As células deciduais son as células que forman parte da decidua do endometrio uterino, formada na fase secretora ou luteínica do ciclo menstrual e pouco antes e durante a implantación do embrión. Antes de que o ovocito fecundado chegue ao útero, a mucosa do corpo do útero sofre importantes cambios e transfórmase no que se chama a decidua. O grosor e vascularidade da mucosa aumentan moito; as súas glándulas alónganse e ábrense na súa superficie libre por orificios con forma de funil, mentres que as súas porcións máis profundas son tortuosas e dilatadas en espazos irregulares. O tecido interglandular aumenta en cantidade e está ateigado de células grandes redondas, ovais ou poligonais denominadas células deciduais. O seu agrandamento é debido á acumulación de glicóxeno e lípidos no citoplasma o que permite que estas células proporcionen unha rica fonte de nutrición para o desenvolvemento do embrión. As células deciduais pénsase que controlan a invasión do endometrio por células trofoblásticas.

Experimentalmente, as células estromáticas endometriais humanas poden ser decidualizadas en cultivo usando análogos do AMP cíclico (AMPc) e proxesterona. As células cambian a un fenotipo decidualizado e mostran regulación á alza de marcadores comúns da decidualización, como a prolactina e o IGFBP1.

Notas

Este artigo incorpora texto en dominio público da páxina 59 da 20ª edición de "Gray's Anatomy" (1918).

Véxase tamén Ligazóns externas - "Female Reproductive System: placenta, decidual cells"

Categoría:Bioloxía do desenvolvemento Categoría:Aparato reprodutor feminino Categoría:Tipos de célula