Filoxeno de Citera (en grego antigo Φιλόξενος; en latín Philoxenus) foi un destacado poeta ditirámbico grego, ás veces confundido con Filoxeno de Léucada. Era fillo de Eulítides e naceu en Citera.Aínda así, hai fontes, como a Suídas, que o fan nativo de Heraclea do Ponto. Segundo o Mármore de Paros, morreu na 100ª Olimpíada (-380) aos 55 anos, polo que debeu nacer arredor do -435. Diodoro Sículo di que o seu florecemento ocorreu arredor do -398.

Traxectoria O breve relato da súa vida que ofrece a Suídas comporta dificultades. Di que, reducida a illa de Citera á escravitude por Esparta, Filoxeno foi comprado por un tal Axesiles que o chamou Μύρμηξ ('formiga'), e á súa morte pasou ao poeta lírico Melanípides, quen o educou na poesía. Non hai constancia de ningunha conquista espartana de Citera, pero si dunha conquista ateniense liderada por Nicias no ano -424, segundo Tucídides, e podería ser un erro na Suídas, pero o feito da súa escravitude está testemuñado por varias fontes.

Tería alcanzado certa eminencia cara ao ano -408, como se desprende dunha alusión feita por Aristófanes n'As ras. Pasou parte da súa vida en Sicilia, en Siracusa, pero non se sabe cando foi alí, e aínda que se dá a data do -396 en adiante, é só unha suposición. Dioniso o Vello acolleuno na súa corte e deulle o seu favor ata que un día o ofendeu. Hai dúas historias sobre este feito. Segundo unha versión, feriu a dignidade do tirano cando se negou a eloxiar os seus poemas, e aínda máis cando Dioniso lle pediu que corrixise un, díxolle que a mellor maneira de o corrixir era facer unha liña negra sobre cada verso que o tirano escribira. Segundo outra versión, fixo demasiada amizade coa amiga do tirano, Galatea, e foi encarcerado aínda que o tirano o liberou pouco despois. Recuperou o favor de Dioniso, pero despois dalgún tempo abandonou a corte, quizais por desconfianza nas accións futuras do tirano, e regresou a Citera, segundo Plutarco (ou, segundo a Suídas, a Tarento) onde compuxo a súa obra Cíclope ou Galatea. A Suídas di que morreu en Éfeso, pero isto parece ser unha confusión con Filoxeno de Léucada. Plutarco explica que cando deixou Siracusa vendeu as posesións que tiña alí para non volver alí de novo e non deixarse seducir pola riqueza e o luxo que existían na cidade.

Obras A Suídas di que escribiu 24 ditirambos e unha xenealoxía dos éácidas. Este último poema non é mencionado por ningún outro autor. Outro poema que a Suídas non menciona e que probabelmente non forma parte dos 24 ditirambos é Δεῖπνον, que debeu ser a máis popular das súas obras, xa que se conservaron moitos fragmentos del, especialmente os recollidos por Ateneo de Náucratis. O poema é unha descrición detallada dun banquete escrita nunha linguaxe satírica.

O seu poema máis importante é sen dúbida Kύκλωψ ἢ Γαλάτεια (O Ciclope ou Galatea). Existen varias interpretacións sobre a súa composición. Claudio Eliano di que este era o máis fermoso dos seus poemas, e o poeta Hermesianacte de Colofón fala del gabándoo con grandes eloxios. Este poema perdeuse e só quedan uns poucos fragmentos. Algúns comentaristas din que a obra era un drama e cualifican a Filoxeno de poeta tráxico, pero isto seguramente é un erro.

Consérvanse algúns fragmentos dos seus poemas ditirámbicos e coñécense os títulos de catro deles, aínda que dubidosos: Μυσοί, Σύρος, Κωμαστής e Φαέθων. Filoxeno foi tamén o autor da música coa que se interpretaban os ditirambos e fixo moitas innovacións. Os poetas satíricos atacárono, xa que desprezaba a música lenta e sinxela que se empregara ata entón. Hai probas da estima que se lle tiña á obra de Filoxeno, tanto durante a súa vida como despois da súa morte. Antífanes de Cío, un poeta cómico, elóxiao moito e critica os músicos que xurdiron despois del. Semella que Alexandre o Grande lía poemas de Filoxeno durante a súa campaña en Asia, segundo Plutarco.1.Philoxenus en: William Smith (editor), A Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. III Boston: Little, Brown & Comp., 1867, p. 331-332.

Notas

Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:nados en -435 Categoría:Finados en -380 Categoría:Personalidades de Citera na Antigüidade Categoría:Escritores en lingua grega antiga