miniatura|380px|Epilobium hirsutum dispersando sementes Nas plantas espermatófitas, a dispersión de sementes é o movemento, espallamento ou transporte de sementes lonxe da planta parental. As plantas teñen unha mobilidade limitada e dependen dunha variedade de vectores de dispersión para transportaren a súas sementes, incluíndo tanto vectores abióticos, como o vento, coma bióticos, como as aves. As sementes poden dispersarse lonxe da planta parental individualmente ou colectivamente, e tamén dispersarse no espazo e no tempo.

Os padróns de dispersión de sementes están determinados en gran parte polo mecanismo de dispersión e isto ten importantes implicacións na estrutura demográfica e xenética das poboacións de plantas, así como os padróns de migracións e interaccións de especies. Hai cinco modos principais de dispersión de sementes: gravidade, vento, balística, pola auga e por animais. Algunhas plantas son serotinas e soamente dispersan as súas sementes en resposta a un estímulo ambiental.

Eses modos dependen de adaptacións, como ás nas sementes ou froitos carnosos. Porén, esta visión simplificada pode ignorar a complexidade da dispersión. As plantas poden dispersarse de maneiras que non posúen as típicas adaptacións asociadas e as características das plantas poden ser multifuncionais.

Beneficios evolutivos

Que as sementes sexan dispersadas ten varios posibles beneficios para diferentes especies de plantas. É máis probable que as sementes sobrevivan canto máis lonxe da planta parental se dispersen. Esta maior taxa de supervivencia pode ser o resultado das accións de predadores e parasitos de sementes e plántulas dependentes da densidade, que a miúdo prefiren as concentacións altas de sementes atopadas baixo as plantas parentais. A competición con plantas adultas pode tamén ser menor cando as sementes se depositan lonxe da planta parental.Martorell, C. and Martínez‐López, M., 2014. Informed dispersal in plants: Heterosperma pinnatum (Asteraceae) adjusts its dispersal mode to escape from competition and water stress. Oikos, 123(2), pp.225-231.

A dispersión de sementes tamén permite que as plantas cheguen a hábitats específicos que son favorables para a supervivencia, unha hipótese coñecida como dispersión dirixida. Por exemplo, Ocotea endresiana (Lauraceae) é unha especie de árbores que vive en América do Sur cuxa dispersión de sementes fan varias especies de aves, como o paseriforme Procnias tricarunculatus. Os machos destes paxaros póusanse en árbores mortas para atraer parellas, e a miúdo defecan excrementos con sementes baixo esas ramas, onde as sementes teñen maiores posibilidades de sobrevivir debido á maior cantidade de luz e menos patóxenos fúnxicos. No caso de plantas de froitas carnosas, a dispersión de sementes no intestino de animais (endozoocoria) adoita mellorar a cantidade, velocidade e asincronía da xerminación, o cal pode ter importantes beneficios.

As sementes dispersadas por formigas (mirmecocoria) non só as dispersan a curtas distancias, senón que tamén as enterran no chan. Estas sementes poden así evitar efectos ambientais como o lume ou a seca, chegar a micrositios ricos en nutrientes e sobrevivir máis que outras sementes. Estas características son peculiares da mirmecocoria, que pode así proporcionar beneficios adicionais que non se dan noutros xeitos de dispersión.

A dispersión de sementes pode tamén permitir que as plantas colonicen hábitats vacantes e mesmo novas rexións xeográficas. As distancias de dispersión e sitios de deposición dependen do rango de movemento do dispersor, e maiores distancias de dispersión conséguense ás veces por diplocoria, a dispersión secuencial por dous ou máis mecanismos de dispersión. De feito, evidencias recentes suxiren que a maioría dos episodios de dispersión de sementes comprenden máis dunha fase de dispersión.

Tipos

A dispersión de sementes é ás veces dividida en autocoria (cando a dispersión se realiza usando os propios medios da planta) e alocoria (cando se realiza por medios externos).

A longa distancia A dispersión a longa distancia (DLD) de sementes é un tipo de dispersión espacial que se define actualmente de dúas formas: distancia proporcional e distancia real. A eficacia biolóxica e supervivencia dunha planta pode depender grandemente deste método de dispersión de sementes dependendo de certos factores ambientais. A primeira forma de DLD, a distancia proporcional, mide a porcentaxe de sementes (1 % do total de sementes producidas) que viaxa a maior distancia fóra dunha distribución de probabilidade do 99 %. A definición proporcional da DLD é en realidade un descritor dos epiodios de dispersión máis extremos. Un exemplo de DLD sería o desenvolvemento por unha planta dun vector específico de dispersión ou unha morfoloxía que permita a dispersión das súas sementes a gran distancia. O método real ou absoluto identifica a DLD como unha distancia literal. Clasifica 1 km como a distancia limiar para a dispersión de sementes. Aquí, o limiar significa a distancia mínima á que a planta pode dispersar as sementes e aínda considerarse como DLD. Hai outra forma adicional non medible de DLD ademais da proporcional e a real, que se coñece como forma non estándar. A DLD non estándar é cando ocorre a dispersión de sementes dunha maneira pouco ususal e difícil de predicir. Un exemplo sería un incidente raro ou único no cal as sementes dunha árbore caducifolia de Madagascar, que normalmente depende para a dispersión dos lémures, sexan transportadas á costa do sur de África adheridas a unha cápsula de ovos de tiburón ou raia que chegou a unha praia e que volve levar o mar. Un factor que lle dá importancia evolutiva á DLD é que incrementa a eficacia biolóxica da planta ao diminuír a competición con plantas veciñas para producir descedencia. Porén, hoxe aínda non está claro como afectan a evolución da DLD as características específicas, condicións e compensacións (particularmente na dispersión curta de sementes).

Autocoria miniatura|O mecanismo de dispersión de sementes de Geranium pratense.

As plantas autócoras dispersan as sementes sen ningunha axuda dun vector exterior. Isto limita considerablemetne a distancia á que poden dispersar as sementes. Outros dous tipos de autocoria non descritas en detalle aquí son a blastocoria, na que o talo da planta se arrastra ao longo do chan para depositar as sementes lonxe da base da planta; e a herpocoria, na que as propias sementes se arrastran por medio de tricomas ou apéndices higroscópicos (arestas) e cambios de humidade.

Gravidade A barocoria é o uso da gravidade para a dispersión, que é o modo máis simple de conseguir a dispersión das sementes. O efecto da gravidade sobre os froitos pesados causa que caian da planta cando están maduros. Os froitos que mostran este tipo de dispersión son, por exemplo, a mazá, o coco e a maracuxá e os que teñen cubertas máis duras (que adoitan rolar lonxe da planta ata maior distancia). A dispersión por gravidade tamén permite unha transmisión posterior pola auga ou por un animal.

Dispersión balística

A balocoria é un tipo de dispersión na que a semente é exectada forzadamente pola dehiscencia explosiva do froito. A miúdo a forza que xera a explosión é o resultado da presión de turxencia dentro do froito ou é debida a tensións higroscópicas internas dentro do froito. Algúns exemplos de plantas que dispersan as sementes por este tipo de autocoria son: Arceuthobium spp., Cardamine hirsuta, Ecballium elaterium, Euphorbia heterophylla, Geranium spp., Impatiens spp., Sucrea spp, Raddia spp., entre outras. Un exemplo excepcional de balocoria é Hura crepitans; esta planta chámase ás veces nalgún países árbore dinamita polo forte son da explosión dos seus froitos. As explosións son potentes dabondo para lanzar as sementes a 100 metros de distancia.

Os Hamamelis usan a dispersión balística sen mecanismos explosivos ao simplemente expremer con forza as sementes, que acadan uns 45 km/h de velocidade.

Alocoria A alocoria é un tipo de dispersión de sementes na que se usa un vector ou axente secundario para a dispersión. Estes vectores poden ser o vento, a auga, animais ou outros.

Vento miniatura|Dispersión polo vento dos froitos de mexacán (Taraxacum). miniatura|Hidrocoria de Entada phaseoloides. A dispersión polo vento ou anemocoria é un dos métodos máis primitivos de dispersión. A dispersión polo vento pode adoptar dúas formas: as sementes ou foitos poden flotar no vento ou, alternativamente, poden voar ata o chan.Gurevitch, J., Scheiner, S.M., & G.A. Fox (2006). Plant Ecology, 2ª ed. Sinauer Associates, Inc., Massachusetts. Os exemplos clásicos deses mecanismos de dispersión no hemisferio norte temperado on os mexacáns (Taraxacum), que teñen un papo de aspecto plumoso unido aos seus froitos (aquenios) que poden dispersarse a longas distancias, e os pradairos, que teñen foritos alados (samaras) que voan ata o chan. Unha importante restrición que ten a dispersión polo vento é que precisa unha abundante produción de sementes para maximizar a probabilidade de que unha semente aterre nun sitio axeitado para a xerminación. Algunhas plantas que se dispersan polo vento, como os mexacáns, poden axustar a súa morfoloxía para incrementar ou diminuír a taxa de desprendemento da diáspora (aquela parte que se solta levada polo vento). Hai tamén fortes restricións evolutivas sobre estes mecanismos de dispersión. Por exemplo, Cody e Overton (1996) atoparon que especies de Asteraceae en illas pequenas tendían a reducir as súas capacidades de dispersión (por exemplo, tiñan maior masa das sementes e un papo menor) en relación coa mesma especie no continente ou illa grande. Ademais, Helonias bullata, unha especie de de herbácea perenne nativa dos Estados Unidos, evoluciona para utilizar a dispersión polo vento como mecanismo de dispersión principal; porén, o vento limitado do seu hábitat impide que as sementes se dispersen axeitadamente lonxe da planta parental, orixinando grupos de poboación. A dependencia da dispersión polo vento é común en moitas especies de malas herbas ou ruderais. Mecanismos non usuais de dispersión polo vento son os das plantas estepicursoras, nas que a planta completa (excepto as raíces) é arrastrada polo vento. Os froitos de Physalis, cando non están totalmente maduros, poden ás veces ser dispersados polo vento debido ao espazo entre o froito e o cáliz que o cobre, que actúa como unha vexiga aérea de flotación.

Auga Moitas plantas acuáticas e algunhas terrestres usan a hidrocoria, ou dispersión de sementes pola auga. As sementes poden viaxar a distancias extremadamente longas, dependendo do modo específico de dispersión pola auga; isto aplícase especialmente a froitos que son impermeables á auga e aboian na auga.

Os nenúfares son un exemplo dese tipo de plantas. As súas flores orixinan un froito que flota na auga durante un tempo e despois cae ao fondo para enraizar no fondo da lagoa.

As sementes de palmeiras poden tamén ser dispersadas pola auga. Se crece preto do océano, as sementes poden ser transportadas polas correntes mariñas a longas distancias, o que permite que as sementes se dispersen mesmo noutros continentes.

Os mangleiros crecen directamente fóra da auga; cando as súas sementes están maduras caen da árbore e crécenlle raíces en canto tocan calquera tipo de solo. Durante a marea baixa, poderían caer no solo en vez de na auga e empezar a crecer xusto onde caeron. Porén, se o nivel de auga é alto pode ser levadas lonxe de onde caeron. O mangleiro a miúdo van construído pequenas illas coa terra e detritus que recollen entre as súas raíces, creando pequenos corpos de terra.

Animais: epi- e endozoocoria

miniatura|Os pequenos ganchos da superficie dun Geum urbanum facilitan o agarre de froitos ganchudos á pelame de animais para a dispersión.