ExoMars Trace Gas Orbiter ou TGO, tamén coñecida como ExoMars 2016, é unha sonda espacial da ESA lanzado o 14 de marzo de 2016 a bordo dun foguete Proton M Briz-M desde o Cosmódromo de Baikonur cara Marte.

Características TGO é a primeira sonda do programa ExoMars da Axencia Espacial Europea, deseñado para buscar rastros de vida presente ou pasada en Marte.

A misión de TGO é caracterizar a atmosfera marciana en busca de gases trazada como o metano, que poden ser indicio de actividade biolóxica. Debe servir tamén como enlace para un futuro explorador de superficie europeo. A nave ten unha masa ao lanzamento de 3732 kg (sen contar o módulo de aterraxe de proba Schiaparelli) e ten forma aproximada de caixa de 3,2 x 2,0 x 2,0 metros con dous paneis solares cunha envergadura de 17,5 m que producen ata 2 kW de potencia, alimentando baterías de ión litio cunha capacidade de 5,1 kWh. A propulsión corre a cargo de dun motor principal bipropelente de 424 N de impulso. As comunicacións teñen lugar mediante un sistema en banda X de 65 W de potencia e unha antena de prato de 2,2 m de diámetro, con tres antenas de baixa ganancia. As comunicacións coa superficie marciana teñen lugar mediante o transceptor UHF do sistema Electra e unha antena de hélice.

A nave chegou a Marte en outubro de 2016, tras sete meses de viaxe. Tres días antes da chegada soltou o módulo Schiaparelli para a súa entrada atmosférica. Tras varias manobras, incluíndo unha fase de aerofreado, TGO quedou na súa órbita científica de 400 km de altura en abril de 2018. En 2024 segue dando froitos, con TGO e o seu aparello Colour and Stereo Surface Imaging System (CaSSIS) recollendo novidosos datos da superficie.

Instrumentos ExoMars TGO leva os seguintes instrumentos a bordo, totalizando 112 kg de material científico:

Mars Atmospheric Trace Molecule Occultation Spectrometer (MATMOS), un espectrómetro infravermello para detectar concentracións moi baixas de moléculas na atmosfera. Espectrómetro de nadir de alta resolución por ocultación solar (SOIR/NOMAD), outro espectrómetro infravermello, este para detectar sustancias traza na atmosfera e cartografar a súa posición na superficie. ExoMars Climate Sounder (EMCS), un radiómetro infravermello para facer medicións glbais diarias do po, vapor de auga e especies químicas na atmosfera para axudar na análise dos datos dos espectrómetros. High-resolution Stereo Color Imager (HiSCI), unha cámara estéreo en catro colores e unha resolución de 2 metros. Mars Atmospheric Global Imaging Experiment (MAGIE), unha cámara multiespectral gran angular para obter imaxes globais e contextualizar os datos do resto de instrumentos.

Módulo Schiaparelli Xunto con TGO voou o módulo demostrador de entrada descenso e aterraxe (Entry, Descent and landing demonstrator Module, EDM) Schiaparelli para probar técnicas de entrada e aterraxe suaves na superficie marciana. O módulo, construído en colaboración con Roskosmos e de 600 kg de masa, estrelouse contra a superficie a causa dunha anomalía no software que fixo crer ao módulo que estaba próximo a terra cando faltaban case 4 km, liberándose do paracaídas e activando os motores de aterraxe. Durante 3,7 km o módulo foi en caída libre ata o impacto co solo.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Proton M Briz-M

Ligazóns externas Páxina de ExoMars na ESA

Categoría:Sondas espaciais