Melide é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Terra de Melide. Segundo o IGE no ano 2023 tiña 7.563 habitantes, dos cales 3.705 eran homes e 3.858 mulleres. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é , e melidá.
Xeografía Melide atópase a 454 m de altitude sobre o nivel do mar, na caída dos montes da Serra do Bocelo, que acada a súa máxima altura no Coto do Pilar (803 m, o punto máis alto da provincia da Coruña), asentándose sobre unha chaira, o núcleo urbano, e terras baixas, pertencentes á conca do Ulla, articulándose sobre o río Furelos, cun réxime térmico moderado.
Demografía Censo total 7.563 (2023) Menores de 19 anos 1.202 (15,89 %) Entre 20 e 64 anos 4.353 (57,56 %) Maiores de 65 anos 2.008 (26,55 %)
Historia Nun documento lucense de 747, o chamado testamento de Odoario, noméase por primeira vez o territorio de Abeancos, o que hoxe é terra de Melide, e con el unha serie de lugares onde non figura Melide. Aparecen aldeas actuais como Zaramil (Villa Salamini), Paradela (Paratella) ou Boente (Boenti), mais non Melide. As primeiras mencións históricas a Melide son de mediados do século X e principios do XI, logo de que no primeiro terzo do século IX se referencie nos documentos da época o suposto descubrimento do sepulcro do apóstolo Santiago o Maior. Por Melide vai pasar o Camiño Francés e confluír o Camiño Primitivo ou de Oviedo. Este feito histórico marcará o nacemento de novas poboacións e o seu desenvolvemento na antiga terra de Abeancos, entre elas a vila de Melide.
A partir do século IX o crecemento incesante das peregrinacións a Santiago de Compostela condicionará o desenvolvemento urbano no contorno do castelo ou fortaleza, para dar orixe á formación do burgo novo de Melide.
Ao longo das dúas vías principais de acceso ao castelo, agora Camiño de Santiago e Camiño de Oviedo, acaban por establecerse con carácter permanente grupos de comerciantes e artesáns atraídos polas boas expectativas de negocio que ofrecía este lugar de paso de peregrinos, tan concorrido e tan seguro. Extramuros, a carón da porta de entrada ao castelo e ao longo do camiño, o que hoxe é rúa Principal, fixan a súa residencia e o seu lugar de traballo os comerciantes, artesáns e pousadeiros medievais, formando un suburbio (suburbium), denominado nos textos da época burgo novo (novus burgos) por oposición ao burgo feudal ou vello (vetus burgus) ao que estaba unido. Aínda a finais do século XVI unha grande parte da veciñanza melidá estaba formada por pousadeiros.
En 1320 a vila é favorecida cun portádego e co amurallamento do seu burgo. Estes logros son conseguidos polo arcebispo de Santiago de Compostela, Berenguel de Lendoira, moi agradecido pola axuda que recibira do entón señor da vila, Fernán Fernández de Abeancos. A cerca rodeará o enclave comercial para a mellor defensa de posíbeis asaltos e saqueos.
Das murallas, probabelmente derrubadas durante a revolta irmandiña, non se conserva hoxe nada, xa que na sesión do 12 de xaneiro de 1841 o Concello acordou sacar a poxa os últimos restos.
A comunidade de comerciantes e artesáns non tardará en desbordar os estreitos límites desta muralla e ocupará primeiramente as marxes dos camiños de peregrinacións (Camiño Francés e Camiño de Oviedo) para despois asentarse pouco a pouco nos terreos próximos.
Así nas aforas do recinto fortificado, ao carón do Camiño de Santiago, a comunidade de comerciantes promoverá a construción da igrexa de San Pedro. Preto dela, na outra beira do Camiño de Santiago, aparecerán posteriormente o primeiro hospital medieval de peregrinos (sobre o que se ergueu o actual edificio do Museo da Terra de Melide) e un enclave franciscano, o primeiro mosteiro de Sancti Spiritus, fundado no século XIV.
Entre 1467 e 1469 a Xunta da Santa Irmandade do Reino de Galicia, vai ter cinco grandes reunión. A gran primeira xuntanza, e nacemento da dita Xunta, vai ser en Melide. Elíxese a vila pola súa privilexiada localización: “Porque era en la meitad del Reino”.
No século XV xorden ou adquiren un significado social e político que antes non tiñan en Galicia novas liñaxes, entre elas os Ulloa.
O feito máis salientábel, arquitectonicamente falando, dos Ulloa en Melide, foi a reconstrución da igrexa do convento de Sancti Spiritus por volta de 1498, promovida por Sancho Sánchez de Ulloa.
Do século XVII é a fundación e edificación da Obra Pía de San Antón, pazo barroco con capela dedicado inicialmente ao ensino, con Capela e Pazo, ata o ano 1862, que se vende o Pazo ao Concello, e a Capela para o culto.
Durante o século XVIII amplíase a igrexa do convento de Sancti Spiritus e constrúese a súa actual fachada barroca.
En 1835 levouse a cabo a desamortización do convento, o cal, logo de ser abandonado, se converte en 1840 en igrexa parroquial.
Melide tamén terá o seu protagonismo na Guerra da Independencia. No mes de xuño de 1809 as tropas napoleónicas estaban acampadas en Melide. Eran batallóns que o francés Marconet, que ocupaba a cidade de Santiago, tiña acampados na vila de Melide. A presenza dos soldados franceses en Melide provoca que os melidaos e melidás se mobilicen rapidamente contra eles. Os vecinos e veciñas comezan a fustigar os franceses e a causarlles baixas. Isto fai que o xeneral Marconet reforce a garnición de Melide con tropas de refresco. O comandante do batallón de Monforte de Lemos, Antonio Ponce, tivo noticias da chegada destes reforzos e determinou, en compañía do franciscano padre Conde, saír ao encontro dos franceses.
O 17 de xuño de 1809, a avanzada (a partida de soldados que se adianta ao corpo principal para observar de preto o inimigo ou investigar –inquirir- a súa situación) bateu cunha partida de franceses que saíran da vila para procurar provisións polas súas aldeas e mataron a sete soldados franceses e poñen en fuxida os demais.
Cando entran en Melide, segundo consta no parte que o comandante do citado batallón de Monforte de Lemos enviou ao Marqués de la Romana, o tenente da avanzada, José Quiroga, calculou a presenza de non menos de 3000 soldados franceses con bastante cabalaría.
Durante a febre de 1853 recóllese a perda de colleitas e emigración a Portugal ou Castela, e máis de setecentas persoas falecidas de febre e calentura. Na vila fixérase unha Xunta de Beneficencia dirixida polo crego Joaquín Felipe Salgado de Agra, o irmán do escribán da vila, Ramón María Salgado. Arredor daquel ano 53, naceron moitos melidaos destacados asociados a unha lista recollida na Rebotica da vila bautizada como a "xeración da peste, ou da fame", como Eduardo Álvarez Carballido (1853) médico e historiador, ou Genoveva Varela Roca (1841) empresaria e propietaria da familia Roca de Priorada.
No ano 1862 remata a construción da estrada Lugo-Santiago. No ano 1867: construción da estrada de Agolada-Betanzos; nace o Melide urbano a beira delas. Patrimonio histórico e artístico miniatura|Capela de San Roque, situada no centro da vila.
Igrexas Fin e principio de etapa na vía francesa do Camiño de Santiago, entre o seu patrimonio destacan os elementos románicos conservados en varias das súas igrexas:
A desaparecida antiga igrexa de San Pedro, da que se conserva a súa portada na actual Capela de San Roque. A Igrexa de Santa María de Melide, obra de finais do século XII. A Igrexa de San Pedro de Melide, igrexa parroquial. Foi antigo mosteiro de franciscanos terciarios. A Igrexa de San Vicente de Vitiriz, construída a finais do século XIII. A Igrexa de San Xoán de Furelos, de finais do século XII, e situada á beira do Camiño Francés. A Capela do Carme. Esta capela foi construída no ano 1741 pola predica do carmelita padre Colmenero, e a da devoción dos curas Blas Núñez de Segade, e de seu curmán Manuel Núñez. Nese ano constitúese a Confraría do Carme. Blas Núñez está enterrado debaixo do arco triunfal. A capela ten un retrablo de estípites, colocado arredor do ano 1755, figurando no camarín unha Virxe, como outras que se expanden polo país, do estilo de Gambino. O retablo só estaba pintado no camarín central, e os laterais estaban en madeira, como é propio deste estilo; no ano 1966 eliminouse o ático e quedou mutilado; e pintáronse os laterais.
Cruceiros En Melide hai máis dunha ducia de cruceiros: Cruceiro do adro de San Roque de Melide. Situado ao carón da Capela de San Roque a súa cruz é de estilo gótico, do século XIV e, segundo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o máis antigo de Galicia. Cruceiro de Santalla de Agrón. Cruceiro do Meire. Cruceiro de Vitiriz. Cruceiro de Xubial. Cruceiro de Zas de Rei. Cruceiro de Furelos, sobre este cruceiro parroquial, situado nun extremo do adro da igrexa de San Xoán de Furelos, existe unha referencia documental no Libro de Fábrica na que se fala como se establece no ano 1808... construir de nuebo toda la pared del atrio de dha Yglesia con helebación de seis quartas incluso el cabalete, con sus dos correspondientes puertas a fin de que no entren en el los ganados y obrar varias yrreberencias, poniendo en el citado atrio y sitio más cómodo un crucero que se ara de decente. Este dato é moi relevante xa que nos fala da delimitación do adro mediante muro elevado e da orixe deste cruceiro. Cruceiro de Orois.
Pontes A Ponte medieval de Furelos, citada no Códice Calixtino. Pasos de río en Catasol de Arriba. Ponte do Barreiro. Ponte do Leboreiro, ponte de orixe medieval situada sobre o Río Seco (afluente do Ulla). Trátase dunha ponte dun so arco de medio punto, con doelas de cantería. Ponte do muíño de Traspedra. Ponte dos Freires ou de Moldes. Ponte edificada durante o reinado da raíña Isabel II, no ano 1867, ó trazarse a estrada que ía de Betanzos a Lalín, sobre o curso baixo do río Catasol, afluente do Furelos Pontellas dos Muíños de Trasmundi. Ponte da Martagona. Pasais de Raído. Pasais de Petos. Ponte nova de Furelos, construída no ano 1861 sobre o río Furelos, durante o reinado da raíña Isabel II.
Casas históricas
A Casa e as escaleiras de Calvo, situada no lugar da Moa. Casa da monxa do Páramo construída transformando un balcón da casa en entrada da mesma. A escaleira ten 10 chanzos de pedra, de cantería co bordo abocelado, no ano 1862, cando se constrúe a estrada Lugo-Santiago de Compostela, fóronlle engadidos 3 máis. Icónico momumento, empregado na actualidade por grupos de melidenses como escenario de fotografías grupais, é un exemplo da arquitectura urbana melidá do s. XIX, a beira da que houbo os pilos de curtir da Confraría de Santa Catalina, de zapateiros e curtidores.
Casas da Ronda da Coruña, casas dos anos 20 de baixo e alto, con canterías en portas e ventás, seguindo o modelo antigo, con linteis curvos e chafrán nas esquinas, paramentos branqueados, con balcóns de ferreiro, como a casa de Pampín, a de Romero e Monterroso.
Casa de Ricardo Fernández, no cruzamento de estradas, construída no ano 1880, con marqueados de cantería no baixo e no alto; varandas de ferreiro nos balcóns.
Obra Pía de San Antón, hoxe Casa Consistorial de Melide. Edificación de carácter palaciano mandado construír polo arcebispo don Mateo Segade Bugueiro como Obra Pía ou institución benéfica (escola para o ensino de nenos pobres). As obras inícianse no ano 1671 e o deseño das mesmas atribúese ó arquitecto Domingo de Andrade, ó igual que a autoría do retablo.
Arquitectura industrial
Poza do barro da Madanela, ruínas dos complexos industriais de elaboración de tella e ladrillo, e a gándara antropizada polas antigas extraccións de barro convertidas na actualidade en pozas e lagoas artificiais.
Fábrica de curtidos de Furelos, edificación preindustrial dedicada ó tratamento e curtiduría de peles, situada na marxe sur do Río Furelos. Foi fundada polo escribán Don Andrés Varela das Seixas no ano 1817, e mantense en funcionamento ata a década de 1960. O último propietario foi o crego Don Ricardo Sánchez Varela, tataraneto do citado escribán.
Elementos arqueolóxicos