Philip Donald Estridge, nado en Jacksonville, Florida, o 23 de xuño de 1937 e finado o 2 de agosto de 1985, coñecido como Don Estridge, foi un enxeñeiro informático estadounidense que liderou o desenvolvemento do IBM PC orixinal; en 1999, foi identificado na revista CIO como «o pai da revolución dos PC». Abriu as súas especificacións, o que revolucionou a industria informática e resultou nun grande aumento nas vendas de ordenadores persoais, ademais de crear toda unha industria de PC compatibles.

Traxectoria Estridge naceu en Jacksonville, Florida. O seu pai era fotógrafo profesional. Graduouse no Bishop Kenny High School en 1955 e na Universidade de Florida en 1959. Casou con Mary Ann Hellier en setembro de 1958, e tiveron tres fillas: Patricia Ann, Mary Evelyn e Sandra Marie. Completou unha licenciatura en enxeñaría eléctrica na Universidade de Florida e traballou no Exército, deseñando un sistema de radar usando ordenadores, IBM e finalmente o Centro de Voos Espaciais Goddard da NASA ata que se mudou a Boca Raton, Florida, en 1969.

Antes de ser o líder do equipo para desenvolver o IBM PC, fora o xestor principal do desenvolvemento do miniordenador IBM Series/1. Despois deste proxecto, en 1979, foi asignado a xestión dun grupo de desenvolvemento de ofertas especiais para a Series/1. Esta organización de enxeñaría e planificación era a responsable de responder ás solucións de sistemas personalizadas solicitadas por representantes de vendas e mercadotecnia de grandes contas. Unha das maiores e máis exitosas licitacións especiais que gañou IBM foi o Series/1 Agent Computer System para a compañía de seguros State Farm. A mediados de 1980, foi recompensado coa oportunidade de liderar os esforzos de IBM no emerxente negocio dos ordenadores persoais.

Morte e legado Don Estridge e a súa esposa Mary Ann morreron no accidente do voo 191 de Delta Air Lines no aeroporto internacional de Dallas/Fort Worth o 2 de agosto de 1985. Estridge tiña 48 anos. No momento da súa morte, a IBM Entry Systems Business (ESD), que incluía o desenvolvemento e a fabricación do IBM PC, PC DOS, PC LAN e TopView, contaba con case 10.000 empregados e vendera máis dun millón de PC.

Estridge foi homenaxeado moitas veces. En 1999, foi identificado na revista CIO como unha das persoas que «inventaron a empresa». A escola secundaria Don Estridge High-Tech — antes coñecida como IBM Facility Building 051 — en Boca Raton, Florida, leva o seu nome.

Notas

Véxase tamén Outros artigos William C. Lowe

Ligazóns externas

Categoría:IBM Categoría:Personalidades da informática Categoría:Informáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1937 Categoría:Finados en 1985 Categoría:Nados en Jacksonville, Florida