Sandra López Díaz, coñecida como Sandra Lodi, nada en 1990 en Lugo, é unha ilustradora galega, deseñadora gráfica e artista plástica. Estudou Belas Artes en Salamanca. Publica na revista Mongolia e no semanario El Estafador, entre outros medios de comunicación. É integrante da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI).
Traxectoria Durante a súa estadía en Salamanca para estudar Belas Artes, coñeceu o método de produción creativa da Accademia di Bele Arti di Brera de Milán (Italia) a onde se desprazou durante un curso. Logo adquiriu competencias dixitais na Escuela Trazos (Madrid).
Traballou como directora de arte e diseñadora gráfica en axencias de publicidade e marketing, para marcas nacionais e internacionais.
Ademais do traballo en ilustración e deseño gráfico, fai animación, concept art, muralismo e sesións de debuxo en directo. Tamén imparte obradoiros de formación.
Participa en Viñetas desde o Atlántico, onde reivindicou a ollada feminina tendo en conta que os referentes do cómic cambiaron e, agora, tamén son mulleres. Esta visibilidade de mulleres autoras de banda deseñada distínguese por parte de editoriais, de librarías e de premios. No plano da sororidade, aconselloulles ás novas creadoras que conten historias con corazón e confíen no seu instinto.
Premios En 2019 foi galardoada co segundo premio Curuxa de Humor Gráfico do Museo Xaquín Marín. En 2021, a súa obra pictórica foi seleccionada na XII Bienal de Pintura Eixo Atlántico. En 2022 recibiu o primeiro premio no Combate mural do Culturbán (Lugo) e en 2023 no IV Certame de Pintura do Festival de Cans. En 2024 obtivo o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns (Galaxia, 2024) e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina. En 2025, Papóns recibe o Premio Follas Novas como mellor libro ilustrado.
Sobre o Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi á obra titulada Papóns, a acta do xurado recolleu o seguinte:"O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que é unha obra moi atractiva visualmente cun uso dos planos e das cores impecable. Unha narrativa coherente e ben encetada; que pon en valor o mundo rural e os afectos entre avoa e neta. Un vínculo de transmisión cultural e familiar imprescindible que amosa de forma tenra e fermosa.
A autora representa os corpos, son mulleres reais, reproduce o noso pobo á perfección. A ilustración é orixinal e dinámica, cun estilo propio, cunha composición e perspectiva coidadas.
A relación que amosa co medio e cos animais é sensible e acertada. Forma parte da realidade das nenas e nenos que tiveron a sorte de criarse nese ambiente privilexiado no que imaxinar e crear as súas propias historias.
Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. Un traballo colectivo que todas as persoas deben exercer en conxunto.
Será un deses libros que perduren no tempo”.
Notas
Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1990 Categoría:Ilustradores