inicios de maio Kanno ingresou nun sanatorio enferma de tuberculose, onde permaneceu dous meses. Tras a doenza volveuse máis irritábel. A súa relación con Arahata tensouse até separárense, malia que os seus amigos seguían a consideralos parella.

En xuño de 1908 Kanno, convocada por Arahata, Sakai e outros dirixentes anarcosocialistas, asistiu a unha asemblea política que sería coñecida como o Incidente da Bandeira Vermella, onde cantaron e ondearon bandeiras vermellas. As autoridades tentaron reprimir aquela concentración, o que derivou nunha liorta. Os anarcosocialistas foron arrestados e encarcerados. Cando Kanno foi á comisaría para saber deles, descubriu que foran torturados pola policía. A policía acabou por arrestala a ela tamén e pasou dous meses no cárcere. Aquela experiencia fixo que Kanno cambiase de parecer sobre o activismo pacífico que apoiaba o socialismo. Xa que logo, asumiu que a violencia era necesaria para derrocar o sistema. Amais, foi despedida do Muro Shinpō, polo que tivo que dedicarse ao servizo doméstico.

Empezou unha relación con Kōtoku, quen foi encarcerado polas súas publicacións no Heimin Shimbun. Tras ser liberado este marchou para os Estados Unidos de América, de onde regresou 6 meses despois como anarquista convencido. En 1909 divorciouse da súa segunda muller e foir vivir con Kanno. Malia crer na igualdade de xénero, visitaba os prostíbulos acotío. O feito causou o enfado dos seus camaradas, ao consideraren que Kanno estaba a traizoar a Arahata, aínda en prisión. No outono de 1908 Kanno deixou de publicar durante case un ano debido ao traballo doméstico e tamén pola súa doenza, da que se estivo a recuperar durante varias semanas en febreiro de 1909.

O Incidente Kōtoku En 1909 Kanno coñeceu a Miyashita Daikichi, quen afirmou que fabricara bombas para asasinar o emperador. Miyashita, operario industrial, foi convencido por Morochika Umpei, un membro do Heiminsha, que o emperador en realidade non era un ser divino. Miyashita lera a obra de Uchiyama Gudō, un monxe budista que consideraba que os arrendatarios rurais ficaran empobrecidos ao seren explotados polas elites, especialmente o emperador e os terratenentes. Uchiyama, quen tamén afondara nas «orixes» reais do emperador, concluíu que este non era divino, senón un vulgar bandido sen poder real sobre a nación e vítima frecuente de inimigos estranxeiros.

Kanno, entusiasmada co complot desexaba emular a Sophia Perovskaia, quen participara no asasinato do tsar Alexandre II. A Kōtoku tamén lle interesaba a idea, aínda que se acabaría distanciando dos conspiradores. En maio de 1909 Uchiyama foi arrestado, o que incrementou a vixilancia no Heiminsha. Kōtoku negaría publicamente as acusacións de conspirar contra o imperio, mais el e Kanno xa estaban no punto de mira.

Miyashita confioulle ao seu amigo Shimizu Taichiro a bomba para o atentado. Porén, Taichiro traizoou o grupo e delatouno ante a policía. O complot foi desvelado en maio de 1910, con Kanno aínda en prisión. O goberno arrestou a calquera que tivese conexións con Kotoku. Foron procesados un total de 26 individuos, dos que Kanno era a única muller. Deles, 24 serían condenados a morte e 2 foron sancionados con penas de prisión. Porén, 12 das execucións foron finalmente conmutadas por ingresos en prisión.

Kanno enfrontouse co goberno de xeito directo e negouse a eludir calqueda responsabilidade. Remarcou:«Mesmo dentro do anarquismo eu era da á máis radical, así de sinxelo. Cando fun encarcerada en xuño de 1908 en relación co Incidente Kōtoku fiquei indignada coa brutalidade da policía. Concluín que nesas circunstancias non era posíbel difundirmos os nosos principios de xeito pacífico. Era necesario espertar a conciencia das persoas mediante disturbios ou cometendo asasinatos... Esperaba destruír non só o emperador, senón tamén outros elementos... O emperador Meiji, comparado con outros emperadores da historia, semella ter popularidade e é un bo tío. Malia que no persoal sinto mágoa por el, como emperador é o culpábel da explotación económica do pobo. No relativo á política el é a raíz de todos os crimes, e canto ao intelectual é a orixe principal das supersticións. Concluín, xa que logo, que unha persoa coa súa posición ten que ser aniquilada».Posteriormente, o xuíz preguntoulle a Kanno se desexaba facer unha última declaración. Esta afirmou que o seu único remorso era o fracaso do complot e sentiu que lles fallara a quen sacrificaran as súas vidas a prol do pobo. Kanno escribiu as súas memorias antes de morrer na forca o 25 de xaneiro de 1911. O diario Miyako Shimbun describiu a execución:«Subiu ao patíbulo escoltada polos gardas e axiña lle taparon a cara cunha tea branca... Despois ordenáronlle sentar ergueita no piso. Colocáronlle dúas cordas delgadas ao redor do pescozo e retiraron o piso. En doce minutos estaba morta».

Posturas Anarquismo