Àlex Carbonell i Vallès, nado en Sant Cugat del Vallès o 15 de setembro de 1997, é un futbolista catalán que xoga na posición de centrocampista. O seu equipo actual é o Futebol Clube Penafiel da Segunda Liga.
Traxectoria en clubs Con 6 anos de idade Carbonell ingresou en La Masia. En 2011 pasou a formar parte da base do Unió Esportiva Cornellà, regresando en 2013 ás categorías inferiores do Fútbol Club Barcelona. O 29 de agosto de 2015, sendo aínda un xogador xuvenil, Carbonell debutou co Barcelona Atlètic nun partido da Segunda División B contra o CF La Pobla de Mafumet.
O 21 de novembro de 2016, pouco despois de ser promovido definitivamente ao filial, Carbonell asinou un novo contrato de cinco anos co Barcelona. O seu debut no primeiro equipo tivo lugar o 30 de novembro dese ano, cando foi titular nun encontro da Copa do Rei 2016/17 perante o Hércules.
O 27 de xullo de 2017 anunciouse a fichaxe de Carbonell polo Reus Deportiu da Segunda División. En xaneiro de 2019, cando a LFP anunciou a suspensión do Reus para competir no fútbol profesional, Carbonell abandonou o club catalán. Poucos días despois asinou un contrato de curta duración co Córdoba Club de Fútbol. En marzo de 2019 chegou a un acordo de contratación co Valencia Club de Fútbol e foi asignado ao Valencia Mestalla para o resto da tempada.
O 9 de xullo de 2019 fíxose oficial a cesión de Carbonell ao Fortuna Sittard da Eredivisie. En setembro de 2020 Carbonell fichou polo FC Luzern cun contrato por dúas tempadas. O 13 de xullo de 2021, tras pouco tempo de xogo co Luzern, Carbonell chegou a un acordo co Celta de Vigo e foi asignado ao Celta Fortuna na Primeira División RFEF.
No verán de 2022 Carbonell regresou ao FC Barcelona e formou parte do filial durante unha tempada. O 13 de xullo de 2023 foi fichado polo Amorebieta, recén ascendido á Segunda División. Àlex Carbonell volveu á máxima categoría neerlandesa o 26 de xuño de 2024, cando asinou un contrato co Almere City FC por dous anos con opción a un terceiro.
O 7 de xullo de 2025 anunciouse a fichaxe de Carbonell polo Club Deportivo Lugo da Primeira Federación. En xaneiro de 2026 pasou a formar parte do Futebol Clube Penafiel da Segunda Liga cun contrato até xuño de 2027.
Traxectoria internacional Àlex Carbonell foi internacional coa selección de fútbol sub-16 de España e tamén coa sub-17.
Palmarés Luzern Copa de Suíza: 2020–21
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Àlex Carbonell en LaPreferente.com
Categoría:Nados en 1997 Categoría:Nados en Sant Cugat del Vallès Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do CF Reus Deportiu Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do FC Luzern Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores da SD Amorebieta Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do FC Penafiel Categoría:Xogadores do Valencia CF