dereita|miniatura|Bandeira de Falange Española, partido político fundado por José Antonio e que adoita exhibirse nas conmemoracións do 20N 20N é o nome que recibe en España o 20 de novembro no contexto da conmemoración do aniversario dos pasamentos de José Antonio Primo de Rivera e Francisco Franco (en 1936 e 1975 respectivamente) por sectores próximos ou simpatizantes do franquismo. A conmemoración propiamente dita desenvólvese en días próximos ao aniversario, xeralmente durante o fin de semana anterior ou posterior.
O 20N durante o franquismo (1936-1975) O 20 de novembro de 1936, nos inicios da guerra civil española, foi fusilado en Alacant o fundador de Falange Española, José Antonio Primo de Rivera. Posteriormente a propaganda do franquismo fixo del, quen na época era nomeado simplemente como José Antonio, un mártir precursor da súa causa. Así, o 20 de novembro converteuse oficialmente no Día da Dor. Con todo, nunca se utilizou a denominación «20N» para a conmemoración da morte de José Antonio.
A morte de Franco e os primeiros 20N O 20 de novembro de 1975 morreu Francisco Franco. A coincidencia coa conmemoración da morte de José Antonio Primo de Rivera fixo que o 20 de novembro se convertese na data escollida polos partidarios do réxime franquista para se manifestaren.
No primeiro aniversario, o 20 de novembro de 1976, oficiouse un funeral oficial no Valle de los Caídos, presidido polos reis de España, Xoán Carlos I e Sofía de Grecia. Acudiron membros do Goberno, altas xerarquías das distintas institucións civís e militares e da Secretaría Xeral do Movimiento e un milleiro de xefes e oficiais dos tres Exércitos. Durante o funeral rendéronse honras militares. Ese mesmo día pola tarde celebrouse no mesmo lugar outro funeral convocado pola Fundación Francisco Franco que reuniu varias decenas de miles de asistentes, uns 50 000 segundo os convocantes.Porén, o verdadeiro primeiro 20N foi unha concentración realizada na plaza de Oriente de Madrid. Foi convocada pola Confederación Nacional de Excombatentes, que contou co apoio da tamén neofranquista Fuerza Nueva. Os panfletos que se distribuíron pola capital convocando o acto de homenaxe ao Caudillo dicían o seguinte:
No resto do país celebráronse numerosos actos organizados polas autoridades ou sectores falanxistas, fundamentalmente funerais e misas. Polo menos en Bilbao e Barcelona houbo pequenas manifestacións á saída dos actos relixiosos.
Os anos seguintes todos os 20N volveron celebrarse concentracións na praza de Oriente, coa esperanza de conformar un movemento neofranquista que recollese todos quen seguían apoiando o «legado de Franco». Así o expresou o exministro e camisa vella falanxista José Antonio Girón de Velasco, presidente da Confederación Nacional de Excombatentes que convocara o primeiro 20N:
Segundo José Luis Rodríguez Jiménez, os partidos e organizacións neofranquistas, como Fuerza Nueva e a Confederación, e os neofascistas, como Falange Española de las JONS, Falange Española Independente ou os Círculos José Antonio, concibían esas concentracións como unha oportunidade para expresar a súa repulsa ao réxime democrático a partir de dúas figuras (Franco e Primo de Rivera) que simbolizaran a loita contra as fórmulas democráticas. Tamén buscaban obter a maior repercusión posíbel ante a opinión pública e facer chegar o seu respaldo aos militares involucionistas que buscaban argumentacións para os seus proxectos golpistas.
Malia que as cifras de asistentes foron sempre moi controvertidas, a participación foi moi numerosa até 1982. Por exemplo, o 20N de 1980 reuniu 350 000 persoas segundo a policía e máis dun millón segundo os organizadores. Segundo Rodríguez Jiménez, quen acudían a estes actos conformaban en boa parte o denominado «franquismo sociolóxico». Porén, moitos deles non votaban a partidos neofranquistas ou neofascistas, senón Alianza Popular e mesmo, aínda que en menor medida, Unión de Centro Democrático.
A partir de 1982 o 20N converteuse na ocasión para que partidarios do réxime, falanxistas e outros grupos de extrema dereita expresasen a súa oposición á democracia. A partir do golpe de estado errado do 23 de febreiro de 1981, coñecido como 23F, as concentracións do 20N empezaron a servir tamén para manifestar o apoio destes grupos aos golpistas encarcerados. As convocatorias facíanse para o domingo máis próximo ao 20 de novembro. Entre 1984 e 1992 non se autorizaron na praza de Oriente, polo que foron convocadas na praza de San Juan de la Cruz, fronte á estatua ecuestre de Franco. En 1986 a manifestación celebrada o 23 de novembro congregou arredor de 100 000 asistentes.
Evolución do 20N A partir dos anos 1980, coincidindo coa desaparición do partido Fuerza Nueva, as conmemoracións do 20N quedaron pronto reducidas a grupos moi minoritarios ligados á extrema dereita ultranacionalista.
Como reacción ás manifestacións e actos de ultradereita empezaron a convocarse o mesmo 20 de novembro contramanifestacións e outros actos por parte de grupos de extrema esquerda. O acto central adoita ser unha manifestación en Madrid que conclúe ante a Facultade de Dereito da UCM, na Cidade Universitaria, onde rivalizaron estudantes do SEU e da extrema esquerda durante os últimos anos da ditadura franquista.
Os primeiros anos do século XXI producíronse altercados e momentos de tensión relacionados co enfrontamento entre grupos de signo político oposto. Unha conmemoración especialmente tensa foi a de 2007 debido ao asasinato poucos días antes de Carlos Palomino. Palomino, menor de idade e membro dun grupo antifascista, acudía a unha contramanifestación dunha manifestación contra a inmigración convocada polo grupo ultradereitista e xenófobo Democracia Nacional. Foi apuñalado na estación de Legazpi, por Josué Estébanez, un soldado profesional de ideoloxía neonazi que acudía á manifestación do partido ultradereitista. A sentenza recoñeceu que o asasinato foi por motivos ideolóxicos.
Ese mesmo ano un dos actos centrais das conmemoracións do 20N convocado pola Confederación Nacional de Combatentes, do sector franquista máis ortodoxo, reuniu menos de 500 persoas na Praza de Oriente de Madrid.
As conmemoracións no Valle de los Caídos miniatura|A tumba de Franco no Valle de los Caídos foi o centro das conmemoracións dos partidarios do franquismo até a exhumación do corpo e o seu traslado ao cemiterio de Mingorrubio Un lugar importante no conxunto de actos que se celebran ese día era o Valle de los Caídos, xa que alí está enterrado Primo de Rivera. A Fundación Nacional Francisco Franco convocaba todos os anos unha misa funeral por Franco e José Antonio. Falange Española de las JONS tamén acudía ao Valle de los Caídos para realizar unha homenaxe na tumba de José Antonio, pero nunca na de Franco. Pola súa parte, os falanxistas de Falange Auténtica realizaban a súa homenaxe en Alacant onde foi fusilado José Antonio, evitando coincidir cos franquistas que acudían ao Valle de los Caídos.
A Lei de Memoria Histórica, en vigor dende 2007, prohibe realizar actos no Valle de los Caídos que enxalcen a ditadura franquista, polo que este lugar deixou de ser o centro das conmemoracións. O 20 de novembro de 2008 soamente 70 persoas acudiron á misa funeral no Valle de los Caídos. Para asegurar o cumprimento da Lei de Memoria Histórica, un amplo despregamento policial impediu introducir no recinto símbolos políticos. O sábado seguinte, 22 de novembro, apenas 200 persoas participaron nunha marcha conmemorativa.
Finalmente, por decisión do abade do mosteiro do Valle de los Caídos, o funeral en memoria de Franco e José Antonio substituíuse a partir de 2009 por unhas exequias polos caídos en ambos bandos durante a Guerra Civil que se celebran o 3 de novembro. Pola súa parte, a «memoria litúrxica» dos aniversarios de Franco e José Antonio pasou a efectuarse durante a misa conventual do 20 de novembro.
Outras mortes O 20 de novembro é tamén o aniversario do asasinato dos políticos nacionalistas vascos Santiago Brouard, asasinado en 1984, e Josu Muguruza, asasinado en 1989. O de Brouard foi obra do GAL, pero no caso de Muguruza non se puido demostrar a devandita conexión.
O 20N no cinema e a literatura
O libro Alcalá 20-N basea o seu título neste significado. O filme 20 N, los últimos días de Franco (2008) narra estes acontecementos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Extrema dereita en España Categoría:Historia de España do século XX Categoría:Historia de España do século XXI