Teslem Andala Ubbi, nada nos campos de refuxiados de Tindouf, Alxeria, o 30 de maio de 1994, máis coñecida como Tesh Sidi (en ), é unha enxeñeira informática e política saharauí, que tras ser activista anticolonialista e pola independencia do pobo saharauí, foi elixida deputada no Congreso, onde é vicepresidenta segunda da comisión de Economía, Comercio e Dixitalización.

Traxectoria Tesh Sidi naceu nos campos de refuxiados saharauís situados en Tindouf, Alxeria, o 30 de maio de 1994. Criouse coa súa avoa en Mauritania entre os catro e os sete anos, seguindo un estilo de vida bérber, e regresou logo a Tindouf. Mudouse a Banyeres de Mariola (Alacant) aos 12 anos para vivir cunha familia de acollida. Independizouse aos 18 anos para traballar e estudar pola súa conta.

Estudou a carreira de enxeñaría informática na Universidade de Alacant dende o ano 2012. Mudouse a Madrid despois de graduarse e atopou traballo durante o boom da informática. Posteriormente realizou un máster en Big Data e intelixencia artificial na Universidade Europea de Madrid.

Carreira temperá Despois do estalido dos enfrontamentos no Sáhara Occidental en 2020 como parte do conflito do Sáhara Occidental, Tesh involucrouse no activismo polo dereito á autodeterminación do pobo saharauí, asumindo a presidencia da Asociación Saharauí en Madrid. Máis tarde creou SaharawisToday, unha plataforma de comunicación dixital especializada no conflito saharauí.

Tesh Sidi participou no XVI Congreso do Fronte Polisario como congresista, ademais de cubrir o proceso para o seu medio. Tesh non forma parte da dirección nin da militancia do Fronte Polisario, pero considera que a organización «representa a todos os saharauís».

Carreira política Tesh incorporouse á lista de Más Madrid como número 11 para as eleccións autonómicas madrileñas de 2023. Porén, finalmente foi rexeitada pola Xunta Electoral de Madrid por un problema no censo electoral no que aparecía empadroada en Málaga no canto de Madrid.

Máis tarde foi anunciada como a número tres das listas de Sumar por Madrid en nome de máis Madrid, nun movemento considerado unha chiscadela ao movemento prosaharauí en España e un desmarque de Yolanda Díaz da posición promarroquí de Pedro Sánchez.

É a primeira muller saharauí en ser membro do Congreso dos Deputados e a primeira saharauí dende a Transición española, despois do resultado das eleccións xerais de 2023. A súa presenza foi criticada pola prensa marroquí e celebrada polo delegado do Fronte Polisario en España Abdullah Arabi.

Ameazas de morte En febreiro de 2026, a Policía Nacional abriu unha investigación por máis de 2100 mensaxes que recibiu a deputada nas redes sociais «por parte de perfís de usuarios recoñecidos e acreditados que atentaban claramente contra a súa integridade física» e que facían «alusión á súa nacionalidade de forma degradante e pexorativa e recibindo ameazas de morte».

Vida persoal Obtivo a nacionalidade española en xuño de 2022 tras 20 anos de residencia ininterrompida en España. Tesh tamén ten a nacionalidade da República Árabe Saharauí Democrática, non recoñecida por España, o que lle trouxo problemas administrativos ata que se regularizou a súa situación.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Saharauís en España

Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados en Alxeria Categoría:Activistas de España Categoría:Políticos do Sáhara Occidental Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XV Lexislatura) Categoría:Alumnos da Universidade de Alacant