Hippomane mancinella é unha especie de planta anxiosperma da familia das euforbiáceas. A súa distribución nativa é a zona tropical que vai do sur de América do Norte ata o norte de América do Sur.

O epíteto do nome científico mancinella procede da palabra castelá manzanilla (que usada aquí como diminutivo, significa 'pequena mazá'), pola súa semellanza superficial das súas froitas coas das maceiras. O nome do xénero significa en grego 'que volve tolos aos cabalos' e é aplicado por Teofrasto a unha planta non identificada (de hippos 'cabalo' e mania 'loucura').Quattrocchi, Umberto (2012). CRC World dictionary of medicinal and poisonous plants: common names, scientific names, eponyms, synonyms and etymology. CRC Press Taylor and Francis Group. Volume III E-L pps. 484-5. É unha das árbores máis tóxicas do mundo: ten un zume branco leitoso que contén numerosas toxinas e pode causar ampolas. O zume está presente en todas as partes da árbore —casca, follas e froitos—.

Descrición

Hippomane mancinella crece ata os 15 m de altura. Ten unha casca gris avermellada, flores pequenas amarelas verdosas e follas verdes brillantes. As follas son simples, alternas, moi finamente serradas ou dentadas e de 5 a 10 cm de longo. miniatura|Hippomane mancinella no MHNT.

Bota espigas de pequenas flores verdosas que dan lugar a uns froitos que se parecen a mazás, son redondeadas e verdes ou amarelas verdosas cando están maduras. O froito é velenoso, igual que o resto da árbore.

Distribución e hábitat

É unha árbore nativa do Caribe, a Florida, Bahamas, México, América Central, e norte de América do Sur e tamén se encontra nas illas Galápagos.

Pode encontrarse en praias da costa e en pantanos salobres, onde crecen entre os mangleiros. Proporciona un excelente abrigo contra o vento e as súas raíces estabilizan a area, reducindo así a erosión costeira.

Conservación

Está dentro da lista de especies en perigo na Florida.

Toxicidade

miniatura|Debuxo dun estudo botánico titulado "A árbore manzanilla tomado en Bocca chica para mostrar / aos homes que non se podería cortar nin durmir preto del, cravouse un arco sobre cada tenda de sarxento, para facer que os soldados / o coñecesen e o evitasen... F.M: J.G: (?) 12 de marzo de 1741"; unha referencia á frota de invasión do vicealmirante Edward Vernon, antes da súa derrota na batalla de Cartaxena de Indias.

Todas as partes da árbore conteñen fortes toxinas. Estas árbores conteñen 12-desoxi-5-hidroxiforbol-6-gamma-7-alfa-óxido, furocoumarinas, sapoxeninas, hippomaninas, mancinelina e outros ésteres de forbol, aos que se debe a toxicidade da árbore.

O seu zume branco leitoso (látex) produce unha forte dermatite alérxica de contacto. Permanecer baixo esta árbore durante a chuvia causa a formación de ampolas na pel polo simple contacto con líquido que a chuvia arrastra: mesmo unha pequena pinga de chuvia que conteña o zume causa vinchas na pel. Queimar a árbore pode causar lesións oculares se o fume chega aos ollos. O contacto co seu látex produce dermatite bullosa, queratoconxuntivite aguda e posiblemente grandes danos no epitelio corneal.

Aínda que o froito é potencialmente mortal se se come, non se informaron de casos na literatura moderna. A inxestión pode producir unha grave gastroenterite con hemorraxia, choque e superinfección bacteriana, así como posible obstrución das vías aéreas debido a un edema.

Cando se inxire, o froito describiuse como "agradablemente doce" ao principio, cunha posterior "sensación a pementa estraña ... que gradualmente progresa a queimura, sensación de lagrimeo e rixidez da gorxa." Os síntomas continúan empeorando ata que o paciente "apenas pode tragar comida sólida debido á tremenda dor e á sensación dun enorme inchazo que obstrúe a farinxe."

Nalgunhas partes da súa área de distribución colócanse en moitas destas árbores carteis de advertencia; por exemplo na illa de Curaçao; mentres que noutros casos se marca cun "X" vermello no tronco para indicar perigo. Nas Antillas francesas as árbores márcanse a miúdo cunha banda vermella pintada a 1 metro de altura.

Aínda que a planta é tóxica para moitas aves e outros animais, a iguana Ctenosaura similis pode comer o froito e mesmo vivir entre as pólas da árbore.

Os pobos arawak e taíno utilizaban unha cataplasma de Maranta arundinacea como antídoto contra os seus velenos. Os caribes envelenaban as fontes de auga dos seus inimigos coas follas desta árbore. O explorador español Juan Ponce de León morreu pouco despois de sufrir unha ferida nunha batalla contra os calusa na Florida, ao ser alcanzado por unha frecha envelenada con esta planta.

Usos Malia os perigos inherentes asociados co seu manexo, esta árbore foi utilizada como fonte de madeira para construír mobles polos carpinteiros do Caribe durante séculos. Para iso, debe cortarse e deixarse ao sol para que seque o látex. Para evitar o perigoso contacto coas partes velenosas, a árbore debe queimarse na base para botalo abaixo.

Historia miniatura|Árbore cun sinal de perigo.

William Wade Ellis, cirurxián de James Cook na súa última viaxe escribiu o seguinte:

No cuarto [día], enviouse unha partida de homes a cortar madeira, xa que a illa aparentemente estaba ben provista dese artigo; entre outras árbores desafortunadamente cortaron varios manchineel [H. mancinella], cuxo zume entrou nos seus ollos, deixándoos cegos por varios días. Non hai rexistro de que a madeira fose queimada.

Alexandre Exquemelin escribiu en The Buccaneers of America sobre a súa experiencia coa "árbore chamada mancanilla, ou árbore das mazás ananas" cando estaba na illa de A Española:

Un día estando enormente atormentado polos mosquitos ou cínifes, e sendo aínda descoñecedor da natureza desta árbore, corteille unha póla para que me servise a modo de abano, pero toda a miña face inchou o día seguinte e encheuse de vinchas, como se estivese quiemada en tal grao que estiven cego por tres días.The Buccaneers of America; Part I, Chapter IV

Nicholas Cresswell, na entrada do seu diario do venres 16 de setembro de 1774, menciona o seguinte:

A mazá mangeneel ten un olor e aparencia dunha mazá inglesa, pero é pequena, crece en árbores grandes, xeralmente ao longo da costa. Son totalmente velenosos. Dixéronme que unha mazá é dabondo para matar 20 persoas. Este veleno é dunha natureza tan maligna que unha soa pinga de chuvia ou resío que cae pola árbore ata a túa pel producirá inmediatamente unha vincha. Nin o froito nin a madeira teñen ningún uso que eu coñeza.

Na cultura popular O Libro Guinness dos Récords considéraa a árbore máis velenosa do mundo. Tamén forma parte da trama de diversos libros,Allen, Grant (1887). "The Beckoning Hand". Transcrito na páxina web do Project Gutenberg. Consultado o 14-08-2019 de https://www.gutenberg.org/files/38531/38531-h/38531-h.htm#THE_BECKONING_HAND . películas e series de televisión e mesmo dunha ópera (L'Africaine (1865) de Giacomo Meyerbeer, na que a heroína Sélika morre inhalando o perfume das flores desta árbore).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Ligazóns útiles para a identificación de plantas con flor neotropicais

Categoría:Euphorbiaceae Categoría:Plantas descritas en 1753 Categoría:Taxons descritos por Linné Categoría:Plantas medicinais