Yōko Ōta (en ), nada en Hiroshima o 20 de febreiro de 1903 ou o 18 de novembro de 1906 e finada en Inawashiro o 10 de decembro de 1963, foi unha escritora xaponesa asociada coa literatura da bomba atómica.

Traxectoria

Primeiros anos Ōta naceu como Hatsuko Fukuda en Hiroshima, filla dun terratenente adiñeirado, Ryujiro Fukuda, e a súa segunda esposa, Tomi Yokoyama. A parella tivo outros dous fillos. En 1910, a nai divorciouse do seu home, que vivía unha vida disoluta, polo que a deron en adopción á familia Ōta; porén, despois trasladouse a vivir coa nai e o seu terceiro marido. Dende nova gustáballe ler as obras de autores nacionais como Takuboku Ishikawa ou Shūsei Tokuda, así como escritores occidentais como Goethe, Heine ou Tolstoi.

Tras finalizar a secundaria en 1920, traballou como mestra de primaria, secretaria e mecanógrafa. Casou en 1926, pero axiña abandonou ao seu marido, pois descubriu que xa tiña unha muller. Logo de varias achegas en Nyonin geijutsu, unha revista dedicada á literatura escrita por mulleres, trasladouse a Tokyo por segunda vez en 1930 (xa pasara un ano alí con anterioridade). Seguiu a publicar contos noutras revistas e xornais, así como unha novela baseada no seu segundo matrimonio frustrado (1936-1937).

Bombardeo de Hiroshima En 1940, Ōta escribiu Sakura no kuni (en , coa que gañou o premio do Asahi Shinbun e obtivo moita sona. Continuou cunha serie de obras nas que gabou a política de expansión do Xapón e os seus esforzos bélicos, das que renegou rematada a segunda guerra mundial. En agosto de 1945, sobreviviu ao bombardeo atómico de Hiroshima. O seu relato Katei no yōna hikari (en ) foi publicado o 30 de agosto de 1945 no Asahi Shinbun, polo que se trata da primeira peza literaria sobre a bomba atómica. Temendo sucumbir aos efectos da radiación, entregouse á escrita da súa novela Shikabane no machi (en ), un rexistro das súas experiencias en Hiroshima. Malia rematala no outono de 1945, por culpa da censura non saíu do prelo até tres anos máis tarde, con seccións eliminadas. A versión completa foi publicada por vez primeira en 1950. En 1951, escribiu Ningen ranru (en ), coa que gañou o premio de Literatura de Mulleres.

O seu conto Hotaru (en ), de 1953, narra o encontro do protagonista con superviventes de Hiroshima e trata tamén, como moitas das súas pezas da época, do suicidio de Tamiki Hara, outro dos grandes novelistas da literatura da bomba atómica. Ao ano seguinte, recibiu o premio da Cultura da Paz pola novela Han ningen (en ), na que un escritor vive aterrorizado polas lembranzas da bomba atómica e o medo aos efectos da radiación e unha futura guerra mundial. A propia Ōta pasou o resto da súa vida temendo que a radiación acabase por matala.

Pasamento A autora faleceu dun ataque ao corazón en 1963, namentres traballaba nunha nova novela. En 1982, publicáronse os catro volumes de Ōta Yōko shū (en ), que non inclúe a totalidade dos seus textos.

Publicacións Sakura no kuni (1940) Katei no yōna hikari (1945) Shikabane no machi (1948) Ningen ranru (1951) Hotaru (1953) Han ningen (1954)

Traducións En castelán Ciudad de cadáveres (2025). Tradución directa de Kuniko Ikeda e Marta Añorbe Mateos. Satori.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Finados en 1963 Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Escritores do Xapón Categoría:Nados en Hiroshima