A eritromicina (ás veces abreviada como ETM en informes) é un antibiótico usado no tratamento de varias infeccións bacterianas. Entre elas están as infeccións do tracto respiratorio, infeccións da pel, infeccións por clamidias, enfermidade inflamatoria pélvica e sífilis. Pode tamén usarse durante o embarazo para impedir a infección estreptocócica do grupo B no neonato, e para mellorar a gastroparese (retardo no baleiramento do estómago). Pode administrarse por vía intravenosa e oral, principalmente. Recoméndase rutinariamente o uso dunha pomada ocular despois do parto no meniño para impedir a conxuntivite neonatal.

É un antibiótico da familia dos macrólidos e funciona facendo que diminúa a produción de proteínas bacteriana. Efectos secundarios comúns son cambras abdominais, vómitos e diarrea. Efectos secundarios máis graves poden ser os seguintes: colite por Clostridioides difficile, problemas hepáticos, QT prolongada no electrocardiograma, e reaccións alérxicas. É un medicamento xeralmente seguro para os que teñen alerxia á penicilina. O uso da eritromicina tamén parece ser seguro durante o embarazo. Aínda que se considera xeralmente segura durante a lactación materna, o seu uso pola nai durante as dúas primeiras semanas de vida do meniño pode incrementar o risco de estenose pilórica no bebé. Este risco tamén se aplica se o bebé a toma directamente a esa idade.

A eritromicina illouse por primeira vez en 1952 da bacteria Saccharopolyspora erythraea. É unha das medicinas da Lista de medicamentos esenciais da OMS. Está dispoñible como medicamento xenérico.

Usos médicos A eritromicina pode usarse para tratar infeccións bacterianas que afectan a pel e tracto respiratorio superior, como as producidas polos xéneros Streptococcus, Staphylococcus, Haemophilus e Corynebacterium (corinebacterias causantes de eritrasma). Os seguintes representan datos de susceptibilidade de Concentración Inhibitoria Mínima para algunhas bacterias medicamente significativas: Haemophilus influenzae: 0,015 a 256 μg/ml Staphylococcus aureus: 0,023 a 1024 μg/ml Streptococcus pyogenes: 0,004 a 256 μg/ml Corynebacterium minutissimum: 0,015 a 64 μg/ml

Pode ser útil para tratar a gastroparese debido ao seu efecto favorecedor da motilidade estomacal. Tamén mellora as intolerancias alimentarias en persoas gravemente enfermas. A eritromicina intravenosa pode usarse en endoscopias para axudar a baleirar o contido do estómago para facilitar a visualización endoscópica, o que pode mellorar a exactitude do diagnóstico e a xestión do caso.

Formas dispoñibles miniatura|Cápsula con cuberta entérica de eritromicina de Abbott Labs

A eritromicina está dispoñible en tabletas e cápsulas con recubrimento entérico ou sen el, cápsulas de liberación lenta, suspensións orais, solucións oftálmicas, pomadas, xeles e inxeccións. As seguintes combinacións de eritromicina están dispoñibles para a dosificación oral: eritromicina base (cápsulas, tabletas) eritromicina estolato (cápsulas, suspensión oral, tabletas), contraindicada durante o embarazo eritromicina etilsuccinato (suspensión oral, tabletas) eritromicina estearato (suspensión oral, tabletas) Para a inxección, as combinacións dispoñibles son: eritromicina gluceptato eritromicina lactobionato

Para uso oftálmico: eritromicina base (pomada)

Efectos adversos Os trastornos gastrointestinais, como a diarrea, náusea, dor abdominal e vómitos son moi comúns porque a eritromicina é un agonista da motilina.

Efectos secundarios máis graves inclúen arritmias con intervalos QT prolongados, incluíndo torsades de pointes, e xordeira reversible. As reaccións alérxicas van desde a urticaria á anafilaxe. A colestase e a síndrome de Stevens-Johnson son algúns outros efectos secundarios raros que poden ocorrer.

Hai evidencias a favor e en contra da asociación da estenose pilórica e a exposición á eritromicina prenatal e posnatal. A exposición á eritromicina (especialmente tratamentos longos e doses antimicrobianas e tamén pola lactación materna) foi ligada a un incremento da probabilidade de estenose pilórica en meniños novos. A eritromicina usada para as intolerancias alimentarias en meniños novos non foi asociada coa estenose pilórica hipertrófica.

A eritromicina estolato foi asociada con hepatotoxicidade reversible en mulleres grávidas en forma de elevación no soro da transaminase glutámica-oxaloacética e non se recomenda durante o embarazo. Algunhas evidencias suxiren unha hepatotoxicidade similar noutras poboacións.

Pode tamén afectar o sistema nervioso central, causando reaccións psicóticas, pesadelos e suor nocturna.

Interaccións A eritromicina é metabolizada por encimas do sistema do citocromo P450, en particular, por isocimas da superfamilia do CYP3A. A actividade dos encimas CYP3A pode ser inducida ou inhibida por certos fármacos (por exemplo, a dexametasona), o que pode causar que afecte ao metabolismo de moitos fármacos, incluíndo a eritromicina. Se outros substratos da CYP3A —fármacos que son degradados pola CYP3A, como a simvastatina (Zocor), lovastatina (Mevacor) ou atorvastatina (Lipitor)— se administran xuntamente coa eritromicina, os niveis dos substratos aumentan, causando a miúdo efectos adversos. Unha interacción con fármacos observada implica a eritromicina e a simvastatina, o que resulta nun incremento dos niveis de simvastatina e posible rabdomiólise. Outro grupo de substratos da CYP3A4 son fármacos usados para as migrañas como a ergotamina e a dihidroergotamina; os seus efectos adversos poden ser máis pronunciados se a eritromicina está asociada.

Informes de casos anteriores sobre a morte súbita motivaron un estudo sobre unha gran cohorte que confirmaron unha ligazón entre a eritromicina, a taquicardia ventricular e a morte cardíaca súbita en pacientes que tamén tomaban fármacos que prolongaban o metabolismo da eritromicina (como o verapamil ou o diltiazem) ao producirse unha interferencia con CYP3A4. Por tanto, a eritromicina non debería administrarse a persoas que están usando eses fármacos, ou fármacos que tamén prolongan o intervalo QT. Outros exemplos son a terfenadina (Seldane, Seldane-D), astemizol (Hismanal), cisapride (Propulsid, retirado en moitos países por prolongar o tempo QT) e pimozida (Orap). Tamén se sinalaron interaccións coa teofilina, que se usa principalmente para a asma.

A eritromicina e a doxiciclina poden ter un efecto sinérxico cando se combinan, de tal xeito que matan bacterias (E. coli) cunha potencia maior que a suma de ambos os fármacos. Estas relacións sinérxicas son só temporais. Pasadas unhas 72 horas, a relación cambia a ser de tipo antagonista, de aí que unha combinación 50/50 dos dous fármacos mata menos bacterias que se as dúas drogas se administran por separado.

Pode alterar a efectividade das pílulas anticonceptivas orais combinadas debido ao seu efecto na flora intestinal. Unha revisión atopou que cando a eritromicina se administraba xunto con certos contraceptivos orais, había un incremento nas concentracións séricas máximas e da área baixo a curva do estradiol e o dienogest.

A eritromicina é un inhibidor do sistema do citocromo P450, que significa que pode ter un efecto rápido sobre os niveis doutros fármacos metabolizados por este sistema, por exemplo, warfarina.

Farmacoloxía

Mecanismo de acción A eritromicina mostra actividade bacteriostática ou inhibe o crecemento das bacterias, especialmente a altas concentracións. Ao unirse á subunidade 50S do complexo do ARNr bacteriano, a síntese de proteínas e estruturas e procesos fundamentais para a vida ou a replicación quedan inhibidos. A eritromicina interfire coa translocación do aminoacil no ribosoma, impedindo a transferencia do ARNt unido no sitio A ao sitio P do ribosoma. Sen esta translocación, o sitio A permanece ocupado, e así impídese a adición doutro ARNt entrante que trae o seguinte aminoácido que se tería que engadir á cadea do polipéptido en formación. Isto interfire coa produción de proteínas funcionalmente útiles, o cal é a base da súa acción antimicrobiana.

A eritromicina incrementa a motilidade gastrointestinal ao unirse ao receptor da motilina, funcionando como un agonista do receptor da motilina ademais das súas propiedades antimicrobinanas. Por tanto, pode administrarse intravenosamente como un estimulante do baleiramento estomacal.

Farmacocinética A eritromicina inactívase doadamente polo ácido gástrico, razón pola que as formulacións administradas oralmente danse como tabletas con recubrimento entérico ou sales ou ésteres máis estables, como a eritromicina etilsuccinato. A eritromicina absórbese moi rapidamente e difunde na maioría dos tecidos e no interior dos fagocitos. Debido á alta concentración que pode chegar a ter nos fagocitos, a eritromicina transpórtase activamente ao sitio de infección, onde, durante a fagocitose activa, se libera eritromicina en gran concentración.

Metabolismo A maioría da eritromicina metabolízase por desmetilación no fígado polo encima hepático CYP3A4. A súa principal ruta de eliminación é pola bile e ten pouca excreción renal, e un 2 %–15 % do fármaco elimínase sen sufrir cambios. O tempo medio de eliminación da eritromicina está entre 1,5 e 2,0 horas e entre 5 e 6 horas en pacientes cunha doenza renal en fase final. Os niveis de eritromicina chegan ao máximo no soro sanguíneo 4 horas despois da súa administración; o etilsuccinato chega ao máximo en 0,5–2,5 horas despois da administración, pero isto pode ser atrasado se se dixire cos alimentos.;

A eritromicina cruza a placenta e entra no leite mamario. A Asociación Americana de Pediatras determinou que é seguro tomar eritromicina durante a lactación materna. A absorción en pacientes embarazadas é varaible, resultando frecuentemente en niveis menores que en pacientes non grávidas.

Química

Composición A eritromicina de grao estándar está principalmente composta por catro compostos relacionados coñecidos como eritromicinas A, B, C e D. Cada un destes compostos pode estar presente en varias cantidades e pode ser distinta en cada lote. A eritromicina A é a que ten maior actividade antibacteriana, seguida da B. As eritromicinas C e D son aproximadamente a metade de activas que a eritromicina A. Algúns destes compostos relacionados foron purificados e poden estudarse e investigarse individualmente.

Síntese Nas tres décadas posteriores ao descubrimento da eritromicina A e da súa actividade como antimicrobiano fixéronse moitos intentos de sintetizala no laboratorio. A presenza de 10 carbonos estereoxénicos e varios puntos de substitución diferentes fixeron que a síntese total da eritromicina A fose unha tarefa titánica. Conseguiuse a síntese completa das estruturas relacionadas das eritromicinas e precursores como o 6-desoxieritronolide B, dando paso a posibles sínteses de diferentes eritromicinas e outros macrólidos antimicrobianos. Woodward completou con éxito a síntese de eritromicina A, que se publicou en 1981.

Historia En 1952 o científico filipino Abelardo B. Aguilar enviou algunhas mostras de solo aos seus xefes da Eli Lilly and Company. Aguilar conseguiu illar a eritromicina a partir de produtos metabólicos dunha cepa de Streptomyces erythreus (nome que despois se cambiou a Saccharopolyspora erythraea) atopada nas mostras. Aguilar non recibiu recoñecemento posterior ou compensación por este descubrimento.

Supostamente, ao científico prometéraselle unha viaxe á planta de fabricación da compañía en Indianapolis, Indiana, pero esta nunca se realizou. Nunha carta de 1956 a Eugene N. Beesley, que era o presidente da compañía daquela, Aguilar escribiu: "Unha licenza de ausencia é todo o que pido, xa que non desexo cortar a miña conexión cunha gran compañía que me deu marabillosos descansos na vida." A petición non lle foi concedida.