miniatura|Peto de ánimas en Santa María de Cenlle Os petos de ánimas son unha construción, normalmente en pedra de cantería, na que se representan as ánimas dos defuntos, no purgatorio, co obxectivo de provocar unha oración e recadar esmolas para aliviar os seus sufrimentos e abreviar o tempo de castigo antes de poderen acceder ó ceo. Son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas, e poden verse distribuídos por toda a xeografía galega e en PortugalEspecialmente no sur de Galicia e norte de Portugal., onde reciben o nome de alminhas. Algunhas veces están vencellados ós cruceiros.
Tódolos construídos con anterioridade a 1901 están catalogados como bens de interese cultural.
Tamén comprenden eses pequenos petos de man, feitos en madeira, que se utilizan nas igrexas para pedir esmolas ós fieis, máis coñecidos como boetas<ref>"Caixa na que se recollen as esmolas nas igrexas ou noutros lugares. 'Na igrexa había unha boeta para cada santo e outra para as ánimas'''" (DRAG, consultado o 20.07.2024).</ref> e esmoleiros. Nunha das Cousas de CastelaoCousas. Segundo Libro, 1929, e publicado previamente en El Pueblo Gallego do 9.01.1927. o autor conta como el viu nunha eirexa da montaña, que non localiza, un esmoleiro feito coa caveira dunha persoa, cunha regaña no óso frontal. Explica que a caveira pertenceu a un home que roubara corenta e sete mil reais amparándose en leis inxustas.Castelao: Obras 1, Galaxia 1999, px. 163-164.
O nome, peto de ánimas, obedece á combinación dos termos peto (onde se deixan as esmolas) e ánimas (almas no purgatorio esculpidas ou pintadas no retablo).
Poden ser propiedade da igrexa parroquial, comunais ou particulares. Neste último caso, o dono entrega ó crego todo o que recade o peto.
Significado miniatura|Peto de ánimas en Aguasantas Coa introdución da idea do purgatorio a partir do século XII e a súa formulación definitiva como dogma de fe no Concilio de Trento (1545-1563),Que veu pechar as fortes controversias sobre o tema que se documentan, como mínimo, desde o Concilio de Lión de 1274. esténdese a doutrina de que a persoa que morre en pecado venial debe sufrir un castigo, variable segundo a gravidade dos seus pecados, nun lugar denominado purgatorio. Os familiares, amigos, veciños, etc poden reducir o tempo durante o que a súa alma ha de ser castigada ou o sufrimento inflixido por este castigo mediante oracións, misas e esmolas. E para centralizar estes actos piadosos constrúense os petos de ánimas, ante os que se rezaA esta acción de rezar con este obxectivo coñécese como sacar ánimas (Eladio Rodríguez, s. v. ánima). ou nos que se deposita esa esmola, nunha caixa ó efecto. Tamén foi moi común a entrega de esmolas en especie (pan, espigas de millo, etcNa Misa de Defuntos era tradición en Galicia ofrecer ás ánimas diferentes produtos agrícolas, como centeo, millo, patacas, castañas, etc. Yolanda Barriocanal testemuña a pervivencia deste costume na Xironda (Cualedro) e en San Pedro da Mezquita (A Merca).), que o crego da parroquia se encargaba de administrar ou facer unha poxa, do mesmo xeito que con ese diñeiro celebraba misas polos defuntos. Unha vez liberadas as almas e xa desde o ceo, intercederán por aquel que fixo a ofrenda, de xeito que a acción pretende tanto procurar a salvación das almas dos mortos como tamén de se asegurar a propia.
Era tradicional reservar con este fin aquelas espigas de millo que se forman unidas pola base, de xeito que toman unha forma piramidal na que a espiga principal parece levar consigo as espigas secundarias. Coñécense como espigas das ánimas.
Eladio Rodríguez define os petos como monumentos de piedade campesiña, que obedecen á devoción e ao respecto que inspiran no noso país as almas dos antepasados.Diccionario enciclopédio gallego-castellano, s. v. peto.
Moitos deles foron construídos pola devoción dun fregués ou, colectivamente, polos veciños dun lugar, como adoito se fai constar nas inscricións que se fan a carón do peto, sempre en castelán. O máis común son as peticións directas: "Hermanos, acuérdense de las ánimas" ou "Pasajero que vas andando, socorre las almas que están penando". Tamén existen advertencias como, por exemplo, no de Famelga de Aguasantas (Cerdedo Cotobade) no que se le: "Un alma tienes y no más, si la pierdes qué harás...". Noutros casos tamén se invita a recordar os antepasados: "Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos". E lémbrase que as oracións ou esmolas recibidas terán a súa recompensa: "Rogad por nos, Señor, y socorrednos con vuestros sufragios que nós pidiremos por vós". Non se ten constancia da autoría en ningún caso se ben resulta posible atribuír a un mesmo artista dous ou máis petos próximos entre si.
Segundo parece, en Galicia é no século XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas; e os máis antigos conservados corresponden ao século XVII.Yolanda Barriocanal, px. 23. Segundo Mariño Ferro a maioría dos petos construíronse nos séculos XVIII e XIX, e algúns no XX.Mariño Ferro, s. v. peto de ánimas. En Ourense, os exemplares máis antigos dos que consta a data de construción son un peto do Pereiro de Aguiar (de 1736) e outro de Lobios (de 1743).Yolanda Barriocanal, px. 24.
Localización, estrutura e iconografía miniatura|esquerda|Peto de ánimas en Bora (Pontevedra) Poden estar colocados en calquera lugar: igrexas, camiños, rúas, fontes, etc, aínda que adoitan estar nos lugares máis transitados polos veciños (prazas públicas, entrada ou saída do lugar, próximos á igrexa parroquial) para incitar a caridade dos transeúntes. Ás veces están unidos a un cruceiroDe modo que a representación do purgatorio está na base do varal ou o peto está arrimado ó cruceiro, como, por exemplo, o cruceiro con peto que hai no centro da Ponte da Ramallosa, entre Nigrán e Baiona., outras veces acaroados a un muro e tamén illados doutras estruturas, como elementos exentos, independentes. Tamén as súas dimensións son moi variadas, desde os máis simples (unha cruz gravada na pedra, simplemente, ou a imaxe dun santo ou dunha almaNo cruceiro de San Campio, en San Pedro da Ramallosa, en Nigrán, hai un peto de ánimas gravado no pé do fuste, que só mostra cinco cabeciñas entre as lapas, sen máis imaxes.) ata os máis historiados e de gran tamaño.Como por exemplo, os petos de ánimas do Toural (Vilaboa, Pontevedra), ou o de Petelos (en Mos) ou o de San Salvador de Poio.
miniatura|Peto de ánimas en Cesantes (Redondela) A estrutura tamén é variada, se ben adoitan ter un corpo central formado por unha fornela ocupada por un retablo no que normalmente se representan ás ánimas no purgatorio, en relevo ou pintura, e un peto debaixo para botar as esmolas. Este corpo central apóiase sobre unha base rectangular a modo de repisa (na que se abre a caixa para as esmolas, pechada cunha portiña de ferro cunha rañura para poder introducir as moedasYolanda Barriocanal (px. 34), di que recolle da sección "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza" do número 25 da revista Nós a seguinte crenza: "O que mete a uña no peto de ánimas andará despois de morto, vagando de noite polo sitio no que cometeu o pecado buscando algún familiar ou amigo que queira trocar en ben o mal que fixo, pois mentres no restitúa o que roubou ou non arranxe o que desfixo, non terá repouso na morte".); esa base apóiase nun pedestal que levanta a estrutura do chan. O peto adoita estar protexido por unha cuberta a dúas augas a modo de frontón triangular ou semicircular, rematado cunha sinxela cruz central, e estar pechado por unha reixa de ferro que pretende evitar vandalismos. Pode haber, naturalmente, elementos decorativos, como columnas, pilastras, cornixas, etc.
Como no caso dos cruceiros, os petos tamén estaban policromados con cores rechamantes, que se conservaron mellor que naqueles polo feito de estar resgardados dos rigores da chuvia e a erosión, ademais de ser repintados periodicamente por algún veciño.
A iconografía adoita consistir na representación, en dous rexistros diferenciados, das ánimas do purgatorio, en número variable e distribuídas en unha ou dúas ringleiras, entre as lapas que representan o castigo ó que están sometidas; preséntanse sempre de pé, núas, coas mans unidas rezando ou abertas como clamando perdón. Adoitan estar cubertas ata a cintura polas lapas pero tamén se poden reducir a simples cabezas; a diferenza de sexos exprésase pola lonxitude do cabelo e non polos trazos anatómicos propios. Entre estas ánimas non faltan figuras das clases sociais máis favorecidas (reis, bispos, cregos) que se identifican facilmente por estar coroados pola mitra, tiara ou a coroa, ou mostrar a tonsura dos eclesiásticos; así quérese reflectir a igualdade de todos, nobres e plebeos, ante a xustiza divina. En ocasións pode existir un rexistro inferior que representa o inferno, con demos, grellas, etc, pero son casos excepcionais. Tamén é excepcional representar as ánimas dentro dun caldeiro entre chamas, que fai lembrar o caldeiro de Pedro Botero, é dicir, o inferno, nunha transposición figurativa equivocada.Por exemplo, en Muros ou en San Munio de Veiga (A Bola).
Sobre as figuras das ánimas móstrase nun rexistro superior o ceo, no que se representan -por veces entre nubes- a Virxe do Carme acompañada de San Francisco de Asís ou ben de Santo Antón. A Virxe recolle as almas co seu escapulario e San Francisco ou Santo Antón coa corda que usaban os franciscanos a modo de cinto.No de Petelos (Mos), San Francisco colle das mans a dúas ánimas. Non son infrecuentes os petos nos que só aparece a Virxe ou San Francisco, así como os casos nos que se esculpen outras figuras -substituíndo ou acompañando ás anteriores-, como XesucristoComo no peto da Xesteira, en Castrelo, Cambados; ou en Bora (Pontevedra), onde dúas figuras -probablemente a Virxe e a Madalena- acompañan a Cristo., o San Miguel ArcanxoNo seu papel de xulgador das obras boas e malas no Xuízo Final mediante a pesaxe das almas (psicostasis)., a Trindade ou anxos que interceden polas ánimas.
O Papa Xoán XXII declarou en 1322 que a Virxe se lle apareceu e lle prometeu descender ao purgatorio os sábados para salvar almas (promesa que quedou recollida na chamada Bula sabatina), e no século XV xa aparece na pintura asociada ao purgatorio; en Galicia crese que os que morren en sábado van directamente ao ceo.Yolanda Barriocanal, px. 42.
O culto aos petos de ánimas
Resulta- ou resultaba- habitual que, ao pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. Tamén se lles reza para agradecer algún favor feito, porque acostuman a axudar aos vivos. Pídeselles axuda para solucionar algún problema e colócanselles flores e candeas no seu recordo.
Conservación e protección Nin a devoción popular nin a catalogación como patrimonio artístico impediu que moitos petos terminaran arruinados, vítimas de roubos e abandonados ás agresións derivadas da súa situación á intemperie.A modo de exemplo, lémbrese que en outubro de 2023 foi vandalizado o peto de Cacheiras (Teo, sobre o que se verteu un bote de pintura vermella (La Voz de Galicia, 26.10.2023).