Dulce Maria Cardoso, nada en Tras os Montes en 1964, é unha escritora portuguesa.

Traxectoria Naceu en Fonte Longa, Carrazeda de Ansiães, unha localidade ao noroeste de Portugal, aínda que pasou a súa infancia en Luanda, Angola. En 1975, cando tiña 11 anos, a súa familia volveu a Portugal xunto con medio millón de retornados que volvían logo da independencia das colonias portuguesas. A súa familia quedou en Lisboa e ela foise a vivir cos seus avós a unha pequena aldea preto de Mirandela.

Graduouse na Facultade de Dereito da Universidade de Lisboa e traballou como avogada antes de adicarse á escrita de maneira exclusiva. Escribiu novelas e contos. A súa primeira novela, Campo de Sangue (2002), foi escrita por unha bolsa de creación literaria do Ministerio de Cultura portugués e obtivo o Premio Acontece. A súa segunda novela, Os meus Sentimentos (2005) foi distinguida co Premio de Literatura da Unión Europea. A súa terceira novela, O Chão dos Pardais (2009), gañou o Premio Ciranda. A súa cuarta novela, O Retorno (2011), recibiu o Premio especial da crítica en Portugal. Por esta obra o Estado francés outorgoulle a condecoración de cabaleiro da Orde das Artes e as Letras (2012). Ademais, a súa tradución ao inglés en 2016 recibiu o premio English PEN Translates.

A antoloxía Tudo são histórias de amor (2013) reúne gran parte dos seus contos. Algúns deses textos forman parte tamén de antoloxías estranxeiras e o conto Anjos por dentro foi elixido para a antoloxía Best European Fiction 2012, publicada pola prestixiosa Dalkey Archive Press.

En 2014 publicou o volume de historias infantís e xuvenís Lôá, a menina-Deus. En 2017 publicou Rosas, e en 2019, Eliete, unha reflexión sobre a memoria e as novas maneiras e usos da comunicación.

En 2020 publicou La vida normal na que conta, a través da vida de tres mulleres de tres xeracións diferentes dunha mesma familia, como se transformaron coa mudanza de século as relacións sociais, sentimentais e familiares.

Os seus libros foron traducidos a varias linguas e publicados en máis de vinte países. A súa obra é estudada en universidades de varios países e foi adaptada ao cinema e ao teatro.

Obras Campo de Sangue; novela da Ed. Asa 2002 Os meus Sentimentos; novela da Ed. Asa 2005 Até Nós; contos; Ed. Asa 2008 O Chão dos Pardais; novela da Ed. Asa 2009 O Retorno; novela da Ed. Tinta da China 2011 A Bíblia de Lôá (infanto-xuvenil), Ed. Tinta da China, 2014 - Divídese en 2 volumes: Lôá e a véspera do primeiro dia e Lôá perdida no paraíso Tudo são histórias de amor (contos), Ed. Tinta da China, 2014 Eliete - A Vida Normal, Ed. Tinta da China, 2018 Autobiografia Não Autorizada, Ed, Tinta da China, 2021

Notas

Categoría:Nados en 1964 Categoría:Nados no distrito de Braganza Categoría:Alumnos da Universidade de Lisboa Categoría:Escritores en lingua portuguesa Categoría:Escritores de Portugal