miniatura Montirón é un barrio do concello de Lugo, Galicia. Está situado no sueste da cidade nun outeiro entre os ríos Miño e Rato e que está rodeado de carballeiras centenarias e outras zonas verdes que actúan como pulmón verde da cidade. Parte desa zona está incluída na Reserva da Biosfera Terras do Miño. A denominación, posiblemente, provén do latín, da unión de MONTE ‘monte, montaña’ e, quizais, o xentilicio latino ERONIUS, que se referiría ao seu propietario.Vázquez García (2014), p. 70

Historia miniatura|Miliario moderno que marca o paso da antiga XIX Vía Antonina polo barrio. A zona foi, ao longo do tempo, unha zona de paso cara á cidade. Montirón está atravesado por dous importantes itinerarios:

- A XIX Vía Antonina, de época romana, que unía Lucus Augusti (actual Lugo) con Bracara Augusta (Braga en Portugal); estrada que pasa pola veciña parroquia de Muxa (San Fiz) cara á ponte romana sobre o río Miño.​

- O outro é a "Vía Künig", que é unha variante do Camiño Francés que recibe o seu nome do monxe alemán Hermann Künig (autor da guía medieval de peregrinos que recolle o percorrido cara a Santiago de Compostela), no seu tramo número 14, que vai do Corgo a Lugo.

Así mesmo, a pouco máis dun quilómetro do barrio de Montirón (ao leste da cidade) sitúase o KM 100 do Camiño Primitivo, un itinerario do Camiño de Santiago que nace en Oviedo e remata en Compostela. Por outra banda, indo en sentido contrario, xa na antiga estrada de Castela, pódese ver o Peto de ánimas da Tolda, situado preto da Vía Romana XIX e da Ponte da Tolda.

Século XIX Durante a Guerra de Independencia española, na primavera de 1809, o exército francés estivera acampado nas campas do bario, até a súa retirada de Galicia. Tamén dese século datan as construcións, antes coñecidas como Muíño do Tendeiro ou Muíño de Eirexe, e que hoxe forman parte das instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño, un espazo no que se publicita a Reserva da Biosfera Terras do Miño.

A finais de século, celebrábanse carreiras de velocípede no seu velódromo, un dos primeiros de España. Tamén se celebrou algunha tourada nos campos próximos.

Século XX

Exhibición de aviación En xuño de 1911, durante as festas do Corpus, houbo un festival de exhibición aérea, que foi un dos primeiros en España, realizado por Benito Loigorri. foi contratado pola Liga de Amigos de Lugo para que realizase "un ou máis voos dunha duración total de entre 15 e 20 minutos" e polo que recibiu 2.500 pesetas. A Liga, penso en Montirón porque era o lugar onde se realizaban os actos que precisaban de moito espazo ou que atraían a moitas persoas. Para tal fin, realizouse un hangar, para montar o aparato, e un campo de aviación de 200 x 50 metros. O voo apenas durou minuto e medio pois o biplano, que engalou en Montirón, aos poucos caeu en Castelo por mor das malas condicións do vento e, aínda que, o aparato quedou escachado, Loigorri tivo algunhas contusións sen maior importancia. O ano seguinte, nas festas, volveu haber outra exhibición aérea, nesta ocasión do piloto vasco-francés Leoncio Garnier,López Caldeiro (2019) quen fora o primeiro en sobrevoar os Pireneos e as illas Canarias.Prado Gómez, Antonio (2021). «La Liga de Amigos de Lugo». CROA: boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga (3): 150-172.

Nacemento do barrio En plena posguerra española, cando practicamente só existía a rúa Montirón, a Obra Sindical do Fogar e a Arquitectura, planificou e proxectou aproximadamente 88 vivendas de dúas plantas con terreo, baixo a denominación de “Vivenda Protexida Hermanos Pedrosa Posada” que se construíron a finais dos anos 40. Estas vivendas e as casas próximas de Francisco Norte pódense considerar como o xermolo histórico do barrio que hoxe coñecemos como Montirón e, hoxe en día, están recollidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo (PXOM) como elemento catalogado de protección ambiental. Este conxunto de vivendas xunto co campo de fútbol, en terra sen pechadura, do Polvorín Fútbol Club, pódense ver nas fotografías aéreas realizadas polo voo americano de 1956-1957. O planeamento orixinal do barrio incluía unha praza porticada que hoxe se coñece como Praza das Illas, cuxa derradeira rehabilitación data do 2008.

Expansión miniatura|Escola Superior de Arte e Deseño "Ramón Falcón". Non foi até a década dos anos 70 que comezan as primeiras dotacións como a Escola Superior de Arte e Deseño "Ramón Falcón", que foi inaugurada polo rei Xoán Carlos I, en 1976. Posteriormente, apareceron varios locais comerciais e, a finais da década dos 90, xa estaba unida ao resto do tramado urbano da cidade.

Século XXI A principios de século, iniciouse unha forte expansión da cidade cara a esta zona e, xunto co incremento demográfico que levou a construción de edificios, instaláronse tamén dotacións relacionadas coa Universidade e coa administración autonómica como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (da USC), o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (LASAPAGA) e o Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL). Este último, comezou as súas actividades en 2009 e foi inaugurado en 2013 cun investimento inicial de 18 millóns de euros. No 2020 desapareceu para se converter no primeiro Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal,​ dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentos. miniatura|Mural de Diego AS, na Casa da Xuventude, de Lugo. Hoxe en día, seguen a medrar as infraestruturas (parques) e servizos para toda a cidade como a Escola Oficial de Idiomas de Lugo, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, a Casa da Xuventude, na que as súas paredes serviron para un mural do muralista lucense Diego As, ou a actual comisaría da Policía Local, cuxa construción rematou en 2013.

Deportes O 4 de outubro de 1908, no marco das festas de San Froilán, celebrouse no Campo de Montirón un partido de exhibición entre dous equipos de fútbol (Coruña F.C. e Widowers F.C.), o que pode considerarse como fito inicial do inicio do fútbol en Lugo.​ A mediados da década dos anos 40, créase no barrio o Club Deportivo Polvorín, que competía no Campo de Montirón, tamén chamado "do Polvorín", e que desapareceu no 1953 para dar lugar ao CD Lugo. Posteriormente, de xeito intermitente, apareceu no barrio outro club de fútbol xuvenil, o Recreativo Unión de Montirón, que competía nunha liga da cidade e que tiña como campo o "do Polvorín". Finalmente, en 1991, fundouse o Polvorín Fútbol Club, anteriormente Sociedade Deportiva e Cultural Polvorín, e que a partir de 2015, se converteu en equipo filial do C.D. Lugo, o CD Lugo B.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Barrios de Lugo