A inmersión lingüística é un modelo educativo e unha metodoloxía de aprendizaxe en que unha lingua, a miúdo minorizada ou non habitual para parte do alumnado, se emprega como principal lingua vehicular para favorecer a súa adquisición mediante o uso continuado. A lingua de inmersión nun programa formativo non se presenta só como materia de estudo, senón tamén como instrumento para aprender contidos curriculares e participar na vida diaria da aula ou doutros espazos formativos.
Caracterízase pola "inmersión" ou mergullo nunha lingua nativa de interese para o individuo. Adoita distinguirse da submersión lingüística, situación na que alumnado alófono ou pertencente a un grupo lingüístico minoritario é escolarizado na lingua habitual da maioría sen medidas de apoio nin un programa deseñado para asegurar a adquisición equilibrada de ambas linguas.
O seu obxectivo adoita formularse en termos de bilingüismo aditivo, isto é, a adquisición dunha nova lingua sen substituír necesariamente a primeira.
O termo emprégase sobre todo no ámbito escolar, pero tamén é aplicado por extensión a programas intensivos, residenciais ou de intercambio nos que a lingua de destino se converte no medio principal de comunicación e aprendizaxe. Nos contextos de linguas minorizadas, a inmersión lingüística adoita estar ligada ademais a obxectivos de cohesión social, transmisión interxeracional e normalización lingüística.
Historia Os comezos da formulación contemporánea da inmersión lingüística adoitan ser situados nos programas de inmersión en francés iniciados no Quebec na década de 1960, especialmente para alumnado anglófono.
O primeiro programa experimental para alumnado anglófono abriu en Saint-Lambert en 1965, e serviu de referente para a expansión posterior da inmersión no Canadá.Canada’s first French immersion program is launched through the efforts of three English-speaking Quebec mothers, dubbed the “mothers of immersion” - Office of the Commissioner of Official Languages of Canada clo-ocol.gc.ca (en inglés)
A partir dese modelo desenvolvéronse programas de inmersión temperá, inmersión media e inmersión tardía, ademais de modalidades totais e parciais, que foron adaptadas a contextos sociolingüísticos e educativos moi diversos.
Evidencia científica A evidencia da investigación internacional sobre os programas canadenses concluíu, en xeral, que a inmersión pode producir unha competencia claramente superior na lingua de escolarización adicional ca o ensino convencional de idiomas, sen perdas permanentes no rendemento académico xeral nin na lingua inicial do alumnado. Algúns estudos observaron desfases temporais en lectura e escrita nos primeiros anos, pero non como efecto duradeiro.
A bibliografía tamén sinala que os resultados dependen de factores como a idade de inicio, a continuidade do programa, a formación do profesorado, a dispoñibilidade de materiais e a presenza social da lingua fóra da aula. Nos contextos de linguas minorizadas, a inmersión adoita requirir medidas complementarias de apoio comunitario e institucional, xa que a presión da lingua dominante pode debilitar os efectos do ensino se este queda illado do resto dos espazos de socialización.
Segundo Colin Baker, a bibliografía sobre os programas canadenses de inmersión é moi ampla (comprobou que se realizaran máis de mil estudos sobre o tema). Os seus resultados apuntan a que o alumnado de inmersión pode presentar nos primeiros anos algunha desvantaxe inicial en lectura, ortografía e puntuación respecto do alumnado monolingüe, mais tende a acadar posteriormente niveis semellantes ou superiores en pouco tempo. Baker tamén sinala que estes programas de inmersión non prexudican o desenvolvemento cognitivo nin as habilidades orais na lingua inicial do alumnado, e mesmo que o alumnado novo inscrito neles soe adquirir un dominio fluído similar ao nativo dunha lingua estranxeira arredor dos 11 anos.
Casos desenvolvidos e iniciativas
Catalán En Cataluña, a inmersión en catalán desenvolveuse como instrumento de normalización lingüística e de cohesión escolar, co propósito de evitar a segregación do alumnado segundo a lingua familiar e de garantir a competencia en catalán e castelán ao remate da escolaridade obrigatoria. A documentación da Generalitat presenta o modelo catalán como un sistema no que a lingua propia do país funciona como eixo vertebrador do ensino, con presenza do castelán como materia e tamén como lingua coñecida polo alumnado ao final do proceso educativo.Generalitat de Catalunya, Departament d'Educació (2018): El model lingüístic del sistema educatiu de Catalunya. Barcelona. En 2021, o Tribunal Supremo do Reino de España obrigou a impartir o 25% da materias en castelán.
En Valencia, o ensino en valenciano desenvolveuse durante décadas a través de programas específicos, entre eles o Programa d'Immersió Lingüística, dirixido especialmente a alumnado castelanfalante, aínda que a evolución posterior da normativa levou a modelos plurilingües e, máis recentemente, a un sistema baseado na elección da lingua base, valenciano ou castelán. Nas Baleares, a normativa establece o catalán como lingua propia, vehicular e de cohesión, aínda que o modelo balear adoita describirse máis como un sistema de centralidade do catalán ca como un réxime xeral de inmersión.Decreto 92/1997, de 4 de xullo, que regula o uso e o ensino de e en lingua catalana, propia das Illes Balears, nos centros docentes non universitarios das Illes Balears die.caib.es (en catalán) Na Cataluña Norte, baixo administración francesa, o catalán está presente en programas bilingües de paridade horaria, mentres que a inmersión en catalán se identifica principalmente coa rede asociativa La Bressola, que emprega o catalán como lingua principal de escolarización.
Éuscaro miniatura|Ikastola Karmelo. Edificio de Educación Infantil e Primaria No ámbito do éuscaro, a educación en lingua propia desenvolveuse de maneira diferente segundo o territorio. No País Vasco, o sistema escolar artellouse historicamente arredor dos modelos lingüísticos A, B e D, regulados polo Decreto 138/1983 sobre o uso das linguas oficiais no ensino non universitario.País Vasco. Decreto 138/1983, do 11 de xullo, polo que se regula o uso das linguas oficiais no ensino non universitario no País Vasco. Boletín Oficial del País Vasco, 19 de xullo de 1983.As letras destes modelos son as denominacións oficiais da administración educativa correspondente, non son unha denominación alfabética consecutiva: A, B e D no País Vasco, e A, B, D e G en Navarra. Nun documento oficial, o modelo B descríbese como un modelo de inmersión parcial, no que castelán e éuscaro se empregan como linguas de aprendizaxe, mentres que no modelo D o ensino se desenvolve en éuscaro e o castelán fica como materia.2012: Experimentación de un marco de educación trilingüe. Vitoria-Gasteiz (en éuscaro e castelán) A propia bibliografía institucional vasca emprega tamén a expresión modelo de inmersión en euskera. A Lei 17/2023 reforzou ademais o papel dos proxectos lingüísticos de centro e definiu o sistema educativo vasco como plurilingüe, co éuscaro como eixo central.
En Navarra, a escolarización en éuscaro estivo condicionada pola zonificación lingüística establecida pola Lei Foral 18/1986 do Éuscaro.Navarra. Lei Foral 18/1986, do 15 de decembro, do Éuscaro. Boletín Oficial del Estado, 27 de xaneiro de 1987. Segundo a información oficial do Departamento de Educación, a modalidade que máis se aproxima á inmersión lingüística dentro do sistema navarro é o modelo D, totalmente en éuscaro salvo as materias de lingua castelá e lingua estranxeira.Goberno de Navarra, Departamento de Educación. Modelos lingüísticos. Consultado o 12 de abril de 2026.
En Iparralde, baixo administración francesa, o ensino do éuscaro organízase mediante itinerarios bilingües e tamén mediante inmersión. A normativa francesa distingue entre o ensino bilingüe francés-lingua rexional e a metodoloxía inmersiva. No País Vasco norte, a federación de ikastolas Seaska define o seu proxecto como ensino da lingua vasca por inmersión e preséntase como a única rede que ofrece alí ese modelo de maneira xeral.
Galego Na comunidade galega, a discusión sobre a inmersión está moi ligada ao debate sobre a normalización do galego e o papel do sistema educativo na súa transmisión. A Lei de normalización lingüística de 1983 recoñeceu o galego como lingua oficial do ensino e estableceu como obxectivo que o alumnado adquirise unha competencia plena nas linguas oficiais ao remate da escolaridade obrigatoria. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Diario Oficial de Galicia, 14 de xullo de 1983. O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004, insistiu na necesidade de reforzar o uso do galego nos distintos niveis educativos.Plan xeral de normalización da lingua galega - O Portal da Lingua Galega Lingua.gal Posteriormente, o Decreto 124/2007 ampliou a súa presenza vehicular, mentres que o Decreto 79/2010 redefiniu o marco lingüístico do ensino non universitario. Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo. Diario Oficial de Galicia, 29 de xuño de 2007.
No sistema público galego non se consolidou un modelo xeral de inmersión en galego similar ao catalán ou ao modelo D vasco. Segundo a Enquisa estrutural a fogares de 2023, entre a poboación de 5 a 16 anos o 0,90 % recibía todas as materias en galego, o 11,76 % maioritariamente en galego, o 67,09 % nunha proporción semellante en galego e castelán, o 18,29 % maioritariamente en castelán e o 1,96 % integramente en castelán.
O informe da Real Academia Galega sobre os datos do IGE de 2023 salientou ademais a forte castelanización das prácticas infantís e xuvenís. Segundo ese estudo, na franxa de 5 a 14 anos as prácticas monolingües en castelán chegaban ao 54 %, mentres que o uso do galego cos compañeiros de clase ficaba no 14,80 %, cos amigos no 14,86 %, cos irmáns no 15,97 %, co pai no 22,45 % e coa nai no 19,16 %. O mesmo informe sinalou que, nas últimas décadas, a incapacidade declarada para falar galego na mesma franxa de idade pasou do 18 % ao 32 %, e a incapacidade para escribilo do 21 % ao 38 %.Monteagudo, Henrique; Loredo, Xaquín; Vázquez-Grandío, Gabino S. (2024): Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023. Análise da enquisa sobre coñecemento e uso do idioma galego (2023) e da evolución sociolingüística de Galicia (1992-2023). Real Academia Galega. doi: 10.32766/rag.445. Diversos estudos relacionaron estes datos co papel da escola e coa insuficiencia das políticas de compensación lingüística. A monografía Avaliación da competencia bilingüe nos idiomas galego e castelán do alumnado de 4º da ESO, publicada pola RAG, concluíu que o modelo vixente non asegura unha alta competencia activa nas dúas linguas para todo o alumnado, e que a paridade máis elevada entre galego e castelán aparece sobre todo entre o alumnado galegofalante habitual. Nunha liña semellante, o estudo sobre competencia oral ao final da ESO sinalou que a lingua familiar segue a ser o factor máis determinante do desenvolvemento oral e que o sistema educativo non está a neutralizar as desigualdades de partida. Outros estudos sociolingüísticos reforzaron esa interpretación. O Mapa sociolingüístico escolar de Ames e o Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela insistiron na relevancia da escolarización, da mobilidade residencial e dos espazos urbanos como factores que poden acelerar a substitución lingüística se non existen políticas compensadoras. No caso de Ames, a RAG resumiu estes traballos indicando unha perda de presenza do galego de 11 puntos na educación infantil, 16 na primaria e 3 na secundaria, e unha situación final na que arredor de sete de cada dez adolescentes remataban a escolaridade obrigatoria como castelanfalantes monolingües.