O coito doloroso ou dispareunia é un termo médico xenérico para a dor intensa durante as relacións sexuais e inmediatamente despois do acto. É unha queixa moito máis común nas mulleres, pero tamén ocorre nos homes. Moitas mulleres relatan dor ocasional, pero algunhas teñen dor severa con cada encontro sexual. A dor adoita ser tanto física como psicolóxica, ligada aos estados emocionais.

Etimoloxía Provén do termo greco-latino para perturbación do acto sexual, de "dyspareunos", composto polo prefixo δυς- ("dis-" = trastorno ou dificultade), παρευνάζομαι = pareunázomai, ('a condición de compartir a cama') de πάρευνος ("pareunos" = compañeiro de cama) máis o sufixo "-ια". " (-ia = calidade).).

Prevalencia Esta é unha condición médica común que afecta a unha de cada cinco mulleres nalgún momento da súa vida. É a segunda queixa máis común de problemas sexuais entre os xinecólogos, só despois da falta de desexo sexual. A prevalencia xeral varía, por idades, entre o 1% e o 40%.

Causas Existen numerosas causas posibles para o coito dolorosoː

Vaxinismo (contraccións involuntarias da vaxina); Lubricación vaxinal insuficiente; Vulvodinia (irritación crónica na vulva); Doenza inflamatoria pelviana (PID); Infección do tracto urinario; Tumores xenitais como cancro vulvar, cancro vaxinal ou cancro de pene; Quiste ovárico; Cistite intersticial; Vaxinite atrófica; Traumatismo posparto; Infeccións fúnxicas ou bacterianas; Enfermidades de transmisión sexual ; Problemas da pel como lique escleroso, lique plano, eccema, psoríase... ; Efectos secundarios de certos fármacos; Síntomas relacionados coa menopausa e/ou o envellecemento; Reaccións alérxicas a anticonceptivos, lubricantes, roupa, espermicidas, cera depilatoria... ; Trauma por agresión sexual; Mutilación xenital feminina (MGF); Quiste de Bartholin ; Endometriose .

Quizais o menos común sexa a dor que só ocorre despois das relacións sexuais ou do orgasmo. Poden ser consecuencia de contraccións uterinas durante o orgasmo. As mulleres con este problema poden obter algún alivio tomando analxésicos antes das relacións sexuais para diminuír a dor das contraccións uterinas. Algunhas mulleres teñen un hime que non se rompe por completo despois dos seus primeiros intentos de relacións sexuais, o que pode provocar unha dor intensa coa penetración. O malestar psicolóxico, a inseguridade, a autoestima e o día do período fértil inflúen na sensación de pracer e dor sexual.

Diagnóstico O diagnóstico destas condicións require un exame xinecolóxico completo e, nalgúns casos, unha pequena biopsia cutánea baixo anestesia local no consultorio. Antes de diagnosticar problemas psicolóxicos, é fundamental realizar varias exploracións físicas para excluír outras posibilidades.

Tratamento O tratamento dependerá obviamente da causa. Pode ser necesario un antibiótico en caso de infección; crema de esteroides, se o problema é dermatolóxico; unha pequena cirurxía para eliminar un hime parcialmente intacto; ou físico muscular que se pode tratar con fisioterapia pelviana ou asesoramento psicolóxico individual ou de parella combinado con relaxantes musculares, por causas psicolóxicas.

Recoméndase utilizar lubricantes a base de auga para reducir o rozamento e previr lesións (o uso de vaselina é desaconsellable, xa que a substancia pode ser prexudicial para os tecidos vaxinais, ademais de provocar a rotura do preservativo). Cambiar a posición do acto para permitirlle á muller máis control e unha penetración menos profunda pode axudar. A terapia individual e de parella pode axudar a mellorar a libido e o benestar xeral.

Notas

Véxase tamén

Dor Pracer Relación sexual humana Sexualidade

Categoría:Sexo Categoría:Xinecoloxía