Virginia Apgar, nada en Westfield (New Jersey) o 7 de xuño de 1909 e finada en Manhattan o 7 de agosto de 1974, foi unha médica, obstetra, anestesióloga e investigadora médica estadounidense. É coñecida como a creadora do test de Apgar, un xeito rápido de avaliar a saúde dun bebé inmediatamente despois do nacemento para combater a mortalidade infantil. En 1952 desenvolveu este exame clínico de 10 puntos para o persoal médico e de enfermaría avaliaren o estado de bebés. Realizado entre un e cinco minutos após o nacemento, o test de Apgar mide a respiración, a cor da pel, os reflexos, a mobilidade e a frecuencia cardíaca do bebé. Foi unha figura destacada nos campos da anestesioloxía e a teratoloxía e contribuíu á neonatoloxía con aspectos relacionados coa obstetricia.

Primeiros anos e educación Apgar naceu e criouse en Westfield, New Jersey. Foi a máis nova dos tres fillos de Helen May (Clarke) e Charles Emory Apgar. O seu pai era un executivo empresarial e astrónomo afeccionado, e o seu traballo de radioafeccionado delatou unha célula de espionaxe durante a I Guerra Mundial. O irmán máis vello de Virginia morreu novo de tuberculose e o seu outro irmán padeceu unha doenza crónica. Xa dende unha idade temperá Virginia quería ser médica, e en 1925 graduouse do Instituto Westfield. esquerda|miniatura|237x237px|Virginia Apgar tocando o violín no campo en 1920 Apgar graduouse do Mount Holyoke College en 1929, onde estudou zooloxía con mencións en fisioloxía e química. En 1933 foi a cuarta da súa promoción da Columbia University College of Physicians and Surgeons (P&S) e completou unha residencia en cirurxía nesa institución en 1937.

Allen Whipple, xefe de cirurxía no Columbia-Presbyterian Medical Center, disuadiuna de continuar a súa carreira como cirurxiá, porque vira a moitas mulleres tentaren ser cirurxiás exitosas e acabaren fracasando. Por contra, animouna a dedicarse á anestesioloxía porque consideraba que cumprían avances na cirurxía de avance máis afastado e, ao seu ver, ela tiña «enerxía e habilidade» para contribuír de xeito significativo. Apgar formouse durante seis meses enanestesioloxía con Ralph Waters na Universidade de Wisconsin-Madison, institución en que el mesmo creara o primeiro departamento desa especialidade nos Estados Unidos. Nunha fotografía de 1937 de Waters e os seus residentes, é a única muller entre Waters e outros 15 homes. Ela estudou seis meses máis con Emery Rovenstine no Bellevue Hospital de Nova York. Obtivo o título en anesthesiologist en 1937 e regresou ao P&S o ano seguinte, como directora da sección de anestesia, acabada de crear. En 1959 obtivo un mestrado en saúde pública na Johns Hopkins School of Hygiene and Public Health.

Traballo e investigación Apgar foi a primeira muller en dirixir un departamento de especialidade no entón Columbia-Presbyterian Medical Center. Encargouse dos labores administrativos da especialidade e de coordinar o seu persoal. Durante boa parte da década de 1940 foi administradora, profesora, coordinadora e exerceu como médica, ademais de encargarse da contratación de persoal. alt=Dr. Virginia Apgar, standing, facing right, examining baby with stethoscope.|dereita|miniatura|313x313px|Virginia Apgar examinando un bebé acabado de nacer en 1966 Era a miúdo difícil atopar residentes nun momento en que os avances na medicina aínda acababan de facer da anestesia unha especialidade de pleno dereito. Os novos anestesiólogos tamén eran escrutados por outros médicos, en especial polos cirurxiáns, quen non estaban afeitos a teren especialistas en anestesia no quirófano.

Isto supuxo dificultades para lograr financiamento e apoio para a especialidade. Coa entrada dos Estados Unidos de América na II Guerra Mundial en 1941, moitos profesionais da medicina alistáronse no exército. A situación implicou un serio problema de dotación de persoal para hospitais civís, tamén para especialidade de Apgar.

Co fin da guerra en 1945, o regreso dos médicos reavivou o interese na anestesioloxía, e axiña se resolveu a carencia de persoal. A especialidade foi gañando popularidade e o esforzo de Apgar para desenvolver o seu programa de residencia fixo que se convertese nunha especialidade oficial do P&S en 1949. Por non realizar investigación (ao estar centrada nas funcións clínicas), Apgar non nomeada xefa da especialidade como se esperaba. O posto foille asignado ao seu compañeiro Emmanuel Papper e Apgar obtivo un posto docente no P&S.

Obstetricia En 1949 Apgar converteuse na primeira catedrática muller no P&S, onde ficou até 1959. Nese tempo tamén exerceu como médica e investigadora no Sloane Hospital for Women, daquela aínda adscrito ao NewYork–Presbyterian Hospital. En 1953 desenvolveu o test de Apgar, a primeira proba que permitía avaliar a saúde dos bebés acabados de nacer.

Entre as décadas de 1930 e 1950 a taxa de mortalidade infantil nos Estados Unidos diminuíu. Porén, ficou constante o número de mortes nas primeiras 24 horas de vida. Apgar reparou nesa tendencia e empezou a investigar como reducila. Como anestesióloga obstétrica, Apgar era quen de rexistrar as tendencias que podían distinguir nenos sans de nenos con problemas.

Esta investigación levouna a crear un sistema de puntos estandarizado para avaliar a saúde dun bebé acabado de nacer, o test de Apgar. Cada bebé recibe unha puntuación de 0, 1 ou 2 (o 2 significa que está en condicións óptimas e o 0 que está en perigo) en cada un dos seguintes parámetros: frecuencia cardíaca, respiración, cor, ton muscular e reflexos e irritabilidade. As puntuacións compiladas para cada bebé poden variar entre 0 e 10, sendo 10 a mellor condición posíbel. As puntuacións deben darse un minuto despois do nacemento, e poden darse puntuacións adicionais en intervalos de cinco minutos para adoptar tratamentos se a condición do bebé non mellora o suficiente. Na década de 1960 moitos hospitais nos Estados Unidos utilizaban o test de Apgar sistematicamente. No século XXI o test continúa a ser considerado un método práctico para coñecer o estado do bebé inmediatamente após nacemento.

En 1959 Apgar deixou Columbia e obtivo un posgrao de Saúde Pública no Johns Hopkins School of Hygiene and Public Health. Dende entón até a súa morte en 1974 traballou para a March of Dimes Foundation como vicepresidenta de asuntos médicos e dirixiu o seu programa de investigación para previr e tratar doenzas conxénitas.

Ao ter relación directa a idade xestational coa puntuación dun bebé no test de Apgar, foi unha das primeiras persoas de March of Dimes en atraer atención sobre o parto prematuro. Durante ese tempo pronunciou relatorios, escribiu numerosos artigos en revistas populares e desenvolveu labor de investigación. En 1967 Apgar converteuse en vicepresidenta e directora de investigación básica da The National Foundation-March of Dimes.

Durante a pandemia de rubéola de 1964–1965, Apgar defendeu a vacinación universal para evitar a transmisión da doenza de nais a fillos. A rubéola pode causar serios trastornos conxénitos se unha muller se infecta estando grávida. Estímase que entre 1964 e 1965 houbo nos Estados Unidos uns 12,5 millóns de casos de rubéola, o que levou a 11.000 abortos terapéuticos ou espontáneos e 20.000 casos de síndrome de rubéola conxénita. Isto supuxo 2.100 mortes na infancia, 12.000 casos de xordeira, 3.580 casos de cegueira debido a cataratas e/ou microftalmia e 1.800 casos de discapacidade intelectual. Só na cidade de Nova York a rubéola conxénita afectou ao 1% de todos os bebés nados entón.

Apgar tamén promoveu o uso eficaz das probas de Rh, que poden identificar mulleres en risco de transmisión de anticorpos maternais a través da placenta. Dentro desta poden destruír os glóbulos vermellos do feto e causar hidropesía fetal ou mesmo aborto espontáneo.

Apgar viaxou miles de km cada ano para falar ante públicos moi diversos sobre a importancia da detección temperá das malformacións conxénitas e a necesidade de máis investigación nesa área. Demostrou ser unha excelente embaixadora para a National Foundation e os ingresos anuais da organización aumentaron máis do dobre durante a súa permanencia no cargo. Tamén foi Directora de Investigación Médica Básica (1967–1968) e vicepresidenta de Asuntos Médicos (1971–1974) na National Foundation. Uniu a súa preocupación polo benestar dos nenos e as familias co seu talento para ensinar no libro Is My Baby All Right? (1972), coescrito con Joan Beck. dereita|miniatura|300x300px|Virginia Apgar (novembro de 1973) Apgar foi tamén profesora (1965–1971) e logo docente clínica (1971–1974) de pediatría na Cornell University School of Medicine, onde ensinou teratoloxía. Foi a primeira en ocupar un cargo nesa nova área da pediatría. En 1973 foi nomeada profesora de xenética médica no Johns Hopkins School of Public Health.

Durante a súa traxectoria Apgar publicou máis de 60 artigos científicos e numerosos ensaios breves para xornais e revistas, xunto co seu libro Is My Baby All Right?. Recibiu moitos premios, entre eles os doutoramentos honoris causa da Woman's Medical College of Pennsylvania (1964) e Mount Holyoke College (1965), o Elizabeth Blackwell Award da American Medical Women's Association (1966), o Distinguished Service Award da American Society of Anesthesiologists (1966), o Alumni Gold Medal for Distinguished Achievement da Columbia University College of Physicians and Surgeons (1973) e o Ralph M. Waters Award da American Society of Anesthesiologists (1973). En 1973 foi nomeada Muller do Ano en Ciencia pola Ladies Home Journal.

Apgar falaba aos adolescentes dende a casa do mesmo xeito que o facía cos activistas. Falou nas March of Dimes Youth Conferences sobre o embarazo adolescente e os trastornos conxénitos nun momento en que se consideraban temas tabú.

Vida persoal esquerda|miniatura|263x263px|Virginia Apgar nos 60 cun violín feito por ela mesma Ao longo da súa traxectoria Apgar mantivo que «as mulleres son libres desde o momento en que deixan o útero» e que ser muller non supuxera limitacións significativas na súa profesión como médica. Evitou gran parte das organizacións polos dereitos das mulleres. Aínda que ás veces expresou en privado a súa frustración coa desigualdade de xénero (en especial na cuestión salarial), traballou para resolvelas avanzando de xeito constante en eidos novos onde podía exercer a súa considerábel enerxía e capacidades.

A música foi unha parte esencial da vida na familia, con sesións musicais frecuentes. Apgar tocaba o violín e o seu irmán, o órgano e o piano. Ela viaxaba co seu violín e tocaba decote en cuartetos de cámara afeccionados aló onde estiver. Durante a década de 1950 un amigo iniciouna na construción de instrumentos e xuntos fixeron dous violíns, unha viola e un cello. Encantáballe a xardinaría e gozaba coa pesca con mosca, o golf e a filatelia. Xa na cincuentena Apgar comezou a tomar leccións de voo. Afirmou que o seu obxectivo era voar algún día baixo a ponte George Washington de Nova York.

Morte Apgar nunca casou nin tivo fillos e finou de cirrose o 7 de agosto de 1974 no Columbia-Presbyterian Medical Center. Está enterrada no Fairview Cemetery de Westfield.

Legado Apgar continuou a ser recoñecida de xeito póstumo polas súas contribucións e logros. En 1994 foi homenaxeada polo Servizo Postal dos Estados Unidos nun selo de 20 centavos da serie Great Americans, de grandes personaxes do país. En novembro de 1995 foi incluída no Salón da Fama das Mulleres da Nación en Seneca Falls (Nova York). O 7 de xuño de 2018 Google celebrou o 109º aniversario de Apgar cun Doodle.

Recoñecementos e premios

Doutora honoris causa polo Women's Medical College of Pennsylvania (1964) Doutora honoris causa polo Mount Holyoke College (1965) Distinguished Service Award da American Society of Anesthesiologists (1966) Elizabeth Blackwell Award da American Women's Medical Association (1966) Doutora honoris causa polo New Jersey College of Medicine and Dentistry (1967)