alt=Retrato do emperador Xuanzong (r. 712-756), fundador do Xardín das Pereiras|miniatura|Retrato do emperador Xuanzong (r. 712-756), fundador do Xardín das Pereiras O Xardín das Pereiras ou Liyuan (chinés tradicional: 梨園; chinés simplificado: 梨园; pinyin: Lí Yuán; Wade-Giles: Li2-yüan2) foi a primeira academia real de artes escénicas e musicais da China. Foi fundada polo emperador Xuanzong (712-755) da dinastía Tang.

Etimoloxía

China O Xardín das Pereiras recibe o seu nome das árbores plantadas no interior do edificio no que se situaba a escola. Os seus estudantes eran comumente coñecidos coma os "fillos do Xardín das Pereiras". O célebre dramaturgo Guan Hanqing foi alcumado "líder do Xardín das Pereiras" (liyuan lingxiu 梨園領袖).

En dinastías posteriores, o termo liyuan serviu para referirse ao múndo da ópera chinesa en xeral. Aínda na actualidade, os intérpretes desta arte son chamados metaforicamente liyuan zidi 梨园子弟 ("fillos do Xardín das Pereiras"), e as familias con varias xeracións no oficio reciben o apelativo de liyuan shijia 梨园世家 ("familias do Xardín das Pereiras").

Xapón No Xapón, o termo equivalente rien 梨園 refírese ao mundo do kabuki. Este significado entrou en uso durante o período Edo, grazas aos estudos de eruditos especializados na cultura chinesa.

Historia

Primeiras fontes A primeira fonte histórica en facer referencia ao Xardín das Pereiras é o Yunyang gongji 云阳宫记 ("Os rexistros do pazo de Yunyang"), da dinastía Han (206 a.C.-220 d.C.). O texto menciona a existencia deste xardín xunto con outros dedicados a diversas árbores froiteiras, moito antes da creación da escola.

Fundación da escola A institución apareceu durante a dinastía Tang (618-907), coñecida como "a era dos mil entretementos". O emperador Xuanzong fundouna dentro da cidade palatina de Chang'an (actual Xi'an), co obxectivo de fomentar as actuacións de música, danza e teatro. En concreto, desexaba promover a música secular e o lecer, en contraposición ao templo Taichang, que se encargaba das composicións para os rituais e outros eventos formais. Trescentos músicos e intérpretes foron adestrados cada ano baixo a supervisión do propio monarca, que ás veces se unía aos estudantes nas súas actuacións.

Decadencia O centro viuse afectado pola rebelión de An Lushan, xa que Xuanzong tivo que fuxir até Sichuan para escapar das tropas inimigas, interrompendo o ensino no Xardín. A dispersión dos artistas e as mudanzas políticas impediron que recuperase a grandeza do seu apoxeo; porén, a súa decadencia contribuíu ao desenvolvemento da música folclórica entre as clases populares.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

A Brief History of Chinese Opera (ThougthCo)

Categoría:Historia da China Categoría:Literatura en lingua chinesa