miniatura|Cariotipo dun macho con 47,XYY

A síndrome XYY, tamén coñecida como síndrome de Jacobs, é unha condición xenética aneuploide humana na cal un macho ten un cromosoma Y extra, xerando un cariotipo XYY de 47 cromosomas, en vez do XY normal de 46 cromosomas. Xeralmente ten poucos síntomas. Entre estes poden estar ter unha estatura maior da media e un aumento do risco de ter discapacidades de aprendizaxe. Polo demais, a persoa afectada adoita ser normal, e mesmo ten taxas de fertilidade normais.

A condición xeralmente non se herda senón que ocorre como resultado dun evento aleatorio durante a espermatoxénese. A diagnose faise por análise cromosómica, pero a maioría dos afectados non se diagnostican durante toda a súa vida.

O tratamento pode incluír terapia da linguaxe ou axuda extra na aprendizaxe escolar, e os resultados son xeralmente positivos. A condición ocorre en aproximadamente 1 de cada 1000 nacementos de varóns. Moitas persoas coa condición non son conscientes de que a padecen. A condición describiuse por primeira vez en 1961.

Signos e síntomas Características físicas

As persoas con cariotipo 47,XYY teñen unha maior taxa de crecemento desde a a súa infancia, cunha diferenza de altura media duns 7 cm por riba da altura esperada final. En Edimburgo, Escocia, oito nenos 47,XYY nacidos entre 1967–1972 e identificados nun programa de cribado de neonatos tiñan unha altura media de 188,1 cm aos 18 anos de idade; a altura media dos seus pais era de 174,1 cm, e a das súas nais de 162,8 cm. Postulouse que o incremento da dose de xenes SHOX debida a ter tres rexións pseudoautosómicas (PAR1) dos cromosomas X/Y era a causa do incremento de estatura visto nas tres trisomías dos cromosomas sexuais: 47,XXX, 47,XXY e 47,XYY. p. 2304: Táboa 561-1. Differential diagnosis of tall stature and overgrowth syndromes. Postnatal overgrowth leading to childhood tall stature—includes: Klinefelter syndrome (XXY), SHOX excess syndromes, XYY.

Sinaláronse tamén uns poucos casos en informes temperáns de acne grave, pero os dermatólogos especializados en acne dubidan agora da existencia dunha relación entre o acne e o cariotipo 47,XYY.

Os niveis de testosterona prenatais son normais nos varóns 47,XYY. A maioría dos varóns 47,XYY teñen un desenvolvemento sexual normal e unha fertilidade normal.

Os pacientes con síndrome XYY teñen un risco maior de desenvolver certas enfermidades como a asma, problemas convulsivos e tremores. Algúns pacientes 47,XYY teñen malformacións xenitourinarias. Estas inclúen o criptorquidismo, escroto hipoplástico, microfalo e hipospadias.

Características cognitivas e de comportamento A diferenza doutras aneuploidías dos cromosomas sexuais comúns —síndrome triplo X (47,XXX) e síndrome de Klinefelter (47,XXY)— a media de valores de cociente intelectual (CI ou IQ) dos rapaces 47,XYY identificados por programas de cribado de neonatos non é menor que a da poboación xeral. Nun resumo de seis estudos prospectivos de rapaces 47,XYY identificados por programas de cribado de neonatos, 28 rapaces 47,XYY tiñan unha media de 100,76 no CI verbal, de 108,79 no CI de rendemento e de 105,00 no CI de escala completa. Nunha revisión sistemática que incluía dous estudos prospectivos de rapaces 47,XYY identificados por programas de cribado de neonatos e un estudo retrospectivo de homes 47,XYY identificados por cribado de homes de máis de 184 cm de altura, 42 rapaces e homes 47,XYY tiñan unha media de 99,5 no CI verbal e de 106,4 no CI de rendemento.

En estudos prospectivos de rapaces 47,XYY identificados en programas de cribado de neonatos, os valores do CI dos rapaces 47,XYY eran xeralmente lixeiramente menores que os dos seus irmáns. En Edimburgo, 15 rapaces 47,XYY con irmáns identificados nun programa de cribado de neonatos tiñan unha media de CI verbal de 104,0 e de CI de rendemento de 106,7, mentres que os seus irmáns tiñan unha media de 112,9 no CI verbal e de 114,6 no CI de rendemento.

Aproximadamente a metade dos rapaces 47,XYY identificados en programas de cribado de neonatos tiñan dificultades de aprendizaxe, unha poporción maior que a atopada entre os irmáns e os grupos de control de CI por riba da media. En Edimburgo, o 54 % dos rapaces 47,XYY (7 de 13) identificados nun programa de cribado de neonatos recibiron clases especiais para a ensinanza da lectura comparados co 18 % (4 de 22) nun grupo de control de CI por riba da media de rapaces 46,XY elixidos pola clase social dos seus pais. En Boston, EUA o 55 % dos rapaces 47,XYY (6 de 11) identificados nun programa de cribado de neonatos tiñan dificultades de aprendizaxe e recibiron axuda educativa en aula de apoio a tempo parcial comparados co 11 % (1 de 9) nun grupo de control de CI dos riba da media de rapaces 46,XY con translocacións cromosómicas autosómicas equilibradas familiares.

Tamén se atoparon atrasos no desenvolvemento e problemas de comportamento, mais estas características varían amplamente entre os rapaces e homes afectados, e non son exclusivos dos 47,XYY e non se tratan de forma diferente aos dos varóns 46,XY. Non é máis frecuente ver comportamentos agresivos en varóns 47,XYY, en contra do que dicían algúns dos primeiros estudos realizados, probablemente con nesgo de selección (ver Historia). Segundo certos estudos psicolóxicos, as persoas coa síndrome XYY poden ter problemas co control dos impulsos e a regulación emocional.

Causa miniatura|Diagrama que mostra a formación do cariotipo da síndrome XYY. MI e MII son os dous estadios da meiose, mentres que os círculos azuis e rosas son as células masculinas (espermatozoides) e femininas (óvulos), respectivamente, e as barras azuis e rosas son os cromosomas Y e X, respectivamente. A célula púrpura ten dous cromosomas Y e un cromosoma X debido á fusión do óvulo cun espermatozoide con dous cromosomas Y, o cal se debeu a problemas na división na MII do macho. A condición 47,XYY non se herda; xeralmente prodúcese como un evento aleatorio durante a formación dos espermatozoides. Un accidente na separación dos cromosomas durante a anafase II (da meiose II) chamado non-disxunción pode ter como resultado espermatozoides cunha copia extra do cromosoma Y. Se un destes espermatozoides atípicos contribúe á constitución xenética dun neno, o neno terá un cromosoma Y extra en todas as células diploides do seu corpo.

Nalgúns casos, o cromosoma Y extra orixínase por non-disxunción durante a mitose (en vez de na meiose) no período de desenvolvemento embrionario temperán. Isto pode producir mosaicos 46,XY/47,XYY.

Diagnose

A síndrome 47,XYY normalmente non chega a ser diagnosticada ata que se detectan problemas de aprendizaxe. A síndrome diagnostícase nun número crecente de nenos no período prenatal por amniocentese e biopsia das vilosidades coriónicas para obter un cariotipo cromosómico, onde se pode observar a anormalidade.

Estímase que só o 15–20 % dos nenos con síndrome 47,XYY chegan a ser diagnosticados algunha vez durante a súa vida. Destes, aproximadamente o 30 % diagnostícanse prenatalmente. Do resto dos diagnosticados despois de naceren, arredor da metade diagnostícanse na infancia ou adolescencia despois de que se lles observasen atrasos no desenvolvemento. O resto diagnostícanse despois de presentaren diversos síntomas, incluíndo problemas de fertilidade (5 %).

Epidemioloxía Arredor de 1 de cada 1000 nenos nacen co cariotipo 47,XYY. A incidencia de casos de 47,XYY non parece estar afectada pola idade dos pais.

Historia O primeiro informe publicado sobre un home con cariotipo 47,XYY fíxoo o citoxenetista estdounidense Avery Sandberg e os seus colegas no Roswell Park Comprehensive Cancer Center (entón chamado Roswell Park Memorial Institute) de Buffalo, Nova York en 1961. Foi un descubrimento accidental nun home normal de 44 anos e de 183 cm de altura de intelixencia media que foi cariotipado porque tiña unha filla con síndrome de Down. Só se informou dunha ducia de casos illados de 47,XYY na literatura médica nos catro anos seguintes ao primeiro informe de Sandberg.

A síndrome XYY, se se quere darlle nome polo seu descubridor, probablemente debería chamarse síndrome de Sandberg e non síndrome de Jacobs, aínda que a citoxenetista británica Patricia Jacobs contribuíu significativamente ao coñecemento médico da síndrome XYY. En decembro de 1965 e marzo de 1966, as revistas Nature e The Lancet publicaron os primeiros informes preliminares de Jacobs e colegas da MRC Human Genetics Unit no Western General Hospital de Edimburgo dun exame cromosómico de 315 pacientes masculinos no State Hospital de Carstairs, Lanarkshire (único hospital de seguridade especial para persoas con discapacidade de desenvolvemento de Escocia) que atopou nove pacientes de idades de 17 a 36 anos, cunha altura media de 183 cm, que tiñan cariotipo 47,XYY, e caracterizounos erradamente como criminais agresivos e violentos.

Na seguinte década case todos os estudos publicados sobre o XYY foron de homes XYY internados en institucións seleccionados pola altura.

En decembro de 1968, o Journal of Medical Genetics publicou o primeiro artigo de revisión sobre os XYY (de William Michael Court Brown,

director da MRC Human Genetics Unit), que informaba que non se atopara ningunha sobrerrepresentación de machos XYY en exames cromosómicos en toda a nación en prisións e hospitais para persoas con discpacidades de desenvolvemento e persoas mentalmente loucas en Escocia, e concluíu que os estudos centrados en homes XYY institucionalizados podían ter un nesgo de selección, e que compría facer estudos prospectivos lonxitudinais a longo prazo de nenos neonatos XYY.

En maio de 1969, na xuntanza anual da Asociación Psiquiátrica Americana, Mary Telfer e os seus colegas do Instituo Elwyn informaron que os estudos de casos de homes encarcerados XYY e XXY convencéronos de que os homes XYY foran falsamente estigmatizados e que o seu comportamento non era significativamene diferente do dos homes normais 46,XY.

Nun artigo publicado en New Scientist o 14 de novembro de 1974 titulado "síndrome XYY: un perigoso mito" non se atopaba ligazón entre ter un cromosoma Y extra e o comportamento violento. De acordo co artigo, adolescentes que tiñan un cromosoma Y extra nunha institución de Maryland foran esterilizados quimicamente para intentar que mantivesen un "comportamento normal", a pesar de que o artigo non atopaba diferenzas de comportamento importantes entre os individuos XY e XYY.

En agosto de 1976, Science publicou un estudo de cohortes retrospectivo do psicólogo do Educational Testing Service Herman Witkin e colegas que cribou os homes o 16 % máis altos (de máis de 184 cm de altura) nacidos en Copenhage desde 1944 a 1947 para os cariotipos XXY e XYY, e atopou que o incremento da taxa de condenas por crimes menores contra a propiedade entre dezaseis homes XXY e doce XYY podía estar relacionada coa súa menor intelixencia, mais non atopou evidencia de que os homes XXY ou XYY estivesen inclinados á agresividade ou violencia.

Sociedade e cultura

Algúns médicos xenetistas formulan a cuestión de se o termo "síndrome" é apropiado para referirse a esta condición porque a maioría da xente con este cariotipo parece ser normal.

Na cultura popular En xuño de 1970 publicouse The XYY Man, a primeira de sete novelas de espías de Kenneth Royce cuxo heroe de ficción era un home XYY, alto, intelixente e non violento, que era un experto ladrón reformado recrutado pola Intelixencia Británica para misións perigosas, que posteriormente foi adaptado para unha serie de televisión de trece episodios de 1976 e 1977.