Roberto "Teto" Rodríguez Fialhega, é un activista e independentista galego. Rodríguez Fialhega foi un dos primeiros independentistas galegos condenados en 2013 por pertencer a Resistência Galega, cunha condena de 18 anos de cárcere, rebaixada posteriormente polo Tribunal Supremo a 13 anos e 9 meses. O 24 de maio de 2024, Rodríguez Fialhega saíu do cárcere de Teixeiro logo de cumprir a condena.
Traxectoria Foi detido nun control de estrada en Vigo no ano 2011. En xuño de 2013, Rodríguez Fialhega foi acusado, xunto a María Osorio, Antom Santos Peres e Eduardo Vigo Domingues de pertencer á organización terrorista Resistência Galega, por posesión de explosivos e por falsificación de documentos. Os maxistrados consideraron que Rodríguez Fialhega e Vigo se reuniron o mesmo día da súa detención para entregar tres termos con explosivos. Nos fogares de Rodríguez Fialhega e Vigo atopáronse unha pota 3,2 quilos de substancias explosivas, documentación falsa, listas de posibles obxectivos e un manual sobre técnicas de interrogatorio da CIA. No xuízo aos catro independentistas considerouse probada a existencia da banda armada terrorista Resistência Galega, o cal sempre negaron os acusados. Nun principio, Rodríguez Fialhega foi condenado a 18 anos de cárcere, mais posteriormente, o Tribunal Supremo de España rebaixou a pena a 13 anos e 9 meses.
Durante a súa estadía no cárcere de Dueñas, en Palencia, recibiu a visita da eurodeputada Lidia Senra de Alternativa Galega de Esquerda, quen denunciou a dispersión dos presos independentistas galegos. En 2019, foi trasladado até o cárcere de Teixeiro. O 29 de decembro de 2023, Rodríguez Fialhega converteuse no primeiro preso do Colectivo de Presas Independentistas Galegas en acceder a beneficios penitenciarios ao saír de permiso logo de 12 anos na cadea. O 24 de maio de 2024, Rodríguez Fialhega saíu do cárcere de Teixeiro logo de cumprir a condena.
Notas
Categoría:Membros de Resistência Galega