Maravillas Lamberto Yoldi, nada en Larraga (Navarra) o 28 de xuño de 1922 e finada na mesma vila o 15 de agosto de 1936, foi unha adolescente vítima do bando golpista na guerra civil española de 1936 en Navarra. Foi detida xunto co seu pai, Vicente Lamberto, no inicio da guerra civil española, violada e asasinada xunto ao seu pai con apenas 14 anos de idade. Converteuse nun exemplo da barbarie e a represión que se desatou en España tras o golpe de estado do 18 de xullo de 1936.
Traxectoria Maravillas Lamberto, a maior de tres irmás, era filla de Vicente Lamberto Martínez, campesiño militante da UXT, e Paulina Yoldi.
O 18 de xullo de 1936 produciuse o golpe de estado contra o goberno da Segunda República Española. Navarra foi un dos principais territorios onde se fraguou a conspiración, tanto no militar como no civil. Pola parte militar, o xeneral Emilio Mola era o gobernador militar de Pamplona e estaba ao mando da 12ª Brigada de Infantaría, mentres que pola civil a presenza da Comunión Tradicionalista e do Requeté carlista era maioritaria. Navarra quedou desde o primeiro momento baixo o dominio dos insurrectos e no seu territorio non se realizou ningunha acción nin feito bélico.
Ás tres da madrugada do 15 de agosto de 1936, unha parella da Garda Civil do posto de Artajona acompañada de dous civís, o membro de Falange Julio Redín Sanz, e o requeté coñecido como «o fillo do churreiro de Larraga» presentáronse no domicilio da familia Lamberto Yoldi. O seu obxectivo era deter a Vicente Lamberto para levalo á casa consistorial e interrogalo, presuntamente pola súa pertenza á UXT. Xa antes fora ameazado con ser expulsado de Larraga.
Nese momento toda a familia se atopaba na casa. Maravillas, que tiña 14 anos, estaba coa súa irmá Pilar de 10 anos no seu cuarto. Noutra estancia estaban a súa irmá pequena Josefina, de 7 anos, e a esposa de Vicente, Paulina Yoldi. Durante a detención de Vicente, a Garda Civil manifestou que o levaban ao concello para interrogalo. Maravillas pediu acompañarlle, ao que estes accederon.
No concello o pai foi encerrado no calabozo. A nena foi levada ás dependencias superiores onde foi violada repetidas veces, algunhas delas en presenza do seu pai, pola comitiva que a detivo. Entre eles estaba o entón secretario municipal do concello de Larraga. Posteriormente, sobre as cinco da madrugada, sacáronos nun vehículo e leváronos a un bosque en Deierri, onde volveron violar á nena e logo asasinaron a ambos. Tras a súa morte, botáronlle o corpo espido da nena aos cans. Uns veciños atoparon os restos unha semana despois dos feitos e queimáronos. Os asasinos fixeron gala pública dos seus actos sen seren represaliados por eles.
Pouco despois, a Garda Civil volveu rexistrar a casa e detiveron á nai, Paulina Yoldi. Os bens da familia foron repartidos entre algúns veciños da vila e o panadeiro de Larraga quedou coa egua alegando que Vicente lle debía diñeiro. A familia quedou na indixencia e tivo que trasladarse a Pamplona para poder buscar medios de vida.
A irmá Josefina Cinco anos despois, Josefina ingresou nun convento. Polos antecedentes familiares foi enviada a un convento de Karachi (Paquistán), onde tiña prohibido o trato co resto de monxas e non podía aprender linguas para evitar o trato coas persoas nativas. Tras a morte de Franco destinárona a Madrid, e aproveitou para interesarse polo seu pai e a súa irmá asasinados. Por ese motivo, a superiora do convento, ao considerar que «algo farían», prohibiulle as saídas do convento. En 1992 Josefina deixou o convento e instalouse en Pamplona.
Josefina foi unha das fundadoras da Asociación de Familiares de Fusilados de Navarra (AFFNA-36). Levou o caso dos asasinatos da súa irmá e o seu pai a un xulgado de Buenos Aires, polo que en 2014 entrou a formar parte da chamada «querela arxentina contra os crimes do franquismo».
Homenaxes miniatura|Homenaxe a Maravillas Lamberto en Pamplona, 2018 O cantautor navarro Fermín Balentzia, entre outras cancións dedicadas a vítimas da guerra civil, ten unha dedicada a esta nena co título «Maravillas», do álbum homónimo.
Non se lle realizou en Larraga ningunha homenaxe oficial a Maravillas nin ás outras 45 persoas asasinadas na vila durante a Guerra Civil. O goberno municipal rexeitou a petición de dedicarlle unha rúa en setembro de 2008, cos votos en contra dos concelleiros independentes afíns a Unión del Pueblo Navarro e dos do Partido Socialista de Navarra. Con todo, o colectivo Ahaztuak 1936-1977 (Esquecidos 1936-1977, en éuscaro) celebrou o 26 de outubro de 2008 unha homenaxe a todas estas vítimas na que participaron centos de persoas. Na fachada de Auzolan Elkartea colocouse unha placa dedicada á nena Maravillas Lamberto e ao resto dos fusilados. A única irmá de Maravillas entón viva, Josefina, estivo nesta homenaxe.
A novela Golgota do músico e escritor de Vitoria Xabier Montoya, narra estes feitos.
O grupo musical navarro Berri Txarrak, no seu disco Payola editado en setembro de 2009, ten unha canción titulada Maravillas, dedicada á nena.
O 28 de abril de 2012 a irmá de Maravillas, Josefina, descubriu unha placa na casa onde naceu e que dá nome a un tramo desa rúa de Larraga.
O 2 de decembro de 2017, na inauguración oficial do gaztetxe do Casco Antigo de Pamplona, deuse a coñecer que se chamaría Maravillas, en honra de Maravillas Lamberto. No acto de inauguración participou a irmá de Maravillas, Josefina, que agradeceu tal dedicación entendendo que a memoria histórica era necesaria para non esquecer os crimes cometidos no pasado.
O 10 de febreiro de 2018 o goberno municipal de Pamplona inaugurou unha praza co seu nome no barrio de Lezkairu. Josefina asistiu ao acto de inauguración, ao que tamén asistiron autoridades do concello.
Libro O escritor Xabier Susperregi escribiu o libro Maravillas Lamberto. O acto de presentación deste tivo lugar en Larraga o 26 de abril de 2024. Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Violencia sexual na España franquista e da transición
Categoría:Asasinados polo bando nacional Categoría:Sindicalistas da UGT Categoría:Nados en 1922 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Nados en Navarra