Verpa bohemica é unha especie de fungo da familia Morchellaceae. Os micólogos europeos usan a miúdo o sinónimo Ptychoverpa bohemica para esta especie.

Este cogomelo ten un píleo con forma de dedal amarelo claro ou marrón, de 2 a 4 cm de diámetro por 2 a 5 cm de longo, que ten unha superficie engurrada e con circunvolucións parecidas ás do cerebro. Unha característica distintiva das especies das verdadeiras pantorras (xénero Morchella) é que o píleo colga libre desde a parte superior do estipe ou pé, e é de cor máis clara, crebadizo e de ata 12 cm de longo por 1 a 2,5 cm de grosor. Microscopicamente, este cogomelo distínguese polas súas grandes esporas, normalmente de 60–80 por 15–18 μm, e pola presenza de só dúas esporas no asco.

Verpa bohemica atópase no norte de América do Norte, Europa e Asia. Frutifica a inicios da primavera, crecendo no chan de bosques despois da fusión da neve, antes da aparición das verdadeiras pantorras. Aínda que son amplamente considerados como comestibles, en caso de que sexan preparados incorrectamente, o consumo destes cogomelos pode causar envelenamentos en individuos susceptibles; os síntomas inclúen trastornos gastrointestinais e falta de coordinación muscular.

Taxonomía

A especie foi descrita por primeira vez na literatura científica polo médico e micólogo checo Julius Vincenz von Krombholz en 1828, co nome Morchella bohemica. O naturalista alemán Joseph Schröter transferiuno ao xénero Verpa en 1893. Ptychoverpa bohemica é un sinónimo que foi publicada polo francés Jean Louis Émile Boudier no seu tatado de 1907 sobre os Discomycetes de Europa; o nome aínda se usa ocasionalmente, especialmente en publicacións europeas. Boudier cría que as ascósporas grandes e curvadas e as raras e curtas paráfises eran suficientemente distintivas como para garantir a creación dun novo xénero que contivese esta única especie. Ptychoverpa tamén foi clasificda como unha sección de Verpa. A sección caracterízase pola presenza de grosas cristas lonxitudinais no píleo que poden ser simples ou bifurcadas. Aínda que se descubriu primeiro en Europa, a especie descubriuna no Canadá Alfred Brooker Klugh pouco antes de 1910 e foi denominada por outro sinónimo, Morchella bispora.

Etimoloxía O epíteto específico bohemica fai referencia a Bohemia (agora parte da República Checa), onde Krombholz recolleu orixinalmente a especie. Ptychoverpa deriva do grego antigo ptyx (forma en xenitivo de ptychos), que significa 'pregamento, capa' ou 'placa'.

Descrición O píleo deste fungo (tecnicamente un apotecio) é de 2 a 4 cm de diámetro por de 2 a 5 cm de longo, con forma cónica ou de campá. Está dobrado formando cristas lonxitudinais que con frecuencia se fusionan (anastomoses) orixinando unha rede parecida a das veas. O píleo está unido ao estipe ou pé só na súa parte superior —quedando o píleo colgando desde a parte superior do estipe, coa marxe lobada libre, separada do estipe— e varía en cor de marrón amarelado a marrón avermellado; a parte inferior do píleo é clara. O estipe é de 6 a 12 cm de longo por 1 a 2,5 cm de grosor, de cor branca crema, e vaise adelgazando cara a arriba de maneira que o estipe é máis groso na base que na parte superior. Aínda que o estipe está inicialmente cheo de hifas algodonosas frouxas, finalmente faise oco na madureza; en conxunto, o cogomelo é bastante fráxil. A impresión das esporas é amarela, e a carne é branca.

En comparación con outras especies de fungos típicas, as esporas de V. bohemica son enormes, normalmente de 60–80 por 15–18 μm. Son eípticas, lisas, ás veces curvadas e parecen de hialinas (translúcidas) a amareladas. As esporas, que aparecen en número de dúas (máis raramente tres) por asco son características desa especie. Os ascos lisos e elípticos miden 275–350 μm de longo por 16–23 μm de largo. O micólogo británico-canadense Arthur Henry Reginald Buller determinou que os ascos son heliotrópicos, é dicir, inclínanse en dirección á luz. Como sinalou: "Cortei seccións transversais dos seus píleos, examinei esas seccións ao microscopio, e inmediatamente percebín que en todas as fendas e depresións himeniais os ascos estaban curvados cara a fóra de tal xeito que os seus opérculos deberon estar fronte os raios de luz máis intensos aos cales os extremos dos ascos estiveron expostos nos lugares onde se desenvolveron os corpos frutíferos." Esta resposta ao estímulo da luz é significativa porque permite que un corpo frutífero apunte e despois descargue os seus ascos cara aos espazos abertos, incrementando así as probabilidades de que as esporas se espallen pola acción do vento. As paráfises son grosas e con forma de maza, con diámetros de 7–8 μm nos seus extremos.

Especies similares

A especie estreitamente relacionada Verpa conica ten un píleo normalmente liso, pero pode ser engurrado; V. conica pode distinguirse microscopicamente polos seus ascos de oito esporas. A súa área de distribución en América do Norte esténdese moito máis ao sur que a de V. bohemica.

Outro grupo similar é o das pantorras "semilibres", por exemplo, Morchella semilibera, M. populiphila e M. punctipes. Estas teñen caracteristicamente un píleo en panal de abellas unido ao pé na metade da súa lonxitude, e con cristas que son máis escuras que os buracos. En sección transversal, o pé de M. semilibera está oco, mentres que o de V. bohemica adoita conter fíos algodonosos; M. semilibera xeralmente ten perforacións verticais preto da base, mentres que V. bohemica non.

Verpa bohemica pode distinguirse con fiabilidade de todas as especies similares pola súas esporas moito máis grandes, mais non é un carácter observable a simple vista.

Distribución, hábitat e ecoloxía Este fungo ten unha ampla área de distribución en América do Norte; esténdese ao sur dos Grandes Lagos polo mediooeste dos Estados Unidos, e do sur ao norte de California na costa oeste. En Europa, o fungo tamén está amplamente distribuído, e foi recollido en Austria, a República Checa, Dinamarca, Finlandia, Alemaña, Noruega, Polonia, Rusia, Romanía, Eslovenia, España, Suecia, e Ucraína. En Asia, rexistrouse na India e Turquía.

Os corpos frutíferos de V. bohemica crecen en solitario ou dispersos polo chan en bosques a inicios da primavera, xeralmente antes da aparición das pantorras, e durante toda a tempada de pantorras. Adoita encontrarse en ribeiras de ríos, preto de Populus, salgueiros e álamos, a miúdo enterrado entre as follas caídas. Prefire frutificar en áreas húmidas e solleiras. A súa temperatura de crecemento mínima é 3 °C, a óptima é de 22 °C, e a máxima duns 30 °C. Un estudo de proporcións isotópicas de carbono e nitróxeno indicou que V. bohemica é saprobia, é dicir, obtén nutrientes da descomposición de materia orgánica. Porén, suxeriuse que é un fungo micorrícico polo menos durante unha parte do seu ciclo vital.

Un estudo que se prolongou 10 anos sobre o tempo de frutificación e hábitats das poboacións de pantorras e falsas pantorras en Iowa mostrou que as falsas pantorras temperáns son as primeiras pantoras que frutifican na primavera, aparecendo pouco despois de que empecen a agromar as follas das árbores caducas. As pantorras Morchella angusticeps frutifican despois, seguidas das M. esculenta, e finalmente as M. crassipes. Os corpos frutíferos serven como hábitat para a crianza de insectos dípteros (moscas), como Porricondyla media, Pegomya geniculata e Trichocera annulata.

Comestibilidade

Malia seren vendidas (normalmente conxeladas) en Rusia, dicútese a comestibilidade de Verpa. Aínda que moitos a comen, o consumo de grandes cantidades dunha soa vez ou en días sucesivos, deu lugar a casos de envelenamento en individuos susceptibles. Entre os síntomas están o trastorno gastrointestinal e a falta de coordinación muscular, similares aos efectos que experimentan algúns individuos que comen especies de falsas pantorras como Gyromitra esculenta. A toxina responsable en G. esculenta é a xiromitrina; sospeitouse que V. bohemica ten a capacidade de sintetizar baixos niveis desa toxina, pero isto aínda ten que ser detectado experimentalmente. Informouse que o sobreconsumo deste fungo pode inducir o coma. Tamén hai informes de intolerancia ao alcohol (reacción similar ao disulfiram) despois do seu consumo.

Segundo un informe, a comestibilidade de Verpa é similar á de Morchella. Debería sempre cocerse debidamente e, se vai comerse por primeira vez, deberían ser só pequenas porcións para comprobar a tolerancia da persoa. Algúns dos partidarios só comen o chapeu do fungo e desbotan o pé. As opinións sobre o sabor do cogomelo varían, e van desde un sabor "forte pero non á par do das verdadeiras pantorras", a "pracenteiro", e a "non distintivo".

Notas

Ligazóns externa

Morels & False Morels of the Pacific Northwest Vídeo de YouTube sobre Verpa bohemica

Categoría:Morchellaceae Categoría:Fungos comestibles Categoría:Fungos velenosos