Saurom (anteriormente denominado Saurom Lamderth) é un grupo español de folk metal. Foi fundado en 1996 por Narci Lara e Antonio Ruíz. Denominan o seu estilo como «xograr metal», un conglomerado de música rock, folk e celta, con letras baseadas na literatura (principalmente en lendas, poemas, romances e contos tradicionais) cun transfondo crítico, cultural e social. Algunhas das súas letras teñen unha temática relacionada co universo do Señor dos Aneis, de J. R. R. Tolkien e coa literatura clásica e tradicional andaluza.
Historia
1996 - 2000: Formación e primeiros pasos Saurom Lamderth formouse en 1996 tras a ruptura do grupo RHF (Rapid heavy flamenc), en San Fernando (Cádiz). Os seus fundadores foron Narci Lara e José Luís Godoy, a quen se uniron Antonio Ruiz e Abraham Reyes Facio.
Entre setembro e decembro dese ano empezaron a compor a súa primeira maqueta, a cal titularon La cripta del duende. Esta reflicte o amor dos integrantes cara o mundo fantástico e o sentimento de nostalxia pola perda da fantasía nas xeracións máis novas. Nesta maqueta empezaron a incluír os seus personaxes que máis adiante sería frecuente como Zaluster «La Hechicera» e Glimbert na canción «Bosque de los Tres Pantanos».
En 1997 gravaron a maqueta Regreso a las Tierras Medias onde nacen gran parte dos personaxes inventados a modo de xogo de rol. Estes aparecerían posteriormente no disco <i id="mwIQ">Juglarmetal</i> (2006), como «Feretrom el dragón» ou «Ataf», que fan alusión aos catro elementos; «Aire, Tierra, Agua y Fuego» e Tarkem Deothor.
Abraham retirouse dos baixos, substituído por Juan Garrido, xunto ao seu irmán Francisco Garrido nos teclados e as frautas. Con esta formación gravaron a maqueta Legado de juglares en 1998, da cal se venderon máis de mil copias en poucos meses.
Tras gañaren un concurso de bandas a nivel rexional no ano 2000 gravaron a maqueta Orígenes. Incluía cancións consideradas por eles máis «xograres», melódicas e envolventes cás de traballos anteriores, e experimentaron con novos sons.
2001 - 2002: Disco debut, El guardián de las melodías perdidas e Sombras del este En setembro do 2000 Godoy e Juan Garrido abandonan a banda, substituídos por Raúl Rueda na guitarra e José A. Gil nos baixos e coros. Con esta nova formación consolidada entraron a gravar en 2001 o que sería o disco debut da banda, El guardián de las melodías perdidas. Este disco abriulles as portas do panorama nacional e conduciulles a unha xira que os levou por gran parte de España, á que chamaron «Juglar Tour».
Pasaron dous anos en que a banda estivo a traballar no que sería o seu segundo traballo, un disco dobre de 19 cancións integramente baseado no primeiro tomo do Señor dos Aneis de J. R. R. Tolkien, A Irmandade do Anel. O disco, titulado Sombras del Este, contou coa colaboración da Sociedade Tolkien Española. Foi ben recibido tanto en España como en varios países de Latinoamérica, o que lles permitiu realizar unha extensa xira por toda España e participar en varios festivais de renome como Viña Rock e Lorca Rock.
2003 - 2006: Chegada de Miguel Ángel Franco, Legado de Juglares, Sinfonías de los bosques e JuglarMetal A principios de 2003, o cantante, flautista e gaiteiro Narci Lara comezou a ter problemas de gorxa, polo que tivo que deixar de cantar por recomendación médica. Tras unha breve pausa e múltiples cambios de integrantes, entraron ao grupo Miguel Ángel Franco (exvocalista de Renno) á voz e José Antonio Gallardo ao baixo. Con esta nova formación, decidiron regrabar a canción «Las minas de Moria» do disco Sombras del este para presentarlle ao público o novo vocalista. O resultado da regrabación foi inesperado, xa que a banda parecía encamiñada a un son de thrash metal con sons electrónicos incorporados, xunto cos violíns e as frautas. O grupo decidiu non seguir esa dirección, pero tomaron certos matices daqueles estilos para proxectos futuros.
Ese mesmo ano publican o seu terceiro disco de estudo, Legado de juglares, o mesmo título da súa terceira maqueta de 1998. Con este novo traballo iniciaron a xira «Historias del Juglar Tour», incorporando espectáculo nos seus concertos a cargo de malabaristas, actores, pirotecnia e saltimbanquis. Malia o seu bo momento, na metade de xira a violinista Sophia abandona o grupo por cuestións persoais. Foi substituída por Santiago Carrasco para encargarse dos teclados, whistles e coros.
En 2005 reeditan Legado de juglares, ao que lle agregan un segundo disco de rarezas e caras B titulado Sinfonías de los bosques. Este título foi elixido por votación popular entre os fans da banda nas redes sociais.
Mentres finalizaban a xira, entraron a gravar o que sería o seu cuarto disco de estudo, JuglarMetal, que saíu á venda o 20 de febreiro de 2006. Este disco é considerado polos fans como o máis importante de toda a discografía do grupo. Ao mesmo tempo significou un cambio no nome da banda, que se acurtou a Saurom.
2008 - 2011: Etapa máis heavy, Once romances desde al-Ándalus e Maryam O 3 de marzo de 2008 o grupo lanzou o seu quinto disco de estudo, Once romances desde al-Ándalus, integramente baseado na literatura e a cultura andaluza. Posúe un son máis potente e máis heavy con matices de power metal, e abandonou case por completo as melodías de folk metal festivo das súas anteriores entregas. O primeiro sinxelo do disco foi «El monte de las ánimas», canción regrabada que xa aparecera nunha das vellas maquetas. Con este disco tamén puideron facer o primeiro videoclip do grupo, «Wallada la omeya». Ao basear a súa obra en toda a cultura de al-Ándalus, a banda foi convidada en varias ocasións a realizar relatorios en universidades e as letras do disco foron lidas en diversos actos. O éxito deste álbum permitiu á banda extraer del cinco cancións, traducir a súa letra ao inglés, regravalas e publicar o EP Romances from al-Ándalus en varios países como Alemaña, Nova Zelandia, Australia ou o Xapón.
O 1 de marzo de 2010 a banda lanza o seu sexto disco de estudo, Maryam. Este traballo de carácter conceptual relata de forma metafórica a Paixón de Cristo e o sufrimento da súa nai María (renomeada no disco como Maryam). Reivindica a igualdade de xénero e critica o papel secundario que se lle outorgou á muller en xeral ao longo da historia. O álbum veu acompañado dun DVD con directos e outros vídeos. A publicación deste disco permitiulles realizar outra extensa xira por España.
2012 - 2015: De volta ao son folk, Vida e Sueños Ao longo de 2012 a banda presentou catro novos videoclips como adianto do seu próximo disco de estudo (Cambia el Mundo, El Príncipe, La Leyenda de Gambrinus e Noche de Halloween, este último cunha curtametraxe de case 30 minutos incluído). O 1 de decembro de 2012 sae á venda o seu sétimo disco, Vida, cun son moito máis folk có das dúas anteriores entregas. O disco tivo unha grande acollida por parte do público e os medios de comunicación. A xira deste disco permitiulles viaxar por primeira vez a América, concretamente a Costa Rica, o 24 de novembro de 2012. A partir de aí realizaron máis concertos no continente americano e percorreron países como México, Colombia, os Estados Unidos, Ecuador, Chile, Bolivia, Panamá e Guatemala.
O 28 de agosto de 2014 o grupo anunciou o lanzamento do seu novo videoclip «Paz» para o 14 de novembro de 2014, que pertencería ao seu oitavo disco de estudo, Sueños. O disco foi lanzado o 2 de outubro de 2015, un álbum dobre cos discos La partitura secreta e Las caricias del alma, cun total de 27 cancións. O disco Sueños foi até agora un dos traballos máis complexos e ambiciosos na carreira do grupo. A banda toma moi en conta as súas raíces, fusionadas con elementos adquiridos ao longo da traxectoria musical.
2016 - 2018: 20º Aniversario, 20... Al Mundo de los Sueños e La Magia de la luna O 9 de abril de 2016 a banda deu un concerto especial no histórico Real Teatro de Las Cortes da súa cidade natal, San Fernando, con motivo de celebración dos seus vinte anos na música. O devandito espectáculo contou coas colaboracións do Coro Nova Nerta de Jerez de la Frontera e a participación dun nutrido número de actores, acróbatas, malabaristas e bailaríns, así como antigos membros da formación que foron convidados. O concerto foi gravado e editado en formato DVD e dobre CD en directo co título de 20…Al Mundo de los Sueños. Foi lanzado o 18 de novembro de 2016.
Tamén con motivo dos seus vinte anos o escritor e amigo da banda Enrique Montiel de Arnaiz publica en maio de 2017 unha extensa biografía sobre o grupo. Leyenda de Juglares mostra en 530 páxinas máis de 200 fotos inéditas da banda e unha portada feita a man por Daniel López, portadista e debuxante habitual do grupo.
O 5 de decembro de 2017 a banda publica o seu primeiro disco de estudo en formato acústico, La Magia de la Luna, baseado nalgunhas cancións que abarcan toda a traxectoria da banda. Ten un enfoque moi distinto á hora de reelaborar a música, as melodías e as harmonías vocais, co fin de facer as cancións diferentes ás orixinais, pero mantendo as súas esencias fundamentais. No disco participan artistas como a cantante Julia Medina, o baixista Ismael Alcina e o percusionista Moisés Ibáñez.
O 25 de abril de 2018 sae á luz a colaboración da banda no disco Stay Oz! (Hasta que el cuerpo aguante), un tributo a Mägo de Oz con motivo dos trinta anos do grupo madrileño. Nel fan a súa propia versión do tema «Molinos de Viento», acompañado dun videoclip.
2019-presente: Consolidación da madurez e Música Entre verán e outono de 2018 Saurom comezou a composición dun novo álbum oficial, previsto inicialmente para ser posto á venda entre setembro e decembro de 2019. Finalmente, modificáronse os plans e non se empezou a gravar até xullo de 2019 debido ás numerosas xiras, polo que se esperaba a súa publicación cara á primavera de 2020 (marzo ou abril). Esta información mantívose como oficial até xaneiro e febreiro de 2020, aínda que Narci Lara, fundador do grupo, insistía en que non importaban as datas, senón plasmar de verdade a madurez do grupo nun disco traballado.
Tras non haber demasiadas noticias durante marzo, o 17 de abril de 2020 o grupo presentou o título e a portada do novo álbum oficial (o décimo, sen contar as maquetas e outros materiais). Non foi posto á venda até o 4 de decembro de 2020 debido á situación excepcional provocada pola pandemia do COVID-19 en todo o mundo.
O 2 de maio o grupo presentou o primeiro sinxelo do álbum, «Amanecer», xunto ao seu vídeo oficial. A canción, de temática ecoloxista, presenta numerosas influencias do grupo finlandés de metal sinfónico Nightwish.
Discografía
Maquetas
La cripta del duende (1996) Regreso a las Tierras Medias (1997) Legado de juglares (1999) Orígenes (2000)
Álbums de estudo
El guardián de las melodías perdidas (2001) Sombras del Este (2002) Legado de juglares (2004) JuglarMetal (2006) Once romances desde al-Ándalus (2008) Maryam (2010) - inclúe un DVD con vídeos e material oficial. Vida (2012) Sueños (2015) Música (2020) El Pájaro Fantasma (2023) El Principito (2025)
Álbums en directo
20… al Mundo de los Sueños (2016) - CD + DVD en directo no Real Teatro de las Cortes de San Fernando (Cádiz) polo 20º aniversario do grupo. En Vivo Arena Ciudad De México (2024) - inclúe 2 CD de son, 1 DVD e 1 Blu-Ray co concerto celebrado en Arena CDMX o 22/04/2023 pertencente á xira “El Pájaro Fantasma”
Recompilatorios
Sinfonías de los bosques (2006) - álbum de rarezas e versións incluído na reedición de 2005 do álbum Legado de juglares. La Magia de la Luna (2017) - acústico Mester de Juglaría (2021) - tributo oficial a Saurom en cuádruplo CD
Singles e EPs
Mendigo (2004) - sinxelo promocional do álbum Legado de juglares. Romances from al-Ándalus (2008) - EP promocional en inglés para a súa venda nos EUA. Maryam (2010) - sinxelo promocional do álbum Maryam, de regalo na revista HeavyRock.
DVD
Maryam (2010) - inclúe un DVD con vídeos e material oficial.