Miodrag Belodedici, nado en Socol o 20 de maio de 1964, é un exfutbolista romanés de etnia serbia que xogaba como centrocampista.
Desenvolveu a maior parte dos seus 19 anos de carreira profesional no Steaua București, co que gañou numerosos títulos, entre eles seis ligas romanesas, cinco Copas de Romanía e a primeira das súas dúas Copas de Europa. En 1990 gañou unha segunda Copa de Europa co Estrela Vermella de Belgrado, converténdose no primeiro futbolista en xogar e gañar dúas finais do torneo con dous clubs diferentes, e no único xogador en conquistar o trofeo con dous equipos diferentes de Europa do Leste. Tamén xogou nas primeiras divisións de España e México.
Foi 55 veces internacional coa selección romanesa, coa que participou no Mundial de 1994 e nas Eurocopas de 1996 e 2000.
Traxectoria Comezos Naceu na comuna romanesa de Socol, no seo dunha familia de etnia serbia. Falou só serbio ata a escola primaria e completou os seus primeiros catro cursos nesa lingua. En quinto comezou a aprender a lingua romanesa, que finalmente dominou coa axuda dos seus compañeiros nas categorías inferiores da selección romanesa Gavril Balint e Gheorghe Hagi. Aos 14 anos ingresou na canteira do Minerul Moldova Nouă, sendo o seu primeiro adestrador Olimp Mateescu. Tres anos despois fichou polo Luceafărul București, equipo creado pola Federación Romanesa de Fútbol co propósito de reunir a todas as grandes promesas do país nun só equipo.
Seteaua No verán de 1982 foi fichado polo Steaua București, sendo elixido polo propio presidente do club, Ion Alecsandrescu. Rematou a súa primeira tempada na Divizia A con 17 partidos e nos seguintes anos consolidouse na titularidade, conquistando cinco ligas nacionais consecutivas, incluíndo catro Copas de Romanía.
Na tempada 1985/86 disputou completos todos os partidos do seu equipo na Copa de Europa, incluídos os 120 minutos da final contra o FC Barcelona no Ramón Sánchez Pizjuán de Sevilla, onde formou no centro da defensa xunto a Adrian Bumbescu, converténdose o Steaua no primeiro equipo de Europa Oriental en erguer o título.
Tamén foi titular na posterior conquista da Supercopa de Europa, contra o Dinamo de Kíiv de Valerii Lobanovskyi.
Estrela Vermella de Belgrado En 1988 deixou Romanía e trasladouse á República Federal Socialista de Iugoslavia, onde fichou polo Estrela Vermella de Belgrado. Con todo, durante o seu primeiro ano tivo que xogar sen contrato legal e só en partidos amigables, xa que as autoridades romanesas falsificaron o seu contrato de xogador profesional e a UEFA suspendeuno durante un ano baseándose nos datos proporcionados. O goberno de Nicolae Ceaușescu declarouno culpable de traizón e condenouno a dez anos de prisión in absentia, cargos que foron retirados despois da Revolución romanesa de 1989.
En 1989 recibiu luz verde para xogar no Estrela Vermella e axiña se fixo coa titularidade. Gañou tres veces a Primeira Liga de Iugoslavia e unha Copa de Iugoslavia e na tempada 1990/91 conquistou por segunda vez a Copa de Europa, tras derrotar na quenda de penaltis da final ao Olympique de Marsella no estadio San Nicola de Bari. Converteuse así no segundo futbolista en gañar o título con dous equipos diferentes, despois de Saul Malatrasi, e o primeiro en facelo xogando ambas finais (pois Malatrasi non disputou a final de 1965). Foi titular tamén na Copa Intercontinental que o seu club conquistou no Estadio Nacional de Tokyo ante o Colo-Colo chileno.
España Para a tempada 1992/93 fichou polo Valencia CF, co que disputou un total de 60 partidos oficiais en dous anos. En 1994 pasou ao Real Valladolid, co que rematou a tempada no 19º posto, evitando o descenso grazas á ampliación da Primeira división de 20 a 22 clubs. Pasou a súa última tempada en España nas filas do Villarreal, da Segunda División.
Últimos anos Entre 1996 e 1998 militou no Atlante FC mexicano. A continuación, con 34 anos, regresou ao Steaua, co que gañou unha Supercopa de Romanía, unha Copa e unha nova liga romanesa.
Retirouse do fútbol en xuño de 2001, cun balance de 235 partidos na máxima categoría de Romanía (21 goles) e 12 títulos no país. Posteriormente, traballou na Federación Romanesa de Fútbol, como coordinador das categorías inferiores da selección.
Selección romanesa miniatura| Pavillón polideportivo que leva o nome de Miodrag Belodedici en Socol. Belodedici debutou coa selección romanesa o 31 de xullo de 1984, aos 20 anos, nun amigable que o seu equipo gañou por 1-0 contra a China. Marcou tres dos seus cinco goles internacionais en 1987, un deles nun partido de clasificación para a Eurocopa de 1988 contra Albania (vitoria por 5-1 en Bucarest).
Debido á súa saída de Iugoslavia foi excluído da selección nacional durante máis de tres anos. Volveu a tempo para ser seleccionado para o Mundial de 1994 nos Estados Unidos, onde disputou todos os partidos do seu equipo. Nos cuartos de final contra Suecia errou o seu lanzamento na quenda de penaltis ante o gardameta Thomas Ravelli, o que supuxo a eliminación de Romanía. Participou tamén nas Eurocopas de 1996 e 2000, chegando aos cuartos de final nesta última.
Honras Steaua București Divizia A (6): 1984/85, 1985/86, 1986/87, 1987/88, 1988/89, 2000/01. Copa de Romanía (5): 1984/85, 1986/87, 1987/88, 1988/89, 1998/99. Supercopa de Romanía (1): 1998. Copa de Europa (1): 1985/86. Supercopa de Europa (1): 1986.
Estrela Vermella Primeira Liga de Iugoslavia (3): 1989/90, 1990/91, 1991/92. Copa de Iugoslavia (1): 1989/90. Copa de Europa (1): 1990/91. Copa Intercontinental (1): 1991.
Notas
Categoría:Nados en 1964 Categoría:Nados en Romanía Categoría:Futbolistas de Romanía Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Steaua București Categoría:Xogadores do Estrela Vermella de Belgrado Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Villarreal CF Categoría:Xogadores do CF Atlante Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Romanía Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1994