Joseph Karl Stieler nado en Maguncia o 1 de novembro de 1781 e finado en Múnic o 9 de abril de 1858 foi un pintor alemán. Procedente dunha familia de gravadores, Stieler recibiu formación artística do seu pai, August Friedrich Stieler (1736–1789). Comezou a súa carreira como pintor de miniaturas.
O seu estilo de retrato moldeouse especialmente durante o seu traballo no estudio parisiense de François Gérard, alumno de Jacques-Louis David.
En 1808, Stieler estableceuse como pintor de retratos independente en Frankfurt am Main. Viaxou por Italia en 1810. En 1816, viaxou a Viena para pintar o retrato do emperador Francisco I de Austria. Entre febreiro e abril de 1820, Stieler traballou no retrato de Beethoven, que é probabelmente a representación máis coñecida do compositor na actualidade.
Aínda que Stieler traballou principalmente ao servizo da corte do Reino de Baviera, tamén pintou retratos de Goethe, Richard Wagner, Friedrich Schelling e Alexander von Humboldt entre outros.
O Museo de Belas Artes da Coruña conta con dúas obras de Stieler na súa colección.
Traxectoria Nado na cidade de Maguncia nunha familia de sepultureiros, Stieler recibiu formación artística do seu pai, August Friederich Stieler.
Tras a prematura morte do seu pai, Joseph Karl completou a súa aprendizaxe como artista autodidacta e comezou a súa carreira como pintor de miniaturas, que eran populares entre os círculos burgueses da época.
Despois de que Maguncia fose ocupada polas tropas revolucionarias francesas en 1792, Stieler seguiu a corte exiliada do príncipe e arcebispo Friederich Karl Joseph von Erthal a Aschaffenburg. Na cidade, Stieler coñeceu ao arcebispo Karl Theodor Anton Maria von Dalberg, quen se converteu no seu mecenas e patrocinador máis importante.
De 1802 a 1805 asistiu ás clases de Heinrich Füger na Academia de Artes de Viena. O estilo de retrato de Stieler tomou forma durante o seu traballo no estudio parisiense de François Gérard, alumno de Jacques-Louis David. En 1808 estableceuse como retratista independente na cidade de Frankfurt e, en 1810, viaxou por Italia. Desde 1812 traballou na corte do rei Maximiliano I Xosé de Baviera.
En 1816, Stieler viaxou de novo a Viena para pintar un retrato do emperador Francisco I de Austria. Entre febreiro e abril de 1820, o pintor alemán traballou no seu famoso retrato de Ludwig van Beethoven. En 1847, Stieler tamén pintou o retrato de Lola Montez, que tivo un romance co rei Luís I de Baviera, o que provocou a abdicación do monarca ao ano seguinte.
Stieler retirouse en 1855 para vivir no seu Tegernsee natal. Morreu en Múnic tres anos despois. O seu fillo, Karl Stieler, converteuse nun escritor recoñecido.
Obras principais (escolma)
Notas
Véxase tamén
Categoría:Pintores de Alemaña Categoría:Nados en 1781 Categoría:Nados en Maguncia Categoría:Finados en 1858