O Parque Nacional de Pendjari (en francés: Parc National de la Pendjari) atópase no noroeste de Benín, xunto ao Parque Nacional de Arli en Burkina Faso. Recibe o seu nome do río Pendjari, e é coñecido pola súa fauna e alberga algunhas das últimas poboacións de animais maiores como o elefante africano de bosque, o león, o hipopótamo, o búfalo africano e varios antílopes de África Occidental. O parque tamén é famoso pola súa riqueza en aves.

O parque abrangue unha área de 2755 km² e forma parte do Complexo WAP (W-Arli-Pendjari), unha grande área protexida en Benín, Burkina Faso e Níxer. Dende o parque pódense ver outeiros e cantís nas Montañas do Togo, cordilleira de Atakora.

En marzo de 2009 o parque foi nomeado provisionalmente para o programa de Patrimonio Mundial da UNESCO, e en xullo de 2017 foi inscrito oficialmente como Patrimonio da Humanidade da UNESCO como parte dunha extensión transnacional do Complexo WAP.

Ecoloxía Os cantís rochosos da zona están escasamente arborados con Burkea africana, Detarium microcarpum, Lannea acida, Sterculia setigera e Combretum ghasalense. Nos solos profundos dalgúns dos cumes e na escarpa de Atakora hai unha maior variedade de especies vexetais con Isoberlinia doka e Afzelia africana. O río Pendjari está rodeado de bosque. O parque inclúe tanto a sabana sudanesa coma a sabana guineana, con zonas de pasteiros dominadas por Acacia sieberiana e Mitragyna inermis ou Terminalia macroptera. A precipitación anual é de aproximadamente 1100 mm. O parque está aberto todo o ano, aínda que de xuño a novembro as choivas poden ser fortes e certas partes do parque poden ser inaccesibles.

Véxase tamén

Outros artigos Patrimonio da Humanidade en Benín

Ligazóns externas

Photos of Pendjari National Park $23.5 million funding pledge aims to protect critical West African national park

Categoría:Patrimonio da Humanidade en Benín