No estás sola: la lucha contra La Manada é un filme documental español de 2024 dirixido por Almudena Carracedo e Robert Bahar. O filme trata sobre o caso de violencia sexual de La Manada que se produciu durante os Sanfermines de 2016, en Pamplona. Foi producido por Lucernam Films e distribuíuse pola plataforma estadounidense Netflix.

Sinopse Producido en segredo ao longo de tres anos e medio, este documental recolle os acontecementos arredor da agresión sexual sufrida por unha rapaza que tivo lugar o 6 de xullo de 2016, durante as festas de San Fermín, por parte dun grupo de cinco homes que se facían chamar La Manada. A través dunha narración das vítimas, con Natalia de Molina e Carolina Yuste poñendo as súas voces para protexer o seu anonimato, a longametraxe expón os erros do sistema xudicial, o papel dos medios de comunicación e a sociedade no seu tratamento sobre a violencia sexual.

Produción Almudena Carracedo e Robert Bahar, directores do documental El silencio de otros sobre as vítimas do franquismo, realizaron para No estás sola máis de sesenta horas de entrevistas, cincuenta horas de material visual orixinal e por volta de mil horas de arquivo. Ademais, achéganse testemuños e análises de varios expertos policiais así como dalgunhas persoas protagonistas do caso pertencentes ao eido xudicial, como a fiscal Elena Sarasate, político, como o alcalde de Pamplona en 2016, Joseba Asiron, dos medios, como a xornalista Ana Requena, e feminista.

O documental tamén abrangue a agresión en Pozoblanco, cometida por catro dos mesmos acusados, e o asasinato de Nagore Laffage en 2008, o que permite ver unha evolución sobre a percepción dos diferentes casos na sociedade española. Ademais, amósase como o movemento feminista se organizou para apoiar a vítima empregando os lemas “Hermana, yo sí te creo”, “No es abuso, es violación” e “No estás sola”, e facilitando que este caso se convertese no catalizador do primeiro movemento #MeToo español usando nas redes sociais o cancelo #Cuéntalo. Estas manifestacións en diversos lugares de España e de varios países de América Latina, remataron cunhas mobilizacións feministas masivas en 2018 e nunha mudanza de lexislación que poñía o foco no consentimento sexual pasando da idea de “Non é non” a “Só si é si”, articulada na Lei Orgánica de Garantía Integral da Liberdade Sexual de 2022 impulsada polo Ministerio de Igualdade.

Estrea Antes da súa estrea en Netflix o 1 de marzo de 2024, organizáronse proxeccións en salas de cinema en diferentes cidades de España. Algunhas destas proxeccións contaron coa participación dos seus directores Almudena Carracedo e Robert Bahar, como na Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España (AACCE), onde tamén asistiron diferentes representantes do Goberno de España.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Cultura da violación

Categoría:Filmes de 2024 Categoría:Filmes en lingua castelá Categoría:Filmes de España Categoría:Filmes de Netflix