Ramón Diz Rivas, nado na Lagoa (Concello de Vilaxoán; na actual parroquia de Sobrán, Vilagarcía de Arousa) o 15 de outubro de 1897 e finado en Gusen (Austria) o 27 de xaneiro de 1941, foi un exiliado galego deportado ós campos de concentración nazis.
Traxectoria Estivo embarcado e traballou como fogueiro. Emigrou ó País Vasco en 1921, asentándose en Erandio (Biscaia). No transcurso da guerra civil española foi evacuado a Francia partindo de Bilbao, segundo a relación de evacuados publicada en Euskadi Roja o 22 de maio de 1937, descoñécese se permaneceu en Francia ou se pasou á zona republicana. Quedou confinado nos campos de internamento en Francia tralo triunfo do bando sublevado na guerra civil, primeiro no campo de internamento de Saint-Cyprien, pasando polo campo de Argelès-sur-Mer (no subcampo coñecido como o «Gernika Berri») e finalmente foi trasladado ó campo de Gurs. Foi apresado polo exército alemán trala caída de Francia na segunda guerra mundial e enviado ó Frontstalag 184, en Angoulême (Francia). Deportado ó campo de concentración de Mauthausen, onde ingresou o 24 de agosto de 1940 co número de matrícula 4 053, e finalmente trasladado ó campo de concentración de Gusen, onde ingresou o 24 de xaneiro de 1941 co número de matrícula 9 175, perecendo tres días despois, segundo o rexistro a causa dunha pleurite.
Vida persoal Fillo de José Diz Rubianes, canteiro, e de Manuela Rivas Camba, ámbolos dous oriúndos de Sobrán. Tivo un irmán máis novo, José, nado en 1904. Con 24 anos emigrou a Erandio. Casou con Concepción Eizaguirre con quen tivo dous fillos, José Ramón (n. 1930) e Luis (n. 1932), ambos finados sen descendencia.
O seu tío paterno Manuel Diz Rubianes, presidente do Sindicato del Transporte Marítimo da CNT de Vilagarcía, foi executado o 15 de agosto de 1936. Seu irmán José Diz Rivas, mariñeiro enrolado no Cabo San Agustín, foi recluído polo réxime soviético nos campos de traballo do Gulag, perecendo o 22 de agosto de 1948 en Odesa (RSFS de Rusia, Unión Soviética; hoxe Ucraína).
Recoñecementos O Concello de Vilagarcía de Arousa colocou no ano 2026 unha Stolperstein na súa memoria na praza Rafael Pazos, en Vilaxoán.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Nados en Vilagarcía de Arousa Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1941 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis Categoría:Galegos do País Vasco