Xesús Alonso Montero, nado en Vigo o 28 de novembro de 1928 e finado na mesma cidade o 12 de febreiro de 2026, foi un ensaísta, membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, catedrático de Literatura galega, sociolingüista, poeta e conferenciante galego. Foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017.
Usou os pseudónimos Yusuf de Ventosela, María das Falas e Pedro Petouto.
Traxectoria miniatura|esquerda|Suso coa nai e os irmáns. Primeiros anos e formación Naceu en Vigo, onde os seus pais Benito Alonso Valiñas e Angelina Montero Franqueira (que tiveron outros tres fillos: Celso, Sara e Julio) rexentaban a taberna El Recreo, no número 63 da Rúa Urzaiz, moi preto da Estación de ferrocarril. Tralo Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, o pai agochou na casa a Ramón González Brunet, sindicalista. Delatados, foron descubertos o 3 de agosto. Ramón foi executado e Benito foi conducido á cadea de Vigo e despois ao campo de concentración da Illa de San Simón, onde permaneceu ata ser liberado en maio de 1937. miniatura|esquerda|Retrato de Suso no tempo en que facía o bacharelato. A familia trasladouse en 1938 a Ventosela (Ribadavia), a terra dos pais e dos avós (e do seu sobriño Manuel Rodríguez Alonso), onde pasou a súa infancia e adolescencia. Estudou o bacharelato de 1943 a 1946 no colexio Akademos de Ribadavia de Bernardino Graña Refojos e rematouno en Vigo no Instituto Santa Irene en 1948. En 1953 licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, onde tivo como profesores a Dámaso Alonso e a Rafael Lapesa. miniatura|esquerda|Casa dos avós en Ventosela, Ribadavia.
Carreira profesional Foi profesor de Lingua e Literatura Española desde 1956, exerceu na Escola Normal de Santiago de Compostela e nos institutos de Palencia (1959-1960) e Lugo (1960-1976). En 1966 doutorouse na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Manuel Curros Enríquez: Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega. En 1976 é profesor titular de Literatura Española no Colexio Universitario de Vigo, en 1989 pasou a ser profesor titular de Literatura Galega e foi catedrático de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela desde 1991.
Pola súa idade, pertence á xeración de escritores que comezaron o seu labor cultural após a guerra civil española. É militante do PCE desde 1962, represaliado en varias ocasións. Encabezou a candidatura do PCG pola provincia de Lugo nas primeiras eleccións democráticas. Foi catedrático de Lingua e Literatura Españolas de Escolas de Maxisterio, exercendo en Palencia, Lugo e Madrid. Foi nomeado catedrático emérito da USC en 1999.
Destacou no campo da sociolingüística con libros como O porvir da lingua galega (1968), O que cómpre saber da lingua galega (1969) ou o polémico e contestado Informe -dramático- sobre la lengua gallega (1973), onde retoma as súas teses apocalípticas sobre o idioma galego sinalando mesmo unha data para a súa morte. Realizou e publicou estudos sobre escritores galegos como Rosalía de Castro (Páxinas sobre Rosalía de Castro, 1954-2004), Manuel Curros Enríquez (Curros Enríquez no Franquismo, 1936-1971), Manuel Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel (Luís Pimentel: biografía da súa poesía), Celso Emilio Ferreiro (Celso Emilio Ferreiro), Luís Seoane (As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane), Mendiño, Xosé Neira Vilas, Lorenzo Varela, Vicente Risco, Ramón Cabanillas ou Álvaro Cunqueiro.
Fixo tamén achegas noutros ámbitos da literatura galega como a poesía popular e os poetas alófonos en galego (María Victoria Moreno), e ten realizado estudos sobre autores da literatura española e portuguesa como Antonio Machado, Federico García Lorca, Miguel de Unamuno, Ramón María del Valle-Inclán, Bernabé Busto, Cervantes, Jovellanos, Azorín, Pedro Salinas, Jacinto Verdaguer, Joan Maragall, Salvador Espriu, Antero de Quental ou Leite de Vasconcelos. O seu interese pola poesía medieval e dos séculos escuros maniféstase en obras como Estudio literario das Festas Minervais Compostelanas de 1697 (1993).
Alén disto, son destacábeis as súas colaboracións na prensa galega, recollidas en parte na obra Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999). Tamén ten libros de poemas: Versos satíricos ó xeito medieval ou Versos republicanos. Así mesmo, realizou compilacións poéticas de homenaxe a autores galegos: Coroa poética para Castelao (1988), Coroa poética para un mártir (1996), Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte (1999) e 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez (2001).
Ingresou na Real Academia Galega o 30 de outubro de 1993 a proposta de Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares e Ramón Piñeiro. O seu discurso de ingreso, contestado por Xosé Filgueira Valverde, titulouno "Manifestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante (1939-1962). O 20 de abril de 2013 foi elixido presidente da Real Academia Galega, cargo que ocupou ata o 29 de abril de 2017.
Deu o seu apoio ao esperanto e ao movemento esperantista galego; escribiu a única visión xeral da historia do movemento en Galicia, o artigo que figura na palabra clave "Esperanto" da Gran Enciclopedia Galega.Alonso Montero, Xesús (1984): "Esperanto", en: Silverio Cañada (editor): Gran Enciclopedia Gallega. Santiago/Gijón, p. 214-218. Nese sentido, impartiu unha conferencia no 46º Congreso Español de Esperanto, en Vigo (1986).-- (1986): Kongreslibro de la 46-a Hispana Kongreso de Esperanto. Vigo: [Hispana Esperanto-Federacio] e no 69º Congreso Español de Esperanto en Santiago de Compostela (2010)-- (2010): Kongreslibro de la 69-a Hispana Kongreso de Esperanto, Santiago de Compostela: [Hispana Esperanto-Federacio]
Ademais de profesor e investigador, presidiu o Foro pola Memoria Republicana de Galicia, participando activamente nas fundacións Otero Pedrayo e Rosalía de Castro.
En 2025 Montero fixo unha doazón do seu arquivo documental á Fundación Penzol. Estes traballos recollían os seus artigos, escritos e pensamentos entre 2004 e 2020. A Biblioteca da Deputación de Ourense acolle 2 400 exemplares de Alonso Montero, xunto con Ben-Cho-Shey (6 507), Eduardo Blanco Amor (1 814), Alberto Vilanova (7 233), Benito Fernández Alonso (1 069), José González Paz (1 000), Álvaro de las Casas (110).
En 1981 formou parte do tribunal (con Constantino García, Francisco Ogando...) que xulgou os primeiros catedráticos de Lingua e Literatura Galega de ensino medio e presidiu o tribunal que xulgou os primeiros profesores agregados da mesma materia (con Carlos Casares, Amable Veiga, Manuel González…). miniatura|En 2013, con Manuel González, tras a votación na RAG na que foi elixido presidente. Etapa luguesa Chegou a Lugo en 1960 como catedrático do Instituto Masculino (IES Lucus Augusti), alí atopouse con Amable Veiga e Epifanio Ramos. Axiña se incorporou ao faladoiro do Hotel Méndez Núñez ("La tertulia de los desafectos"). Tamén se incorporou ás actividades do Círculo das Artes de Lugo, que en 1963 acolleu a exposición «Cen anos de literatura galega» polos cen anos da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, era a época de Ramón Varela Núñez no Círculo. Tamén impartiu docencia na Escola de Maxisterio.
No instituto, no que tamén daba clases a súa muller, tivo como alumnos a Fernando Ónega, Perfecto Conde Muruais, Antón Grande, Claudio Rodríguez Fer, Antón Santamarina, Darío Xoán Cabana, Xesús Rábade, Anxo González Guerra, Fiz Vergara Vilariño, Xulio López Valcárcel, Camilo Valdeorras, Paco Martín etc.
Desde Lugo publicou o Informe —dramático— sobre la lengua gallega.
Esta etapa (1960-1976) deixou pegada nel que declarou "Síntome galego de Lugo" en 2024 e tamén deixou pegada nos seus moitos alumnos. Claudio Rodríguez Fer lembra: «o daquela destacado profesor comezou sendo palmeira no deserto dando clases con altas doses de natural humanismo persoal». «Co seu falecemento desaparece unha das figuras máis relevantes do pensamento galego do último século, un mestre de mestres que fixo da palabra un instrumento de compromiso», recoñeceu o Concello de Lugo no seu pasamento.
Orador miniatura|Xesús Alonso Montero nos Premios Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores de 2009 Salienta tamén o seu papel como conferenciante, con múltiples palestras en Galicia, en España e en América. Recolle Manuel Bragado:
Comunismo Sempre presumiu de ser comunista. En Lugo afiliouse ao Partido Comunista o 1 de maio de 1962 no Café do Centro e desde Lugo mandaba crónicas a Radio España Indepediente, emisora do PCE coñecida popularmente como "A Pirenaica". Abandonou a formación tras encabezar as súas listas por Lugo nos comicios estatais de 1977 e retornou a ese partido a comezos dos anos 90. O seu compromiso cívico e político nas filas do PCE desde 1962 custaríalle diversos episodios de represión durante a ditadura e determinaría a escolla dalgunha das súas áreas de estudo predilectas, como as letras galegas e españolas durante a II República, a guerra civil, o franquismo e o exilio. Pola súa militancia comunista nunca chegou á prisión, mais sufriu multas por defender as súas conviccións. En 1975 chegou a estar desterrado en Montilla (Córdoba), a máis de 930 quilómetros de Galicia.
En 1962 o PCE convidouno a ir a Moscova a un congreso pola paz que inaugurou Nikita Khrushchev, no pasaporte falso figuraba como Alonso Quijano.
No seu pasamento o Partido Comunista de Galicia sinalou:
Pasamento Xesús Alonso Montero finou en Vigo o xoves 12 de febreiro de 2026 á idade de 97 anos. Os medios de comunicación e redes sociais déronlle moita importancia á noticia. A escritora Fina Casalderrey definiuno sobre todo como un humanista. Henrique Monteagudo (Presidente da RAG): deixa un legado imborrable e múltiples discípulos. Rosario Álvarez (Presidenta do CCG): un pesar profundo para a cultura galega e, de maneira especial, para o CCG, do que formou parte nos seus inicios. Abel Caballero (Alcalde de Vigo): permanecerá sempre na memoria de Vigo. Xosé Ramón Gómez Besteiro (Secretario Xeral do PSdeG): foi compromiso, pensamento crítico, amor pola lingua ata o final. Enrique Santiago (Secretario Xeral do PCE): foi un referente na loita contra a ditadura franquista en Galicia. Antón Vidal (Presidente de Galaxia): unha das voces máis sólidas e tamén comprometidas da cultura galega. Edicións Xerais de Galicia, a Asociación Galega de Editoras, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Rosalía de Castro... presentaron as súas condolencias. miniatura|Xesús Alonso Montero na entrega do premio García Barros de 2014. Para o presidente da Xunta da Galicia, Alfonso Rueda, marchou "un dos pensadores máis relevantes da Galicia contemporánea". En palabras de CCOO, un "incansábel loitador pola clase traballadora e a memoria democrática". Para o BNG: "A cultura galega perde hoxe unha figura relevante na nosa historia". Para Ledicia Costas foi un referente intelectual entregado en corpo e alma á cultura galega. Segundo Marilar Aleixandre: galeguista, comunista, orador excepcional e comprometido coa lingua e o país. Antonio García Teixeiro: un home moi culto e un profesor apaixonado da docencia. Ramón Nicolás escribiu que o seu profesor se consideraba un aprendiz de comunista e que as accións que levaba a cabo eran para poder chegar a ser un comunista de verdade. Modesto Hermida que era unha persoa moi entregada tanto á súa profesión como ao combate político contra o franquismo. Xosé Ramón Pena e Camiño Noia recalcan que era un home cun compromiso "firme" coa cultura e o idioma galegos e que a sociolingüística foi un dos sacos da produción de Montero.