Matilde Ras nada en Tarragona o 1 de setembro de 1881 e finada en Madrid o 15 de abril de 1969 foi unha das pioneiras na grafoloxía científica en España. Gran coñecedora dos clásicos, especialista na análise do Quixote, foi tradutora, articulista, ensaísta e escritora de novela, teatro e guións.
Biografía Matilde Ras naceu no seo dunha familia que formaba parte dos círculos intelectuais da época. O seu pai era arquitecto e a súa nai estudou Maxisterio en Francia e en España. O seu único irmán, Aurelio, era un ano menor. Cando Matilde contaba con dous anos, a familia trasladouse a Cuba, deixando ao irmán en España, cunha coidadora. De regreso a España, tras a morte do seu pai en Cuba, trasladáronse primeiro a Tarragona, logo a Barcelona, Zaragoza e Soria. Finalmente instaláronse en Madrid, onde Matilde terminou o Bacharelato.
Desde moi nova, mostrou unha gran predisposición pola literatura. Lía moito e escribía contos e historietas, que se converteron en contos que tiveron un grande éxito ao ser publicados por diversas revistas infantís. Mostrou unha gran predisposición ao debuxo, chegando, aos 18 anos, a exercer como profesora. Dado o seu coñecemento do francés, que lle ensinou a súa nai, fixo traducións de poemas dos autores Paul Verlaine, Charles Baudelaire, e Paul Valéry entre outros. Converteuse nunha apaixonada lectora de Voltaire.
Formou parte da xeración de feministas españolas con conciencia de grupo, que xunto a Elena Fortún, formaban parte do madrileño Círculo Sáfico de Victorina Durán. Moitas das integrantes deste círculo pertencían tamén ao Lyceum Club Feminino, asociación fundada en 1926. Comprometidas na defensa dos dereitos das mulleres, reivindicaron o novo papel da muller na sociedade, e chegaron a enfrontarse a figuras como Ramón e Cajal, Gregorio Marañón ou Pilar Primo de Rivera.
A amizade entre Fortún e Ras comezou nos anos vinte, na revista Blanco y Negro, publicación na que ambas colaboraban. Viviron a súa relación sentimental con discreción. Víronse separadas polo exilio de Fortún, que decidiu seguir ao seu marido tras acabar a guerra civil. Ras seguiu en España, colaborou nalgunhas ocasións coa revista Horizonte, e exiliouse a Portugal entre 1941 e 1943. Alí escribiu o seu Diario onde relatou os sufrimentos da guerra civil e a súa estancia en Portugal, un remanso de paz mentres Europa estaba inmersa na Segunda Guerra Mundial.
Volveu a Madrid onde morreu en 1969.
Grafoloxía Desde temperá idade interesouse pola grafoloxía, a raíz do descubrimento do libro Método práctico de Grafología de Juan Hipólito Michon. Pronto coñeceu La escritura y el carácter de Jules Crépieux-Jamin, pai da grafoloxía francesa, que, posteriormente, traduciuse pola súa mediación e publicouse en 1933. Aproximadamente, no ano 1910, dirixiuse á revista Por esos mundos, ofrecendo un consultorio grafolóxico, onde tras a análise da grafía de varios membros da redacción, aceptaron a súa proposición.
En 1917 publicou o seu primeiro libro, Grafología. Estudio del carácter por la escritura, na Editorial Estvdio de Barcelona. A mediados do ano 1923 a Xunta de Ampliación de Estudos (JAE) concedeulle unha bolsa e trasladouse a París para ampliar os seus estudos, obtendo o diploma de Peritaje caligráfico. Grazas á súa obra de divulgación en medios de comunicación foi a introductora da grafoloxía clásica francesa en España, Portugal e Hispanoamérica. O seu labor grafolóxico, ademais de en distintos volumes específicos, apareceu en numerosas colaboracións con revistas e xornais madrileños – Por esos mundos, El Heraldo de Madrid, Blanco y Negro, Estampa, entre outros. En 1925, despois dalgúns anos en París, volveu a España e comezou a colaborar en ABC, labor que continuaría durante toda a súa vida. Publicou no ano 1929 a súa segunda obra, Grafología: las grandes revelaciones de la escritura, que publicou Editorial Labor. Por esas datas, realizou tamén a parte correspondente a grafoloxía da Enciclopedia Espasa-Calpe.
Paulatinamente, converteuse na referencia profesional no ámbito grafolóxico.Vels, Augusto: Semblanza de Matilde Ras Ademais do seu traballo de asesoramento a empresas e a consultantes particulares, das súas clases particulares (desde 1917 até a súa xubilación, mantivo un consultorio grafolóxico en Madrid) e das súas colaboracións en prensa e revistas do país e estranxeiro, foi profesora de Grafoloxía Práctica e conferenciante no Instituto Internacional de Boston en Madrid.
Narradora e tradutora O éxito dos seus pioneiros estudos grafolóxicos fixeron sombra ao coñecemento da súa obra literaria, que abarca desde contos infantís até obras de teatro. Desenvolveu labores de tradución, centrada nos clásicos da literatura infantil e xuvenil, como Charles Perrault, os irmáns Grimm e Hans Christian Andersen. Era gran coñecedora dos clásicos e considerada especialista na análise do Quixote.
En 1915 publicou o volume Contos da Gran Guerra nos que relata as traxectorias vitais de cidadáns comúns no contexto bélico.
Coñécese a súa correspondencia con diferentes artistas, sendo a máis coñecida coa escritora Caterina Albert i Paradís, coñecida co pseudónimo Víctor Catalá; á quen considerou a perfecta interlocutora e coa que mantivo entre 1904 e 1964 unha relación epistolar que revela as facetas de Matilde Ras, como muller e como escritora.
Obras
Sobre grafoloxía Grafología. Estudio del carácter por la escritura (1917) Grafología: las grandes revelaciones de la escritura (1929) Grafología (1933) La inteligencia y la cultura en el grafismo (1945), Ed. Labor El retrato grafológico (1947), Ed. Plus Ultra Historia de la escritura y grafología (1951), Ed. Plus Ultra Los artistas escriben (1953), Ed. Alhambra Lo que sabemos de Grafopatología (1963)
Outras obras Donde se bifurca el sendero (1913) Cuentos de la Guerra (1916). Volume de relatos. Quimerania (1918). Volumen de relatos. Charito y sus hermanas (1946) Diario (1946), dedicado a Elena Fortún. Heroísmos oscuros (1968) El amo y El taller de Pierrot (1934), pezas de teatro recollidas na obra Teatro de mujeres, de Cristóbal de Castro. La hermosa hilandera y los siete pretendientes. Obra de teatro representada en Panamá.
Recoñecementos En xullo de 2006 créase o Premio Matilde Ras polo Instituto de Psicografología e Peritación, IpsigraP de Madrid co que cada ano se lembra a esta insigne figura da grafoloxía outorgándose a persoas que destaquen na grafoloxía ou achegado coas súas investigacións, obras e divulgación ao crecemento da grafoloxía. En xullo de 2018 a Asociación “Herstóricas. Historia, Mulleres e Xénero” e as Colectivo “Autoras de Cómic” creou un proxecto de carácter cultural e educativo, para visibilizar a achega histórica das mulleres na sociedade e reflexionar sobre a súa ausencia, consistente nun xogo de cartas. Unha destas cartas está dedicada a Matilde Ras. O Museo ABC de Madrid, realizou en 2019 a exposición Dibujantas, que reúne 135 obras de 42 mulleres das 105 que traballaron como ilustradoras para ABC e Blanco y Negro, entre as que está Matilde Ras. Na obra Elena Fortún, producida polo Centro Dramático Nacional en 2020, Matilde Ras aparece como personaxe secundario de relevancia. Foi encarnado pola actriz Irene Martín Guillén.
Véxase tamén Bibliografía
Notas
Categoría:Nados en 1881 Categoría:Finados en 1969 Categoría:Escritores de España Categoría:Grafoloxía Categoría:Nados en Tarragona Categoría:Pensionados da JAE