Pomoxis annularis é un peixe de auga doce atopado en América do Norte. O nome do xénero Pomoxis refírese ao opérculo agudo do peixe, e o nome annularis significa 'con aneis', é dicir, ten barras verticais mal definidas no corpo. Comparte o seu xénero coa especie moi similar P. nigromaculatus.

Descrición Esta especie é morfoloxicamente similar a Pomoxis nigromaculatus. Teñen de 5 a 10 barras verticais ao longo dos seus corpos, en lugar de manchas irreglarmente dispostas como as de P. nigromaculatus. Ten unha cor prateada con tons verdes ou brancos polo dorso, con barras laterais escuras nos lados do corpo e ventre branco. As aletas dorsais empezan máis atrás no corpo que as de P. nigromaculatus. A aleta anal é de aproximadamente o mesmo tamaño que a aleta dorsal. Ten seis espiñas na aleta dorsal, mentres que P. nigromaculatus ten sete ou oito destas espiñas. P. annularis é tamén algo máis alongado que P. nigromaculatus. É un peixe de corpo alto e comprimido, e a altura do corpo é un terzo da lonxitude do peixe. Teñen raios espiñentos e escamas ctenoides que se atopan en teleósteos avanzados. A parte exposta da escama ten diminutas proxeccións como dentes (cteni). Ambas as especies do xénero Pomoxis teñen unha posición da boca terminal con moitos dentes cónicos pequenos dispostos en dúas ringleiras ao longo da boca, que se chaman cardiformes porque lembran unha ferramenta usada para cardar la. Pertence á familia dos Centrarchidae da orde Perciformes (ou Centrarchiformes segundo as clasificacións) dentro da clase Actinopterygii.

Raramente excede os 0,91 kg de peso e normalmente vive de 2 a 7 anos. A especie ten xeralmente unha lonxitude de 23-25 cm de adulto. A mellor marca mundial de peso da International Game Fish Association de pesca desta especie en todas as modalidades é de 2,35 kg, dun exemplar pescado en 1957 preto do encoro Enid, Mississippi, mentres que a mellor marca de lonxitude da IGFA é a dun peixe de 39 cm, capturado en 2022 en Grenada Lake, Mississippi.

Distribución Son nativos dos Grandes Lagos, baía de Hudson, e a cunca do río Mississippi expandíndose desde Nova York e sur de Ontario cara ao oeste ata Dacota do Sur e cara ao sur ata Texas. Esta especie ten unha ampla área de distribución xeográfica nos Estados Unidos e actualmente ten unha poboación estable. A especie está considerada pola IUCN como en preocupación menor.

Hábitat Poden encontrarse en ríos grandes, encoros e lagos. Son máis tolerantes ás augas avoltas ou turbias que os P. nigromaculatus e xeralmente nese tipo de augas están en maior número que os seus conxéneres. Tamén adoitan ser máis numerosos que os seus conxéneres en augas con pouca vexetación acuática podre. P. annularis atópase máis comunmente en ríos e zonas de baixa velocidade das augas como lagoas e relanzos dos ríos. Son máis abondosos en lagos e encoros maiores de 20.000 m2. Pode encontrarse en augas abertas durante as mañás e seráns, mais durante o día esta especie só se atopa en augas calmas (a profundidades de 1,8-3,7 m) rodeados de estruturas.

Reprodución Desovan en maio e xuño cando a temperaura da auga chega a 13 °C. Os machos constrúen os niños creando pequenas depresións con forma de cunca no fondo arredor de maleza, rochas e troncos nas augas pouco fondas. Durante a estación de desova, os machos desenvolven unha coloración escura na gorxa. As femias poñen de 5.000 a 30.000 ovos. Os machos gardan os niños ata que as crías se van nadando. Esta vixilancia axuda a que os seus xenes pasen con éxito á seguinte xeración. Crecen 7,6-12,7 cm dentro do primeiro ano da súa vida e poden crecer uns 7,6–10;nbsp;cm adicionais no segundo ano. Chegan á madureza arredor do seu segundo ou terceiro ano. A súa duración da vida máxima é de 8 a 10 anos cunha media de vida de 3 a 4 anos en augas non xestionadas (silvestres) e de 6 anos en augas xestionadas.

Dieta A súa estratexia de alimentación non é a de natación de cruceiro nin de emboscada, senón que nadan intermitentemente e só buscan presas cando están parados. Esta estratexia considérase saltatoria, ou busca de pausa e viaxe. Usando esta estratexia, os individuos xoves poden crecer rapidamente nos primeiros días de vida. Esta estratexia é favorecida enerxeticamente para reducir o tempo de busca empregado pola especie. Nos estadios larvais e xuvenís comen zooplancto e continúan alimentándose principalmente de pequenos invertebrados durante o seu primeiro ano de vida.

Cando chegan a unha lonxitude de 12-15 cm, considéranse adultos. Os adultos aliméntanse maiormente de pequenos peixes como os Leuciscinae e Alosa sapidissima pequenos, e grandes invertebrados como os cangrexos e insectos Corydalinae. A súa dieta pode variar dependendo da súa localización. Aliméntanse principalmente de xuño a outubro. Na primavera, aliméntanse moderadamente, e a súa actividade faise máis lenta durante os meses de inverno. En Mississippi aliméntase de efémeras como Hexagenia atrocaudata e Pentagenia vittigera. En Illinois e probablemente noutros lugares, comen os peixes Dorosoma cepedianum. En Pensilvania e Ohio, os adultos comen pequenas Cyprinus carpio, Perca flavescens, Lepomis macrochirus, e outros exemplares da súa propia especie. A posición terminal da boca permítelles alimentarse do que teñen diante.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Centrárquidos Categoría:Taxons descritos por Constantine Samuel Rafinesque Categoría:Animais descritos en 1818 Categoría:Peixes de América do Norte