Edward C. Prescott, nado en Glens Falls, Nova York, o 26 de decembro de 1940, e finado o 6 de novembro de 2022, foi un economista estadounidense.
Traxectoria Prescott obtivo en 1962 a licenciatura en Matemáticas no Swarthmore College. En 1963 acadou o mestrado na Universidade Case Western Reserve e culminou o doutoramento na Universidade Carnegie Mellon en 1967.
Traballou como consultor e economista visitante no Banco da Reserva Federal de Mineápolis e, desde 2003, foi profesor na W. P. Carey School of Business da Universidade Estatal de Arizona. É unha figura destacada da macroeconomía, especialmente polos seus estudos sobre os ciclos económicos e o equilibrio xeral. En 1977, xunto con Finn E. Kydland, analizou se os bancos centrais deben dispoñer de obxectivos numéricos estritos en vez de exercer discrecionalidade na política monetaria. Ambos os dous son tamén coñecidos polo desenvolvemento do filtro Hodrick-Prescott, utilizado para depurar flutuacións nunha serie temporal.
En 2004 foi galardoado co Premio Nobel de Economía, xunto co noruegués Finn E. Kydland, «polas súas contribucións á macroeconomía dinámica: a coherencia temporal da política económica e as forzas impulsoras detrás do ciclo económico», unha liña de investigación que comezaran cando traballaban na Graduate School of Industrial Administration da Universidade Carnegie Mellon.
Bibliografía seleccionada
Kydland, F.; Prescott, E. (1977): «Rules Rather than Discretion: The Inconsistency of Optimal Plans». Journal of Political Economy, xuño, 473–492. Kydland, F.; Prescott, E. (1977): «Time to Build and Aggregate Fluctuations». Econometrica 50: 1345–1370. Kydland, F.; Prescott, E. (1990): «Business Cycles: Real Facts and a Monetary Myth». Quarterly Review 14 (2): 3–18, Federal Reserve Bank of Minneapolis.
Notas
Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2022 Categoría:Economistas dos Estados Unidos de América Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade de Roma II Categoría:Premio Nobel de Economía