Tito Quincio Capitolino Barbato (en latín: Titus Quinctius Capitolinus Barbatus),Smith (1853), p. 605 nado en Roma en data descoñecida e finado polo 430 a. C., foi un maxistrado, político e militar romano do século V a. C. que foi cónsul en seis ocasións: 471, 468, 465, 446, 443 e 439 a. C.
Pertencía á gens Quincia, e á familia dos Capitolinos. Posiblemente era irmán de Cincinato e pai de Tito Quincio Capitolino Barbato, cónsul no 421 a. C.
Familia Tito era membro patricio da gens Quincia, unha das máis antigas de Roma. Hai poucas noticias de seus pais e, seguramente, sería fillo dun Lucius Quinctius e neto dun Lucius Quinctius; daquela, o seu nome completo sería entón Titus Quinctius L.f. L.n. Capitolinus Barbatus. E quizais fose irmán de Lucio Quincio Cincinato, coñecido como Cincinato, cónsul sufecto no 460 e ditador no 458 e 439 a. C.
Tampouco se sabe nada do seu matrimonio, agás que tivo un fillo, que levou o mesmo nome, Tito Quincio Capitolino Barbato, foi elixido cónsul no 421 a.C. e quizais fose tribuno militar con poder consular no 405 a. C.
O epíteto Capitolino podería referirse ao asento da familia no outeiro Capitolino.
Traxectoria
Primeiro consulado (471 a. C.) No 471 a. C., Tito Quincio foi cónsul por primeira vez con Apio Claudio Craso.Broughton (1951), p. 30 Durante os conflitos sobre a lex Publilia, opúxose ao seu colega, quen era un firme defensor dos patricios, e tratou de conciliarse cos plebeos, aplicando deste xeito a lei. A continuación, levou a cabo a guerra contra os ecuos, e a súa gran popularidade cos soldados permitiulle derrotar ao inimigo, que non se atreveu a combater aos romanos, o cal lle permitiu a Quincio arrasar o país. Distribuíu o inmenso botín adquirido nesta campaña entre todos os soldados.
Segundo consulado (468 a. C.) Durante o seu segundo consulado, o cal compartiu con Quinto Servilio Estructo,Broughton (1951), p. 32 de novo levou unha guerra contra volscos e ecuos, e pola súa actuación, gardando o campamento romano, que foi atacado polo inimigo durante a noite, despois da guerra foi honrado cun triunfo.
Terceiro consulado (465 a. C.) No ano 465 a. C.,Broughton (1951), p. 33 a guerra contra ecuos e volscos continuaba, e Capitolino, que se establecera no monte Álxido, escoitou dos estragos que causaba o avance dos ecuos en territorio romano, regresou a Roma e pronunciou ante os seus concidadáns un discurso contra a condución da guerra.
O Senado proclamou unha iustitium, e o cónsul marchou para protexer a fronteira romana, pero como non chegara a se enfrontar co inimigo, xa que durante ese período fora derrotado polo seu colega Quinto Fabio Vibulano, Capitolino regresou a Roma catro días despois de habela deixado.
Posteriormente, unha vez terminado o seu consulado, Capitolino continuou no ano seguinte no exército, actuando como legado.
Cuarto consulado (446 a. C.) miniatura|Mapa da rexión próxima á Roma antiga, onde sucederan os eventos durante a vida de Tito Quincio. Recibiu o consulado por cuarta vez no ano 446 a. C., xunto con Agripa Furio Fuso.Broughton (1951), p. 51 No medio das loitas intestinas en Roma entre patricios e plebeos, os ecuos e volscos tomaron, de novo, as armas, e comezaron a facer estragos no Lacio, e chegaron até preto dos muros da cidade. O pobo de Roma estaba demasiado distraído nas súas loitas civís para enfrontar esta ameaza, até que Capitolino logrou disipar o descontento da plebe, e realizou unha chamada vibrante a defender a nación con toda a enerxía.
O mando supremo do exército romano foille dado co consentimento do seu colega, e logrou rexeitar ao inimigo tras unha feroz contenda.
Quinto consulado (443 a. C.) No 443 a. C., Capitolino obtivo o seu quinto consulado xunto con Marco Xeganio Macerino, que accedía por segunda vez.Tito Livio, Ab urbe condita libri, IV, 8Broughton (1951), p. 53 Durante o mandato dos dous foi cando se estableceu a maxistratura de censor, fundamentalmente, para aliviar aos cónsules das tarefas referidas ao censo.
Marco Xeganio recibiu a misión de restablecer a orde en Ardea, aliada de Roma, despois de que os plebeos ardeatinos comezasen a atacar aos seus patricios, que se confinaron na fortaleza da cidade.Tito Livio, Ab urbe condita libri, IV, 8-9 Tito Quincio permaneceu en Roma administrando a cidade, tratando de mediar entre patricios e plebeos, tarefa que semella que conseguira pois, nese ano, non se rexistraron conflitos e adquiriu un gran prestixio entre os Senado e o pobo romano.Tito Livio, Ab urbe condita libri, IV, 10
Sexto consulado (439 a. C.) A extraordinaria sabedoría e moderación que mostrara en todas as súas maxistraturas fixérono merecedor dun sexto consulado (439 a. C.), xunto con Agripa Menenio Lanato.Broughton (1951), p. 56
Ese mesmo ano, houbo unha gran fame en Roma e un rico plebeo, Espurio Melio, mercou trigo coa súa fortuna persoal para alimentar á poboación. A súa popularidade chegou a ser tal que conspirou para aspirar á realeza.Tito Livio, Ab urbe condita libri, IV, 13 Debido a ese perigo, Capitolino sinalou a necesidade de nomear a un ditador para facer fronte a esta situación, pois este non tiña que responder dos seus actos e, polo tanto, podía facer fronte á situación como quixese, a diferenza dos dous cónsules que estaban obrigados polas leis. Aínda que se lle ofrecera a el esta dignidade, Capitolino negouse por razón da súa avanzada idade, recomendando como ditador a Lucio Quincio Cincinato quen foi, en consecuencia, elevado a este cargo. Este nomeou a Caio Servilio Ahala como magister equitum. A conspiración foi rapidamente esmagada pois, segundo a tradición, este último asasinou a Espurio,Tito Livio, Ab urbe condita libri, IV, 14 cando se resistía á súa detención, co acordo tácito do ditador.Tito Livio, Ab urbe condita libri, IV, 15 Mais segundo Dionisio de Halicarnaso, Ahala era só un simple cidadán cando eliminou a Espurio.Broughton (1951), p. 57 Unha vez solucionado o problema, Cincinato renunciou e devolveu o poder ao Senado.
Últimas actuacións No ano 437 a. C., acompañou ao ditador Mamerco Emilio Mamercino como legado na súa campaña contra Fidenae, e uns anos máis tarde, presentouse para interceder polo fillo do ditador Cincinato, quen fora xulgado ante a comitia, e grazas á súa acción e a de Quincio, logrou a súa absolución.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Lista de cónsules romanos da República
Ligazóns externas Strachan, Christian C. (2007). "QUIN(C)TIU" en Roman Republican and Imperial Senatorial Families. Genealogy and Prosopography
Categoría:Nados no século -VI Categoría:Nados en Roma Categoría:Cónsules da República romana Categoría:Finados no século -V Categoría:Gens Quincia Categoría:Cuestores Categoría:Procónsules