Víctor José Martín Rivadavia Villagrán, nado en Buenos Aires o 22 de maio de 1852 e finado ibíd. o 14 de febreiro de 1901"23 de febrero de 1901: Aniversario de Comodoro Rivadavia", coñecido popularmente como Comodoro Rivadavia, foi un cargo militar arxentino, xefe da Armada e primeiro ministro de Mariña da nación arxentina. A cidade patagoa de Comodoro Rivadavia honra o seu nome e as súas exploracións da rexión durante o ano 1892
Traxectoria Foi o neto do primeiro presidente da Arxentina, primeiro xefe de estado das Provincias Unidas do Río da Prata, Bernardino Rivadavia e bisneto do avogado e militar galego Benito Rivadavia. Aos 13 anos ingresou no Exército, pero tempo despois, antes de cumprir os 17, solicitou o seu traspaso á Armada arxentina.
En marzo de 1869 foi dado de alta como gardamariña a bordo do vapor Pavón, pasando en outubro do mesmo ano ao vapor Guardia Nacional, onde recibiu a súa iniciación bélica na última etapa da guerra co Paraguai. Un ano despois, pediu a baixa na Armada e marchou a Uruguai, a loitar co seu irmán nos conflitos civís no país, e por breves etapas tamén no Brasil.
En 1873 regresou á Arxentina e formou parte da Capitanía de Portos de Buenos Aires, como axudante, rango asimilado ao de Alférez. Un ano despois, reincorporouse á Armada como tenente de guerra e foi destinado ao bergantín goleta Rosales, buque co que, nos dous anos seguintes, realizou numerosas viaxes á Patagonia para intervir en labores hidrográficas.
En 1877 Rivadavia ocupou o cargo de segundo comandante do buque escolar de Cañoneras Uruguay tras a reorganización da Escola Naval baixo a dirección do capitán Martín Guerrico. A bordo dese barco, fixo unha viaxe de instrución cara ao sur, tocando varios portos ata o Golfo Nuevo. Ao seu regreso foi ascendido a capitán.
Ao ano seguinte asumiu o cargo de segundo comandante do buque Cabo de Hornos. Nel realizou sucesivas viaxes á Patagonia para proporcionar alimentos, víveres e artigos navais á escuadrilla do Comodoro da Armada Luis Py, e ás subprefecturas erixidas en varios puntos da costa marítima. En 1880 ascende a Maior da Mariña e ao ano seguinte nomeárono comandante da Constitución, embarcación fluvial destinada á navegación marítima, coa que realizaba labores de balizamento.
En 1884 ascendérono a tenente coronel da Mariña e ao ano seguinte pasou a ser xefe da escuadra Río Negro, onde baixo a súa xestión repararon todos os buques; estableceuse o plano hidrográfico do Río Negro e ergueuse un faro na desembocadura do devandito curso de auga. En 1888, despois de balizar o Porto de Bahía Blanca, realizou unha viaxe de instrución cos cadetes da Escola Naval a bordo da corveta La Argentina chegando ao Océano Pacífico, onde visitaron portos de Chile e o Perú. Ese ano ascendeu a capitán de navío. Entre 1890 e 1891 foi nomeado comandante do cruceiro 25 de mayo e foi encargado de percorrer o sur da Arxentina para perseguir os barcos que cargaban guano sen permiso do goberno.
Xa no 1893 foi enviado a Inglaterra para buscar o cruceiro 9 de julio, embarcou en Newcastle e tomou cargo do cruceiro nunha travesía ata Estados Unidos. En 1895 foi enviado a Italia para supervisar o acoirazado Garibaldi. Polo seu traballo foi ascendido a Comodoro da Mariña e, en 1897, o Ministro de Guerra e Mariña Nicolás Levalle escolleuno como xefe do Estado Maior da Armada. Durante a súa etapa á fronte da Armada adquiríronse os acoirazados Belgrano e Pueyrredón e os transportes Pampa e Guardia Nacional. Ademais, rematou a primeira viaxe de circunnavegación da fragata ARA Presidente Sarmiento, sendo este un proxecto defendido dende hai moito tempo por Rivadavia polo feito de contar cun buque escola. Durante a súa administración reorganizáronse as escolas da Mariña; erixíronse varios portos; Adquiríronse faros e promulgouse a lei de contratación de persoal da Armada. En 1898 o Ministerio de Mariña foi separado do Ministerio de Guerra, no que ata entón formaban un único Ministerio, e Rivadavia foi nomeado polo presidente Julio Argentino Roca para ocupar o cargo de Ministro da Mariña nun momento no que a situación con Chile era comprometida pola cuestión dos límites non pactados aínda na Patagonia.
O 14 de febreiro de 1901, aos 49 anos de idade, morreu despois de 36 anos de carreira militar. Como homenaxe, o Ministerio de Agricultura decidiu que a vila que se fundaría ese ano na costa da baía de Tilly, na provincia de Chubut, se chamase Comodoro Rivadavia. Os seus restos repousan no Cemiterio da Recoleta.
Notas
Ligazóns externas "¿Quién fue Martín Rivadavia, el Comodoro?" entrevista co historiador Rubén Eduardo Gómez
Categoría:Militares da Arxentina Categoría:Nados en 1852 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Finados en 1901