Leaves of Grass (en ) é unha escolma de poesía do vate estadounidense Walt Whitman. Tras autopublicar a primeira edición en 1855, Whitman investiu a meirande parte da súa vida profesional en escribir, revisar e expandir a colección, até o seu pasamento en 1892. Dependendo da definición de "edición", existiron entre seis e nove edicións diferentes do libro. As continuas alteracións fixeron que durante a vida do poeta circulasen copias moi diferentes do libro. Así, a primeira versión constaba de doce poemas; e a derradeira, duns catrocentos.
A obra representa unha celebración da filosofía de vida do seu autor e da humanidade, centrándose na natureza e no papel do individuo nela. Así mesmo, capturou o carácter expansivo da democracia estadounidense. Mais que centrarse no relixioso ou espiritual, pon o foco no corpo e no mundo material. Con escasas excepcións, os poemas de Whitman carecen de rima e non seguen as regras convencionais da métrica e da lonxitude das liñas.
Leaves of Grass destacou pola súa discusión do deleite nos praceres sensuais, nun momento no que este tipo de expresións cándidas se consideraban inmorais. O libro foi, pois, moi controvertido polas súas imaxes explicitamente sexuais, polo que Whitman foi obxecto de burla por parte de moitos críticos da súa época. Porén, ao longo das décadas, a escolma deixou a súa pegada na cultura popular, sendo recoñecida coma un dos piares da poesía estadounidense.
Traducións Canto de min mesmo. Tradución de Xosé Manuel Freire. Edicións Positivas. Versión en galego da primeira sección do poemario.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Literatura en lingua inglesa Categoría:Literatura dos Estados Unidos de América