Bil Dornol Nsongo Tonfack, nado en Yaoundé o 21 de setembro de 2004, é un futbolista camerúnes que xoga na posición de dianteiro no Deportivo da Coruña, da Primeira División.
Traxectoria Comezou a súa formación deportiva na Académie Nationale de Football (ANAFOOT) da súa cidade natal. En 2022 debutou co AS Lausanne de Yaoundé da Segunda División de Camerún, anotando 9 goles en tan só 12 partidos. Axiña captou o interese de diferentes equipos turcos e realizou sesións de proba co Enyimba FC nixeriano e co Amiens SC francés. En xaneiro de 2024 fichou polo Canon Yaoundé da Primeira División do Camerún.
O 16 de agosto de 2024 instalouse en Galicia, onde asinou un contrato dun ano co Fabril da Segunda Federación. Tras unha tempada irregular, con 5 goles en 31 partidos, a intención do club coruñés era finalizar o seu contrato temporal, pero finalmente acordou unha prórroga doutro ano debido ao interese do xogador en permanecer no equipo. Comezou a tempada 2025/26 anotando dous goles na primeira xornada ante o Burgos Promesas e fixo un triplete na cuarta xornada contra o Rayo Cantabria.
Destacando como un dos máximos goleadores da Segunda Federación, o 4 de decembro de 2025 debutou co primeiro equipo do Deportivo, entrando como substituto de Zakaria Eddahchouri nun partido da Copa do Rei 2025/26 ante o Sabadell. Tamén participou na seguinte rolda do torneo, sendo substituto de Cristian Herrera nunha vitoria ante o Mallorca, da Primeira División.
O 20 de decembro debutou co Deportivo na liga, na 19ª xornada da Segunda División ante o Andorra no Estadio da FAF, entrando como substituto de Eddahchouri. O 1 de marzo de 2026 anotou o seu primeiro gol co primeiro equipo, na vitoria por 2-3 ante a Real Sociedad B en Zubieta. Nos dous últimos meses de competición fíxose coa titularidade por diante de Eddahchouri e do italiano Samuele Mulattieri e respondeu con goles importantes.
Na penúltima xornada ante o Real Valladolid no José Zorrilla foi o autor dos dous goles do Deportivo na vitoria por 2-0 coa que o club galego certificou o ascenso á Primeira División. Conseguiu así un dobre ascenso, co Fabril (ao que aportou 12 goles) e co Deportivo (sumando 6 goles), converténdose nunha das grandes figuras do club. En xuño de 2026 o seu contrato foi renovado ata 2030. Ademais foi elixido mellor xogador do Grupo I da Segunda Federación.
Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 2026/27 contra o Elche en Riazor, saíndo na dianteira titular xunto a Aubameyang, e foi un dos xogadores máis destacados do equipo.
Carreira internacional En xuño de 2023 foi convocado pola selección sub-20 do Camerún para participar nos Xogos da Francofonía de 2023 en Kinshasa, onde conseguiu a medalla de ouro.
Palmarés Fabril Segunda Federación (1): 2025/26.
Selección de fútbol sub-20 do Camerún Medalla de ouro dos Xogos da Francofonía (1): 2023.
Individual Mellor xogador do Grupo I da Segunda Federación (1): 2025/26.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Bil Nsongo en LaPreferente.com Bil Nsongo en Soccerway
Categoría:Nados en 2004 Categoría:Nados en Yaoundé Categoría:Futbolistas do Camerún Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña