Lane Vincent Rogers, tamén coñecido como Blake Mitchell, nado o 14 de agosto de 1994 en Versailles (Kentucky) e finado o 15 de decembro de 2025, foi un actor pornográfico, YouTuber, streamer de Twitch e traballador sexual de videocámara estadounidense.

Traxectoria De mozo traballou en varios restaurantes en Lexington, ata que en febreiro de 2014, con 20 anos, comezou a facer shows sexuais para a web Chaturbate, onde o viu o produtor porno Casey Roman. Este encontro abriulle as portas do porno gai de estudio. A súa primeira colaboración foi con Helix Studios, un estudio californiano que era un dos maiores do tempo, especializado en modelos anenados (twinks). En Helix debutou en novembro de 2014 cunha escena na película Take it from Blake, a canda Andy Taylor. Aí tomou o pseudónimo de Blake Mitchell, co que case sempre realizou papeis de activo. Para Helix rodou unhas setenta producións ao longo de cinco anos, ata que en xaneiro de 2019 anunciaba que deixaba de colaborar con Helix. Entre as producións máis coñecidas daquela época estivo a serie Lifeguards.

En 2018 gañou o Premio Grabby do cinema pornográfico á pirola máis xeitosa, e tamén á mellor escena de sexo en grupo, ámbolos dous polo filme Breathe (Helix). Tamén ese ano gañou o GayVN na categoría de mellor escena de sexo en grupo, por Lifeguards, e á mellor escena de twink, por Boys Night, así como ao mellor camboy e ao mellor corpo.

En 2019 gravou co estudio checo BelAmi, a competencia europea a Helix. Con eles só gravou Blake Mitchell Is An American in Prague, que lle valeu en 2020 o Str8UpGayPorn ao mellor Intérprete e tamén á mellor escena. Tamén a partir de 2019 fichou por CockyBoys, o estudo de Nova York: Rogers participou en oito producións dirixidas por Jake Jaxson. Seguiu representando o seu papel de twink activo, pero as producións de CockyBoys chegaban xa a un perfil máis amplo de gustos.

A pandemia de covid de 2020 levou a unha fonda transformación da industria porno, co estoupido de OnlyFans e doutras plataformas de vídeo porno producido directamente polos artistas. Tamén Rogers abrira o seu canal alí xa en 2018, mais a partir de 2020 deixou de facer vídeos para estudos en 2020, e xa estivo traballando como actor porno independente ata 2025, fundamentalmente en porno gai pero tamén con mulleres: a súa primeira escena pornográfica heterosexual foi unha produción independente do subxénero de cornáns (cuckold). Porén xa a partir de 2022 obsérvase unha transformación persoal: ingresa na Universidade de Kentucky e vai espazando máis as súas aparicións en OnlyFans, ao tempo que aumentou o seu papel como activista e influencer social e político nas redes sociais. Politicamente, Rogers pronunciouse contra o goberno de Donald Trump e contra o xenocidio en Gaza.

Vida persoal Rogers sempre se identificou como bisexual e tivo breves relacións co seu compañeiro actor Casey Tanner en 2016 (finado en 2023) e logo co tamén actor Chad Alec. En 2018 tivo unha moza e estivo esperando un fillo, mais finalmente o embarazo da moza non prosperou. En 2019 solicitou que lle deixasen de chamar Blake Mitchell e que lle dixesen polo seu nome real, se ben seguiu empregando o seu nome artístico.

Despois de sufrir dous accidentes de automóbil ao longo da súa mocidade, o 15 de decembro de 2025, con 31 anos, Rogers morreu por traumatismo cranial logo de esparrar a moto que guiaba contra unha furgoneta nunha estrada costeira en Oxnard Plain (California).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Blake Mitchell en Twitter Blake Mitchell en Porn Base Central.

Categoría:Alumnos da Universidade de Kentucky Categoría:Actores porno dos Estados Unidos de América Categoría:Finados en 2025 Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados en Kentucky Categoría:Actores de porno gai Categoría:Actores de porno heterosexual