Nobuko Yoshiya (), nada o 12 de xaneiro de 1896 e finada o 11 de xullo de 1973, foi unha novelista xaponesa activa durante os períodos Taishō e Shōwa. Trátase dunha das escritoras máis vendidas e prolíficas do Xapón contemporáneo, especializada nas novelas románticas e para rapazas adolescentes. Foi pioneira da literatura lesbiana, en especial do subxénero clase S.

Traxectoria Yoshiya naceu en Niigata, mais criouse nas cidades de Mooka e Tochigi, na prefectura de Tochigi. O seu pai foi policía local e, máis tarde, membro do goberno local, polo que a súa familia tivo que mudarse varias veces debido aos seus traslados. Nobuko foi a única filla e a máis nova de cinco irmáns. Ambos pais eran de ascendencia samurai. Xa que tiñan unha mentalidade conservadora, criárona para ser unha boa esposa, o rol que se esperaba para as mulleres no Xapón de Meiji. A pesar disto, Yoshiya comezou a súa carreira literaria xa de adolescente, paixón que desenvolveu durante o seu tempo aprendendo os labores domésticos coa súa nai.

En 1915, trasladouse a Tokyo, iniciando un estilo de vida que a afastaría das convencións sociais e de xénero da súa época. Así, adoitaba vestir cun estilo andróxino, incluso en sesións de fotos para revistas. Foi unha das primeiras mulleres xaponesas en imitar a moda occidental dos anos vinte de levar o pelo curto. Tamén foi a primeira nipoa en ter un coche, un cabalo de carreiras ou xogar ao golf. Así mesmo, deseñou a súa propia vivenda.

En 1938, uniuse ao Pen butai (en galego, "Corpo da pluma"), unha organización gobernamental de escritores que viaxou á fronte durante a segunda guerra sino-xaponesa para escribir textos en favor das tropas despregadas na China. Yoshiya e Hayashi Fumiko foron as únicas mulleres do grupo.

Yoshiya viviu en Kamakura (prefectura de Kanagawa) durante e despois da segunda guerra mundial. En 1962, construíu unha casa tradicional de madeira cun xardín de estilo xaponés, nun barrio tranquilo. Esta foi legada á cidade de Kamakura tras do seu pasamento, co obxectivo de promover actividades educativas e culturais para mulleres. Yoshiya faleceu aos 77 anos dun cancro de colon, e a súa casa foi reconvertida no Museo Memorial Yoshiya Nobuko. A día de hoxe, consérvase o seu estudo intacto, cos seus obxectos favoritos e manuscritos orixinais. Foi soterrada no templo de Kōtoku-in de Kamakura, tras o seu célebre Daibutsu.

Vida persoal En xaneiro de 1923, Yoshiya coñeceu a Chiyo Monma, profesora de matemáticas nunha escola de rapazas de Tokyo. Ambas manterían unha relación amorosa durante 50 anos. A diferenza de moitas figuras públicas xaponesas, Yoshiya non tivo reticencias en revelar detalles da súa vida privada a través de fotografías, ensaios persoais e entrevistas. Para 1926, xa traballaban conxuntamente como autora e secretaria. En 1957, Yoshiya adoptou a Monma como a súa filla, a única maneira en que unha parella de mulleres podía compartir propiedades ou tomar decisións médicas.

Ambas viaxaron por Manchuria e a Unión Soviética, establecéndose por un ano en París. Entre 1927 e 1928, regresaron ao Xapón polos Estados Unidos. A finais da década de 1930, visitaron tamén as Indias Orientais Neerlandesas e a Indochina Francesa.

Obra Unha das súas primeiras obras, Hana monogatari 花物語 ("Historias das flores", 1916-1924), unha serie de cincuenta e dous relatos sobre amizades románticas, popularizouse entre as estudantes do Xapón. Estes textos representan amores platónicos, non correspondidos ou sen un final feliz, e falan do desexo entre mulleres cun ton case narcisista.

Pola súa banda, Yaneura no nishojo 屋根裏の二處女 ("Dúas virxes no ático", 1919), de carácter autobiográfico, describe o amor de dúas compañeiras de cuarto. Na súa derradeira escena, ambas deciden vivir xuntas como parella. Esta obra cuestiona os estándares patriarcais da sociedade da época, ao tempo que presenta dúas protagonistas cunha marcada actitude feminista. Ademais, reflicte a propia orientación sexual da autora. Un ano máis tarde, en 1920, gañou o premio literario da delegación de Osaka do xornal Asahi Shimbun polo libro Chi no hate made 地の果てまで ("Até os confíns da Terra"), de influencia cristiá.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Feministas do Xapón Categoría:Finados en 1973 Categoría:Nados en 1896 Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Finados por cancro colorrectal Categoría:Escritores LGTB