María Dolores Aguín García, máis coñecida como Lolita Aguín, nada no Grove o 15 de marzo de 1934 e finada no mesmo lugar o 9 de decembro de 2023, foi unha costureira e deseñadora de moda galega.
Traxectoria Comezou a estudar corte e confección por correspondencia con 15 anos, empezando a confeccionar os seus propios deseños. En 1969 abriu no Grove xunto con dúas amigas o taller de confección Pamaló (acrónimo de Paloma, Maruja e Lolita) a carón dos cines El Marino que rexentaba o seu marido Pepe Lores, permanecendo aberto durante tres anos. Tras esta primeira experiencia decidiu continuar pola súa conta, instalou un taller enriba dos cines El Marino e fundou Creaciones Lor. O negocio medrou e abriu un taller ó lado da sala de cine onde chegaron a traballar trinta mulleres e, seguidamente, unha tenda na rúa Castelao do Grove onde vendía as súas creacións. Abriu un escaparate no Gran Hotel da Toxa onde expoñía as súas pezas de vestir, o que lle proporcionou maior visibilidade, representando un éxito para a marca. En 1980 abriu unha tenda en Sanxenxo que permaneceu aberta durante cinco anos. A marca de moda pasou posteriormente a coñecerse como Lolita Aguín. A empresa pechou entre finais da década de 1990 e comezos da década de 2000 debido a impagamentos. Afeccionada á pintura, estudou Belas Artes en Pontevedra durante a última etapa da súa vida.
Vida persoal Casou con José Lores González (1929-2021), coñecido como Pepe Lores, quen foi presidente da confraría de pescadores do Grove e en 1969 designado alcalde do Grove, durante o Franquismo, sendo destituído en 1975; rexentou ademais os cines El Marino do Grove. O matrimonio tivo catro fillos; Ana Eva, Mariquiña, José e Marta Lores Aguín.
Outros traballos Artigos Colaboarou na revista Aunios da Asociación Cultural Piñeiróns do Grove durante os últimos anos da súa vida coa publicación de distintos artigos.
Notas
Véxase tamén Vídeos
Ligazóns externas 13x13px
Categoría:Nados no Grove Categoría:Nados en 1934 Categoría:Finados en 2023 Categoría:Deseñadores de moda de Galicia Categoría:alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes