Cesare Pavese, nado o 9 de setembro de 1908 en Santo Stefano Belbo e finado o 27 de agosto de 1950 en Turín, foi un dos máis importantes escritores italianos do século XX, que nos seus poemas e relatos describiu, entre outras temas, o mundo rural do Piemonte.
Traxectoria Orfo de pai, dende 1914 foi educado por súa mai. Pavese fixo os estudos de bacharelato en Turín e estudou historia da literatura na universidade da mesma cidade. Durante os anos de universidade interesouse pola literatura dos Estados Unidos e graduouse cunha tese sobre o poeta norteamericano Walt Whitman. Alternaba o traballo de tradutor co ensino da lingua inglesa. Traduciu ó italiano Moby Dick de Herman Melville e obras de John Dos Passos, William Faulkner, Daniel Defoe, James Joyce e Charles Dickens.
En 1935 estivo preso e foi desterrado durante oito meses a Calabria, acusado de antifascismo polas cartas que intercambiou cunha moza súa da época, que militaba no partido comunista.
Entre 1928 e 1935 escribiu os poemas publicados en 1936 co título Lavorare stanca (Traballar cansa). Foron poemas innovadores, que, xunto coas súas obras de narrativa, lle atraeron a atención dun público amplo. Nesa época comezou o diario literario-existencialista Il mestiere di vivere (O oficio de vivir) que continuou ata a morte. Dende 1938 traballou para a editora turinesa Einaudi.
Durante a segunda guerra mundial instalouse coa familia no campo. Amigou co daquela descoñecido escritor Italo Calvino. Despois da guerra trasladouse a Serralunga di Cera e despois a Roma, Milán e Turín. En 1945 entrou no Partido Comunista Italiano, PCI. Gañou o premio Strega de Literatura en 1950 por La bella estate (O fermoso verán).
O desengano amoroso pola fin da relación sentimental coa actriz norteamericana Constance Dowling, á que dedicou os últimos versos de Verrà la morte ed avrà i tuoi occhi (Vira a morte e terá os teus ollos) e a angustia existencial levárono ó suicidio o 27 de agosto de 1950, nun cuarto do Hotel Roma en Turín.
Un dos temas típicos na obra de Calvino é o illamento do individuo. O protagonista típico das obras de Pavese e un home solitario (voluntariamente ou non), que ten relacións superficiais con outras persoas e que, en contra dos seus desexos, acaba por traizoar ós seus ideais e amigos, como ocorre na novela A cadea. O título da colección de dous relatos Antes de que cante o galo fai referencia á traizón de Pedro a Xesús Cristo.
Obra
Lavorare stanca, poemas, Florencia: 1936, ed. ampliada, Turín: 1943 Paesi tuoi, novela, Turín: 1941 La spiaggia, novela, 1941 Feria d'agosto, Turín: 1946 Il compagno, novela, Turín: 1947 Dialoghi con Leucò, contos, Turín: 1947.. Prima che il gallo canti, novela, Turín: 1949 La bella estate, novela, Turín: 1949 [Contén as novelas: La bella estate (1940), O demo nos outeiros e Tra donne sole] La luna e i falò, novela, Turín: Einaudi, 1950; Milán: Mondadori, 1969, 1982. Verrà la morte ed avrà i tuoi occhi, poemas, Turín: 1951 La letteratura americana e altri saggi, ensaios, Turín: 1951 O oficio de vivir. 1935-1950, diario, Galaxia, 2006 Notte di festa, 10 contos, Turín: 1953 Fuoco grande, novela, en colaboración con Bianca Garufi, Turín: 1959 Contos, Turín: 1960 Cartas 1924-1944, Turín: 1966 Cartas 1945-1950, Turín: 1966 Tutto Pavese, Turín: 1968 Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Escritores en lingua italiana Categoría:Escritores de Italia Categoría:Nados na provincia de Cuneo Categoría:Nados en 1908 Categoría:Finados en 1950 Categoría:Suicidios en 1950 Categoría:Suicidas de Italia Categoría:Finados por sobredose Categoría:Poetas de Italia Categoría:Poetas en lingua italiana Categoría:Tradutores do inglés Categoría:Tradutores ao italiano