Fillas de Breogán (tamén A Coruña Gaelic Athletic Association ou A Coruña GAA) é un equipo feminino de fútbol gaélico da cidade da Coruña. Igual que o equipo masculino, os Fillos de Breogán, o equipo foi fundado en 2010, sendo o primeiro equipo feminino de fútbol gaélico de Galiza e compite no Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico e na Liga Galega de Fútbol Gaélico. Xoga os seus encontros no campo da Torre da cidade herculina.
En 2015 debutou no Campionato Paneuropeo disputado na Estrada, repetindo nas edicións de 2017 (Maastricht), 2019 (Viena), 2022 (A Coruña), 2023 (A Haia) e 2024 (Lión).
Ao longo da súa historia o equipo conseguiu numerosos títulos, salientando os tres títulos no Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico (todos eles conseguidos de xeito consecutivo), ou os dous títulos na categoría "Intermediate" do Campionato Paneuropeo en 2019 e 2024, así como diversos títulos nas competicións organizadas pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico. As Fillas de Breogán son o único equipo galego que se alzou co campionato ibérico, así como o único que conseguiu un título continental de fútbol gaélico.
Historia O equipo masculino Fillos de Breogán fundouse en 2010, sendo o primeiro equipo de fútbol gaélico de Galiza. O rápido crecemento do equipo durante o seu primeiro ano de existencia fixo que a directiva tomase a decisión de comezar as súas actividades en categoría feminina, que decidiu denominar "Fillas de Breogán", e comezou a recrutar xogadoras co obxectivo de competir no Campionato Ibérico.
As Fillas de Breogán debutaron no Campionato Ibérico en 2012, finalizando na quinta posición de sete participantes con 44,5 puntos, superando na clasificación os equipos de Madrid O'Donnells (sextas) e Valencia Velociraptors. O equipo coruñés xogou conxuntamente coas O'Donnells o Torneo de Valencia, polo que os puntos conseguidos polo equipo combinado foron repartidos entre ambos os dous equipos. No seu debut as Fillas conseguiron derrotar a Madrid O'Donnells no Campo de Rugby de Hortaleza por 25-14 o 8 de xuño, así como a Valencia Velociraptors (2-3) formando parte do equipo conxunto coas O'Donnells no Torneo de Valencia o 19 de maio.
Na tempada 2013-14 disputouse por primeira vez a Liga Galega de Fútbol Gaélico en categoría feminina, na que participaron tres equipos: Irmandinhas (A Estrada), Mecas (O Grove), e Fillas de Breogán. O equipo coruñés debutou o 18 de xaneiro de 2014 cunha vitoria fronte ás Mecas (18-8), mais finalizou na segunda posición logo de gañar un partido e perder outro nunha tempada na que as Irmandinhas dominaron con claridade a competición. Esa tempada tamén se estreou a Copa Galega de Fútbol Gaélico, na que participaron os mesmos equipos mais as Bráithreachas da Estrada. As Fillas de Breogán comezaron caendo fronte ás Irmandinhas, mais clasificáronse para a final logo de gañar os seus outros dous encontros. Con todo, no partido decisivo as estradenses impuxéronse con claridade (24-7) para inaugurar o palmarés da nova competición.
Na súa segunda participación no Campionato Ibérico 2013 o equipo coruñés mellorou a súa clasificación respecto do ano do seu debut e finalizou na cuarta posición dun total de seis participantes cun total de 39 puntos, 5,5 menos que na tempada precedente na que houbo un equipo máis na competición. As Fillas finalizaron xusto por detrás das Madrid Harpettes e por diante das Madrid O'Donnells e as Irmandinhas, que pecharon a clasificación dunha liga dominada polas Barcelona Gaelettes.
En 2015 debutou no Campionato Paneuropeo que se celebrou na localidade galega da Estrada.
A tempada 2015-16 comezou moi ben para o equipo coruñés, que o 14 de novembro de 2015 se alzou coa Liga de Campioas de Fútbol Gaélico logo de derrotar o Estrela Vermelha (21-1) na final disputada no campo da Xunqueira, Pontevedra. As Fillas realizaron un torneo perfecto no que conseguiron un rexistro de 96 puntos a favor e tan só 15 en contra, despregando unha forte defensa e realizando un xogo ofensivo rápido e preciso. En xaneiro as Fillas gañaron a Copa da Asociación logo de eliminar nos cuartos de final de novo o Estrela Vermelha (36-17), en semifinais as Mecas do Grove (45-11), e na final as Irmandinhas (17-23) no estadio Manuel Anxo Cortizo de Lalín. A principios de marzo de 2016 chegou o terceiro título da tempada para as coruñesas, logo de conseguir o título da Liga Galega a falta de tres xornadas para rematar a competición. Na Copa Galega, con todo, as xogadoras dirixidas por José Antonio Barbeito Mancusi non puideron na final coas Irmandinhas, que se impuxeron por 23-22 no campo da Moreira (Xinzo de Limia) o 7 de maio de 2016. A principios de xuño, o equipo culminou a tempada proclamándose campión do Campionato Ibérico en Madrid por primeira vez na súa historia logo de vencer ás Irmandinhas nas semifinais e ás anfitrioas Madrid Harpettes na final disputada en Tres Cantos (24-13), ademais a xogadora coruñesa Eva Lago foi nomeada MVP do torneo.
A tempada 2016-17 da Liga Galega comezou máis tarde do esperado pola entrada en vigor da obrigatoriedade de que todas as competicións deportivas dispuxesen de seguro de accidentes e as dificultades da Asociación Galega de Fútbol Gaélico para conseguir un. As Fillas conseguiron, a pesar de contar cun cadro de xogadoras reducido e con moitas xogadoras novas, revalidar o campionato galego logo de realizar unha liga perfecta na que contaron todos os seus partidos por vitorias e contando cunha diferenza de puntos de +328. As xogadoras coruñesas alzaron o trofeo logo da non comparecencia das súas rivais, as xogadoras do Pontevedra FG. O 6 de maio as Fillas de Breogán alzaron o título galego que lles quedaba e que se lles escapara na tempada precedente, a Copa Galega, e fronte o equipo que as privara do triplete das competicións galegas, as Irmandinhas. As coruñesas non perderon ningún partido na competición copeira, e logo de derrotar o Auriense FG en semifinais (29-5), impuxéronse nunha final moi igualada ás estradenses (19-18), anfitrioas do torneo e vixentes campioas logo de gañar as tres primeiras edicións da copa.
O 3 de xuño de 2017 o equipo revalidou o título ibérico ao gañar a fase final do Campionato Ibérico de Fútbol Gaélico que se disputou na Cidade Deportiva Municipal da Torre da Coruña, e na que todos os equipos participantes foron galegos, coa excepción das Madrid Harpettes. As coruñesas superaron todas as súas rivais na fase de grupos (Herdeiras, Pontevedra, Irmandinhas da Estrada e Madrid), o que lles deu o pase á final, na que se impuxeron ás Irmandinhas da Estrada. A primeira parte da final foi dominada polas coruñesas, mais na segunda parte o equipo estradense estivo próximo ao empate, con todo, a reacción das Fillas acabou decantando o partido e o campionato a favor das locais.
A tempada 2017-18 volveu comezar ben para as xogadoras coruñesas, que o 21 de outubro de 2017 conseguiron un subcampionato no Campionato Paneuropeo disputado en Maastricht (Países Baixos) logo de caer na final fronte o Belgium GAA por tan só dous puntos de diferenza. O 7 de abril de 2018 chegou o terceiro título consecutivo da Liga Galega e tamén terceiro da historia do equipo, conseguido a falta dunha xornada logo de superar as Herdeiras de Dhais por 6-22 (40) – 4-06 (18). Na quinta edición da Copa Galega as Fillas de Breogán clasificáronse para a fase final sénior logo de impoñerse con claridade ás xogadoras do Keltoi (30-0) no Campo Municipal de Fútbol Arsenio Iglesias Pardo da Coruña, con todo, nas semifinais disputadas no Estadio Manuel Anxo Cortizo de Lalín víronse superadas polas compostelás do Estrela Vermelha (27-18), polo que tiveron que xogar a final de consolación fronte o Auriense FG, as cales derrotaron por 26-7. miniatura|dereita|O equipo das Fillas de Breogán coa copa do Torneo Paneuropeo en 2019. En outubro de 2019 chegou o primeiro título continental do equipo logo de conquistar a Copa Intermediate do Campionato Paneuropeo que se celebrou en Viena (Austria) no marco dos Gaelic Games Europe. As Fillas contaron todos os seus partidos por vitorias, tanto na fase de grupos, na que se impuxeron aos equipos das Prague Hibernians, Vienna Gaels e Cumann Garszawa, coma nas semifinais fronte ás Munich Colmcilles, e na final fronte a unhas das grandes favoritas a alzarse co título, as francesas do Paris Gaels.
Logo do campionato no Paneuropeo de 2019 a competición parou durante dous anos pola pandemia de COVID-19. A competición continental regresou en 2022, cando A Coruña organizou o campionato, do que se acabaron proclamando campioas as xogadoras do Belgium GAA ‘B'. miniatura|esquerda|Xogadoras do Fillas de Breogán en Vigo durante o Torneo Reconquista 2024. No outono de 2024 o equipo coruñés trasladouse a Lión para disputar unha nova edición do Campionato Paneuropeo que se celebrou na cidade francesa o 19 de outubro e que supuxo a súa sexta participación do equipo na competición continental. As Fillas conseguiron o seu segundo título continental na categoría "Intermediate" logo de clasificarse como segundas de grupo logo de impoñerse ao Brest (17-4) e ao Clermont (11-4), e perder co Nantes (10-13). Nas semifinais as coruñesas derrotaron o Copenhague, un equipo que adoitaba disputar as finais, por 10-8. No partido decisivo enfrontáronse novamente ao Nantes, que se proclamara campión en varias edicións anteriores, ao que se impuxeron por igualmente por 10-8.
Identidade do equipo Nome Malia que o nome oficial para os efectos de rexistro na Asociación Atlética Gaélica (GAA) é A Coruña Gaelic Athletic Association ou A Coruña GAA abreviado, o equipo é máis coñecido polo alcume Fillos de Breogán, nome que saíu dunha votación realizada na páxina web do equipo realizada durante o mes de xullo do 2010 e na que foi elixido co 24,63% dos votos (un total de 33 votos). Outras propostas para o nome do equipo foron:
Nome Nº de votos Votos (%) Fillos de Breogán 33 24,63 Galaicos 30 22,39 Cascarilleiros 25 18,66 Ártabros 21 15,67 A Compaña 11 8,21 Irmandade Galaica 9 6,72 Breogán 5 3,73
O nome de Fillos de Breogán ten moita relación con Galiza, Irlanda e a cidade da Coruña (onde a lenda conta que estaba situada a torre dende a cal Ite divisou as costas irlandesas segundo o Lebor Gabála Érenn ou Libro das conquistas de Irlanda en galego).
Logo da creación do equipo feminino decidiuse que este se chamara Fillas de Breogán.
Escudo e cores O escudo ten fondo branco e sobre el unha franxa diagonal de cor azul que representa ás bandeiras da provincia marítima da Coruña e á bandeira de Galicia, sobre ela, un cranio e dúas tibias que representan a Xerión, o xigante que matou Hércules (segundo conta a mitoloxía grega) e que soterrou debaixo de onde logo se erguería a Torre de Hércules na Coruña. As dúas tibias e o cranio tamén representan ao fillo de Breogán Ite morto que, coa posterior vinganza do neto de Breogán e sobriño de Ith Mil, permitiu a ligazón lendaria entre Irlanda e Galiza. Finalmente, baixo o cranio e as dúas tibias encóntrase un balón de fútbol gaélico.
As cores do equipo son o azul, o branco e o negro. O azul e o branco representan ás bandeiras de Galiza e da provincia marítima da Coruña. O negro, como elemento diferenciador e pola relación coa morte de Xerión e Ith. O equipamento do equipo, tamén decidido por votación, consta de pantalón azul e camiseta a raias horizontais azuis e brancas.
Palmarés 3 Ligas Galegas: 2016, 2017, 2018 3 Campionatos Ibéricos: 2016, 2017, 2018 2 Campionatos Paneuropeos: 2019, 2024 1 Copa Galega: 2017 1 Copa da Asociación: 2016 1 All-Galicia: 2023
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Sito web oficial dos Fillos de Breogán
Categoría:Fillos de Breogán