A antroponimia é a rama da lingüística que se ocupa dos nomes propios e apelidos das persoas, como parte da onomástica, división que estuda os nomes propios en xeral.
Orixe dos antropónimos galegos A altura da formación das linguas románicas, entre os séculos VI e IX, o exame da documentación referida a Galiza, escrita en latín, ofrece as seguintes tradicións antroponímicas:
O patrimonio romano, que engloba nomes persoais de orixe latina (Fortunius, Valerius, Marina etc.), grega ( Eusebius, Eugenia, Eulalia etc.) e hebrea (Ismael, Osías, Maria etc).
O legado xermano, maiormente gótico pero tamén suevo, aínda que sexan difíciles de separar, con formas latinizadas: Bermudus, Rudesindus, Miro, Aldegundia, Ilduara, Tota / Toda etc.
O patrimonio hispánico, posibelmente en boa medida onomásticos vascoides, que se reflicte nunha serie de nomes, pouco numerosos, que chegan a acadar un certo éxito: Velasco / Vasco, García, Urraca / Orraca, Scemeno / Scemena.
Algúns casos esporádicos de onomásticos árabes, pola chegada a territorio galego de cativos musulmáns ou de refuxiados mozárabes.
O uso dun único nome para cada individuo, fronte ó costume romano dos tria nomina.
Orixe altomedieval dos apelidos galegos A partir do século IX comeza a aparecer un segundo nome. Este é o xerme do que logo se designaría como apelido. A pesar de que se usaba unha gran variedade de nomes, estes comezaron a repetirse, porque confluíron un aumento demográfico coa repetición de nomes por moda; así, subsistiu a necesidade de identificar con claridade a cadaquén (así un escrito de 1007 distingue "alio Vimara": "outro Vimara" porque se citara antes un homónimo dese). Empregaranse varios recursos:
O nome do pai, ben aposto en nominativo: Fromarigus Vidisclia (966), ben aposto en xenitivo, p.e.: Vistrarius Eroni (966), ou ben aposto cun sufixo coas variantes -ici, -izi, -it ou -iz, que despois se xeneralizou en -ez, p.ex. Emisindus Petriz (a. 935), Marina Ovequiz (a. 1082), Marina Ramirici (a. 1108), Exemena Suarizi (a. 1110), Gimara Pait (a. 1193).
O oficio ou profesión, que os documentos máis antigos, nos que aparecen primordialmente individuos dos estratos superiores reflicten como cargos institucionais: Raymundus comes (a. 921), Onorigus confesor (a. 928), Gudigeve abatisse (a. 964), Menendo monacho (a. 1076).
A orixe xeográfica do individuo, que nos tanteos iniciais pode ser mesmo un sintagma: Genitigia, quae fuit de Lemabus (a. 997), é dicir: Genitigia, que era de Lemos.
Un alcume ou sobrenome. Xa en 997 temos un Uincentius Malus, i.e. Vicente (o) Malo. Nun só documento de 1137: Pelagius Curvus, Didacus Capas, Aluarus Rubeus.
Unha variante máis viría engadirse para conformar a variedade temática dos apelidos galegos, que serán os de orixe estranxeira, entendido nun sentido lato, como apelidos fóra do sistema lingüístico propio de Galiza, en rápido proceso de formación:
Apelidos estranxeiros de diversa orixe: casteláns, cataláns, franceses etc. O seu número foi aumentando a medida que se acrecentou a afluencia de forasteiros, á par da importancia do Camiño de Santiago. Xa en 955 cítase en Compostela un Bertenando Franco, demasiado xenérico, mais en 1199 atopamos en Melide un Nuno Gualman, que pode ser o antecedente máis remoto coñecido do aínda actual Galmán.
Apelidos galegos medievais Da aplicación desas modalidades foran aparecendo ao longo da Idade Media os diversos apelidos:
Apelidos patronímicos Da primeira xorden os apelidos patronímicos (matronímicos se proceden do nome da nai). Velaí unha mostra de apelidos galegos medievais con exemplos documentais, na que se indican en letra grosa as formas actuais: Álvarez (p.ex., en 1082: Monio Alvariz; en 1281: Iohan Aluarez), Bermúdez (1082: Roderico Veremudiz), Bernárdez (1454: Afonso Bernaldes), Díaz (1001: Odoarius Didaci; 1244: Lopo Dias), Domínguez (1269: Pedro Domínguez), Estévez < STEPHANICI < STEPHANUS (1274: Martín Steuâês ; 1276: Marina Esteueez), Fagúndez , de FACUNDUS (1316: Pay Fagundez), Fernández (1082: Odoario Fernandiz, 1307: Sancha Fernandes), Flórez (1323: Lopo Flores), Froiz / Frois < FROILICI < FROILA, segundo Piel (1137: Didacus Froilet; 1147: Ramirus Froiez; 1271: Garcia Froyes), Giráldez, desde GIRALDUS < GERHARDT (1158: Arias Giraldiz; 1307: Roy Giraldez), Gonçálvez < GUNDISALUICI < GUNDISALUUS (1137: Pelagius Goncaluiz; 1370: Affonso Gonçalues) e o seu correlato González (1360: Fernan Gonçalez das Lageas; 1408: Nuno Gonçalez; 1520: Marquesa Gonçales), Gutiérrez (1001: Pepi Gutierriz, 1227: Fernando Guterriz), Henríquez / Enríquez (1257: Johan Anriquez), López (1095: Scemeno Lupiz; 1360: Gonçaluo Lopes), Martíns ou Martís (1198: Iohannes Martiniz; 1231: Pay Martiz; 1260: Oracha Martijz), Méndez < MENENDICI < MENENDUS < HERMENEGILDUS (982: Sisnandus Menendiz; 1321: Roy Meendez; 1460: Costança Mendes), Miguez ou Miguéns < MICHAELICI (1188: Rui Miguez; 1295: Ioham Mjgéés; 1491: Gomes Migues), Moniz (1076: Maria Monniz; 1274: Azêda Moniz), Muñiz (1016: Ecta Munici; 1227: Petrus Muniz de Suagildi), Muñoz < xenitivo de MUNIO, -ONIS (1001: Nunno Munionis; 1228: Dominicus Munionis), Núnez (1016: Nunius Nuniz; 1281: Aras Nunez; 1516: Barbora Nunnes), Ordóñez, de ORDOÑO (1111: Veremundi Ordonis; 1273: Paay Ordonez de Penosinus), Ozores < OSORICI < OSORIUS (1156: Petrus Osoriz; 1280: Gonçaluo Osorez), Páez < PELAGICI < PELAGIUS (1082: Didaco Pelaiz; 1241: Gonçaluo Paez) ou, coa mesma orixe Pais (1271: Domingo Pays de Camoira ; 1281: Maria Payz) e Paz / Pas (1323: Roy Paas; 1454: Aluaro Paas), Pérez < PETRICI < PETRUS (1095: Muninus Petriz; 1216: Aras Perez), Ramírez (1001: Ranemirus Ranemiriz ; 1271: Martin Ramiriz), Reimóndez, posibelmente de RAGIMUNDUS (1271: Váásco Reymondez), Rodríguez (1153: Alvarus Ruderiguiz Gallecie; 1298: Sancha Rodriguez; 1429: Biringuela Rodrigues), Salvadores (1243: Dominicus Salvatoris; 1370: Pedro Salvadores), Sánchez (1091: Aragonti Sangiç ; 1115: Eldoncia Sanchiz; 1394: Aluar Sanches de Hulloa), Suárez < SUARICI < SUARIUS (1164: Sanxa Suarici; 1257: Martin Suares), Vázquez (1087: Osorio Velasquiz, 1106: Gudesteo Veasquiz; 1160: Petrus Vahasquiz; 1272: Meen Vaasquez; 1497: Roy Vasques) etc. De IOHANNIS, usado como xenitivo, formaranse varios resultados diferentes: Anes (1262: Pedre Anes; 1454: Maria Anes,) Eans, Eanes, Enes, Ennes, Ianes, Yanes (1273: Eldora Yanes, que en 1276 aparece como Eldora Eanes; 1275: Laurenço Ianes d'Ourense; 1396: Eynes Ianes), Oanes (1082: Tota Joanis; 1272: Migael Joanes; 1279: Gonzaluo Oanes).
Algúns dos patronímicos, por diversas razóns (pola súa estrutura fonética ou morfolóxica ou por introducírense tardiamente)non levan sufixo -ez/-es, de modo que coinciden co nome propio:Abel (1361: Johan d'Auel), Afonso (1520: Fernando d'Afonso), André/ Andrés (1321: Martín André / 1333: Johan Andres), Ares (1254: Rodrigo Ares) ou a súa variante Arias (1151: Froyla Arias), García (1316: Aras Garcia; 1454: Eluira Garçia), Giao < IULIANO (1454: Lopo Giaao), Gil < AEGIDII, a través do francés (ca. 1152: Petrus Gil; 1287: Steuao Gil), Gómez (1227: Ruderico Gomez; 1335: Eynes Gomes; 1489: Sancha Gomes), Jácome < IACOB (1291: Pedro Jácome), Macía < MATHIA (1347: 1347: Pedro Maçia; 1454: Oraqa Maçia), Martín < MARTINI (1252: Marie Martin; 1467: Juan Martin), Ogea / Ojea < EUGENIA (1423: Lopo Ougea; 1482: Aluaro Ougea), Tomé < THOMAE (1255: Petro Tome; 1290: Martin Thome; 1454: Johan Tome); Vidal < VITALE(M) (1240: Petro Vitale; 1305: Johan Vidal).
Pode observarse que do mesmo xeito que temos un vocabulario común co castelán, o corpus de apelidos patronímicos de Galiza evolucionou, en certos casos, para resultados coincidentes.
Outra conclusión que se pode extraer é que segundo avanzou a Idade Media, os nomes propios con procedencia na área grecorromana foran aumentando fronte aos xermánicos, maioritarios no período altomedieval.
Apelidos indicando profesión Da segunda modalidade de aposicións altomedievais xurdiran os apelidos que indica profesión, oficio, dignidade etc. Así por exemplo:
Bispo / Vispo (1435: Roy Bispo; 1489: Fernán Vyspo), Cabaneiro (1249: Rodericus Petri, dictus Cabanerus; S. XV: Johan Cabaneiro), Cabreiro (1436: Martin Cabreiro), Capelán (1455: Eluira do Capelán), Casado (1294: Johan Casado), Cerralleiro (1454: Afonso Saraleyro), Chantres (1316: Afon Peres Chantres), Colmeiro (1482: Lopo Colmeyro), Ferreiro / Ferreira (1274: Vicente ferreyro; 1422: Estevoo Ferreiro; 1454: Costança Ferreyra), porén a forma feminina pode ser tamén de orixe toponímica; Frade (1285: Iohan do Frade), Freire (1289: Aras Freyre; 1442: Johan Freire), Labrador (1403: Fernán Lavrador), Mariño (1273: Pero Marino; 1467: Juan Marynno), Mercador (1274: Pero Perez dito mercador d'Ourense; 1406: Ares Mercador), Mogo (1225: Gundisalvo Monago; Johanne Moogo Costanzo), Moleiro (1333: Pero Molleyro; 1407: Fernán Moleiro), Notario (1488: Jacome Notario), Porteiro (1282: Pedro Uidal dito Porteyro; 1350: Martin Porteiro), Romeu (1251: Petro Romeu; 1467: Jacome Romeu), Señor (1306: Johan Sennor; 1450: Maria Señora).
Apelidos toponímicos A terceira modalidade orixinou os apelidos toponímicos. Na inmensa maioría dos casos o topónimo vai precedido da preposición de, o que demostra que os apelidos actuais con tal preposición non indican de por si a pertenza a unha liñaxe nobiliaria. Velaquí unha mostra:
Abeleda (1278: Pedro Sanchez d'Auelaeda; 1484: Pedro de Abeleda), Araúxo (1491: Ferrán d'Araujo), Brandeso (1484: Juan de Brandeso), Arousa (1416: Pero da Arouça), Camós (1437: Gonçalvo de Camoes), Garabatos (1495: Ares de Garabatos), Insua (1454: Johan da Ynsoa), Irixoa (1429: Juan de Irijoa), Xunqueira (1374:Pedro de Junqueira), Laxe < de LAGENA (1269: Martin da Lagea; 1331: Iohanne da Lage; 1549: Ruy da Laje), Lago (1438: Gonçalvo do Lago), Merza (1422: Afonso de Merça), Lemos (1414: Johan de Lemos), Nóvoa (1364: Johan de Novoa; 1435: Lyonor de Noboa), Pumar (1434: Vaasco do Pumar), Remesal (1289: Pedro Remesal), Ruanova (1454: Gomes da Rua Noba; 1481: Pero da Rua Nova), Sanlés < da comarca do Salnés < (TERRA) SALINENSE (1416: Afonso de Salnes; 1438: Afonso Sanles do Camino), Sas < de SALAS (1500: Juan de Saas), Torre / Atorre (1276: Ruy Perez dictu da Torre; 1505: Gomes da Torre), Valeirón / Baleirón (1158: Petrus de Valeiron; 1365: Iohan Valeiron), Viso (1417: Gonçalvo de Viço, 1486: Afonso do Vyso)
Tamén pertencen a esta sección boa parte dos apelidos orixinados en nomes de santos, porque con frecuencia aluden ao santo protector da freguesía de orixe do individuo ou ben indica un lugar formado por un haxiotopónimo (en casos poden aludir ao santo do día, ou a unha devoción particular):
Sampaio (1470: Fernan de Sam Payo), San Pedro / Sampedro (1442: Aluaro de Sant Pedro; 1502: Juan de San Pedro), Sanfiz (1519: Gonçalo de San Fiis), Sanxurxo (1342: Gomez Eanes de San Gurgo; 1491: Jacome de Sanjurjo), Seoane (1430: Iohan Seoane; 1474: Fernan de Seoane), Santalla (1470: Ares de Santalla).
Tamén se poden incluír aquí os apelidos orixinados en xentilicios: Galego (1297: Pero Galego da Garda), Esturao "asturiano" (1487: Fernando Asturiaao), Portugués (1488: Pedro Portuguees), Alamán / Alemán (1438: Rodrigo Alaman), Franco (1349: Fernan Franco).
Alcuños A cuarta modalidade deu lugar aos apelidos orixinados dun alcume ou sobrenomes. Os temas poden ser variados: