O día 9 de abril de 2025 decorreu unha xornada de paro académico polo dereito á vivenda no ensino medio, profesional e universitario de Galiza. A xornada de folga veu acompañada dunha mobilización en Santiago de Compostela, e foi lanzada o día 24 de marzo por tres entidades: Fervenza, Erguer e a asemblea de Traballo Social.

Precedentes e contexto Erguer - Estudantes da Galiza convocou en outubro de 2024 unha folga nacional baixo o lema O estudantado polo dereito á vivenda. A folga foi acompañada de mobilizacións nas sete cidades galegas. A organización nacionalista presentara daquela un programa centrado en tres propostas: a ampliación de prazas nas residencias públicas universitarias, a creación de bolsas de vivendas en alugueiro para o estudantado e o control de prezos dos alugueiros.

miniatura|300px|Folga do 2 de outubro convocada por Erguer A folga de Erguer saldárase cun elevado seguimento do paro académico en todos os niveis de ensino e cun seguimento moderado das convocatorias de mobilización, explicábeis en parte polas intensas chuvias que acompañaron a xornada. A convocatoria de Erguer foi pioneira no Estado, por se tratar da primeira folga estudantil pola vivenda nos últimos anos.

A vivenda constitúe en 2025 o principal problema para os galegos. En marzo de 2025 naceu a plataforma galega Vivenda Xa! e o día 5 de abril de 2025, apenas uns días antes da folga estudantil, decorreron varias manifestacións nas cidades galegas, acompañando a convocatoria estatal programada para esa xornada.

En abril de 2025 naceu Fervenza, unha organización estudantil lanzada desde o seo do PCRG, a organización herdeira de Xeira. Fervenza marcou como primeira acción a convocatoria dunha folga pola vivenda. Logo de conversas con varias organizacións do ámbito estudantil, a convocatoria anunciouse xunto con Erguer.

A folga e a campaña de folga A folga anunciouse inicialmente con tres propostas: o control dos prezos dos alugueiros, a ampliación do parque público de vivendas, unha bolsa de vivendas dedicadas aos estudantes a prezos accesíbeis e a habilitación de máis prazas nas residencias. Este programa coincidía esencialmente co lanzado por Erguer en outubro de 2024.

A particularidade esencial desta folga é que a convocatoria do paro académico e da mobilización foron separadas. Así, a tarefa de organizar, convocar e elaborar o manifesto da mobilización recaeu sobre os comités abertos. Fervenza organizou comités abertos en varias cidades galegas. O obxectivo era dotar a folga dunha organización asemblearia, horizontal e aberta.

A actividade axitativa foi reducida en Compostela e testemuñal no resto de campus galegos. Os centros de ensino medio e profesional recibiron a convocatoria con menos de 48 horas de antelación, algo que impediu e reduciu o seguimento nesas capas do ensino.

O luns 7 de abril celebrouse un comité xeral de folga. O programa inicial, coincidente co de Erguer, mudouse ese día tras a cooptación do comité por grupos alleos á organización da folga.

A xornada de folga logrou un seguimento baixo entre o estudantado. Á única mobilización convocada acudiron uns 400 estudantes, cifra sensibelmente superior á da convocatoria de Erguer.

Notas

Categoría:Folgas Categoría:2025