Akiko Yosano (en ), nada o 7 de decembro de 1878 e finada o 29 de maio de 1942, foi unha escritora, poeta, feminista, pacifista e activista xaponesa dos períodos Meiji, Taishō e Shōwa. Trátase dunha das figuras máis notables e polémicas da poesía nipoa contemporánea.

Traxectoria

Primeiros anos Akiko Yosano naceu nunha próspera familia de comerciantes de Sakai, preto de Osaka. Dende os 11 anos, estivo ao cargo do negocio familiar, unha empresa dedicada á produción e venda de yōkan, un tipo de doce a base de anko. Xa nesta época gustaba da lectura de obras literarias, que obtiña principalmente da biblioteca paterna. Comezou a publicar durante a secundaria na revista de poesía Myōjō, á que estaba subscrita. O editor da mesma, Tekkan Yosano, co que casaría tempo despois, ensinoulle a escribir poesía tanka. A parella coñeceuse durante as visitas de Tekkan a Osaka e Sekai, onde impartía aulas e talleres. Na mesma viaxe fixeron amizade con Tomiko Yamakawa, coa que Tekkan tivo unha relación amorosa.

Durante a súa infancia, Yosano careceu de contacto con homes, xa que non se lle permitía saír da casa sen acompañamento ou entrar en fogares alleos. Logo de casar, reflexionou negativamente sobre esta parte da súa vida:

Pola súa banda, cando coñeceu a Akiko Yosano, Tekkan xa tiña unha esposa, á que abandonou. Os dous poetas principiaron unha nova vida xuntos nun suburbio de Tokyo. Contraeron matrimonio en 1901, cando Yosano contaba 23 anos. Ambos terían 13 fillos, dos cales 2 morreron moi novos. Tekkan mantivo relacións extramaritais durante a súa relación, incluso coa súa antiga muller.

Midaregami En 1901, Yosano publicou o seu primeiro volume de tanka, titulado Midaregami ("Cabelos enguedellados"), o cal contén uns 400 poemas. Trátase da máis coñecida das súas obras por achegar un individualismo apaixonado á poesía tradicional nipoa, unha combinación sen precedentes no período Meiji. A crítica da época foi demoledora co libro. Malia esta reacción, difundiuse amplamente, inspirando a moitos intelectuais e librepensadores. Neste sentido, a autora converteuse nunha das principais voces da literatura xaponesa moderna.

A meirande parte dos poemas son de temática amorosa, e expresan os sentimentos de Yosano polo seu marido. A concepción do feminino establecida no texto era moi infrecuente para a época. Para a moral tradicional do Xapón, as mulleres debían ser xentís e modestas. Ademais, o seu rol doméstico e social reducíase á procreación e mais ao coidado dos fillos, especialmente dos varóns. Porén, Midaregami recolleu ideas e problemas das mulleres que non adoitaban ser divulgados publicamente; así mesmo, creou unha nova e revolucionaria imaxe das mulleres (dinámica, libre, sexual e asertiva), que nada tiña que ver coa visión tradicional. Así, a voz poética de Yosano non é pasiva, senón activa na súa vida amorosa. Por exemplo, nun dos seus poemas, escribiu:

Xa que logo, Midaregami supuxo un reto para os valores patriarcais da sociedade xaponesa, así como para as convencións literarias e culturais do seu tempo. Malia ser denunciada e severamente criticada, Yosano inspirou a moitas das súas contemporáneas.

Carreira literaria Durante o resto da súa vida, Yosano publicou outras vinte antoloxías de tanka, entre as que destacan Koigoromo ("A túnica do amor") e Maihime ("A bailarina"). En xeral, foi unha escritora prolífica, que podía escribir até 50 poemas dunha soa vez. Neste sentido, estímase que produciu entre vinte mil e cincuenta mil poemas. Tamén redactou 11 libros en prosa, aínda que foron relativamente ignorados pola crítica e o público.

Yosano fundou unha escola para rapazas chamada Bunka Gakuin ("Instituto da Cultura") xunto con Nishimura Isaku e Kawasaki Natsu, sendo a súa primeira directora. Como defensora da educación para as mulleres, axudou a moitas autoras noveis a entrar no mundo literario. Por outra banda, tamén traduciu ao xaponés contemporáneo moitos textos clásicos de escritoras, como o Genji monogatari ou o Eiga monogatari.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Feministas do Xapón Categoría:Finados en 1942 Categoría:Nados en 1878 Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Escritores do Xapón