José María Abalo Abad, nado en Vilagarcía de Arousa en 1884 e finado en Donostia o 1 de setembro de 1954, foi un futbolista e catedrático de universidade galego. Un dos principais impulsores do fútbol na cidade da Coruña, foi fundador do histórico Real Club Coruña, xogou como dianteiro no Vigo Sporting e máis tarde foi árbitro.
Traxectoria Naceu en Vilagarcía de Arousa, sendo fillo dun empresario local, e estudou en Londres nun internado. Na súa estancia en Inglaterra interesouse polo fútbol, e cando regresou a Galicia fíxoo cunha pelota na súa maleta.
Proseguiu estudos na Escola de Comercio da Coruña, e alí contaxioulles aos seus compañeiros o interese polo fútbol. En 1901, Abalo e varios compañeiros da Escola de Comercio e amigos, asiduos varios deles á Cova Céltica, decidiron estabelecer un club, o cal nomearon inicialmente The Corunna Foot Ball Club e que foi o primeiro equipo de fútbol da Coruña.
O novo club novo adoptou as regulacións da Asociación de Fútbol británica e empezou a adestrar na zona coñecida como El Relleno, xunto a Riazor. Disputou o primeiro partido da súa historia o 19 de febreiro de 1902 na praza de touros da cidade, na que xogou durante os seus inicios. Con todo, segundo o comerciante, árbitro e crítico deportivo Manuel Monteagudo, contemporáneo e testemuña dos primeiros pasos do club, aquel foi só un encontro de proba, sendo o primeiro partido formal o que se xogou unha semana despois e no que participaron 23 xogadores.
O club continuou xogando partidos entre membros do propio equipo durante os seguintes dous anos, ata que encontrou un rival en marzo de 1904. Este foi un equipo formado pola tripulación do Diligent, un buque a vapor inglés que naufragara fronte á Coruña. Mentres os tripulantes do barco inglés esperaban unha solución, organizouse un partido de fútbol entre os mariños e os membros do Corunna, fixándose o encontro para o domingo 6 de marzo na praza de touros, aínda que finalmente a choiva obrigou a adialo ata o domingo 13. miniatura|Equipo do Real Club Coruña, club do que Abalo foi un dos fundadores en 1901. Abalo formou na dianteira daquel partido xunto a Enrique Gerbolés, Arturo Senra, Uxío Carré Alvarellos e Juan Sáenz, e foi o autor do primeiro gol. Ambos equipos volveron enfrontarse unha semana despois, con vitoria inglesa por 2-5, e xogaron un terceiro partido ese mesmo mes, conseguindo finalmente a vitoria o bando galego por 2-1. Pouco despois pasaron a xogar no Corralón da Gaiteira, o primeiro campo de fútbol permanente da cidade.
Na tempada 1906–07 Abalo xogou como dianteiro no Vigo Sporting, metendo dous goles na Copa do Rei de 1907, un deles o que supuxo a vitoria fronte ao Club Bizcaya. Ao tempo, fundou na súa vila natal en 1907 o Villagarcia FC, equipo ao cal o Madrid CF convidou para participar nun partido de adestramento.
Arbitrou a final da Copa do Rei de 1908 entre o Madrid FC e o Vigo Sporting, que venceu o primeiro por 1–2. Nos anos seguintes Abalo continuou a practicar o fútbol e mesmo o rugby, nos campos de Santa Rita e A Lomba, "presenciado por unha grande audiencia".
Traxectoria académica Tras rematar os estudos, foi profesor de inglés na Universidade de Oviedo, onde publicou en 1911 a obra El traductor de inglés e en 1913 Gramática inglesa. Método teorico-práctico. Despois pasou a dar clase na Escola de Comercio de Donostia, cidade na que faleceu en setembro de 1954. Foi membro correspondente da Real Academia Galega.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Futbolistas de Vilagarcía de Arousa Categoría:Finados en 1954 Categoría:Nados en 1884 Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Árbitros de fútbol de Galicia Categoría:Membros correspondentes da Real Academia Galega Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Xogadores do Real Vigo Sporting Club Categoría:Profesores de Galicia