Aechmophorus clarkii é unha especie de mergullón de América do Norte da familia dos podicipédidos. Ata a década de 1980, pensábase que era un morfo de cor clara do Aechmophorus occidentalis, que é similar en tamaño, distribución e comportamento. Coñécense híbridos entre as dúas especies.

Esta especie nidifica en grandes lagos do interior do oeste de América do Norte e migra á costa do Pacífico en inverno. Mantén poboacións locais todo o ano en California, Nevada e Arizona (o val inferior do río Colorado), e no centro de México. Aliméntase mergullándose para buscar insectos, vermes poliquetos, crustáceos e píntegas.

Realiza o mesmo cortexo elaborado que A. occidentalis.

Etimoloxía O epíteto do seu nome científico, clarkii, refírese a John Henry Clark, un agrimensor estadounidense do século XIX que era tamén naturalista e coleccionista. O nome xenérico Aechmophorus procede do grego αἰχμά (aichme), que significa 'punta de lanza', e de φόρος (phoros), que significa 'portador'; por tanto, significa en conxunto 'portador de punta de lanza' referíndose ao seu longo bico con forma de daga.

Descrición esauerda|miniatura|Unha familia de mergullóns de Clark nos Estados Unidos. Dous polos están montados ás costas dun dos adultos. Esta especie lembra moito a A. occidentalis e ambos aparecen xuntos nas mesmas colonias. Storer e Nuechterlein en 1992, seguindo anteriores estudos morfolóxicos de Storer e outros, define a especie pola súa plumaxe que a distingue de A. occidentalis que en conxunto é máis clara no dorso e por ter unha maior porción da cara de cor branca, xa que o branco se estende por riba dos ollos (na outra especie chega xusto debaixo dos ollos). Unha característica distintiva é o bico, que é de cor amarela brillante nos Estados Unidos, mentres que no occidentalis é amarelo verdoso nos Estados Unidos. Storer e Nuechterlein en 1992 afirmaron que nesta especie o bico estaba lixeiramente revirado para arriba (no occidentalis é recto), o cal non fora advertido en anteriores estudos.

Este mergullón ten un pescozo longo delgado e o tamaño corporal vai de 56 a 74 cm, cunha envergadura de 61 cm. Pesan de 720 a 1260 g.

Hai pouco dimorfismo sexual, e a característica máis notable que distingue os machos das femias é a presenza dunha pequena crista na cabeza dos machos. Nos individuos novos a plumaxe é tamén similar á de A. occidentalis, pero algo máis clara.

O seu tamaño relativo comparado con A. occidentalis é confuso. Dickerman mostrou que os do sur da súa área de distribución eran máis pequenos que os do norte, independentemente da cor do morfo, e ambos os morfos (claro e escuro) eran do mesmo tamaño dependendo da localidade, e Dickerman orixinalmente reinstaurou o nome A. clarkii en 1963 para as poboación do sur, máis pequenas (sen importar a cor do morfo). Estudos feitos por Storer, Ratti, Mayr e Short na década de 1960–70 non atoparon ningunha diferenza de tamaño entre morfos. Non obstante, algunhas publicacións agora afirman que os mergullóns de cores máis claras son lixeiramente menores, o cal podería deberse á confusión co concepto de especie defendido por Dickerman (no cal o mergullón de Clark non vive nos Estados Unidos e o Canadá, os mergullóns de cor clara dos Estados Unidos e o Canadá son mergullóns occidentais, e os morfos de cor escura de México son mergullóns de Clark).

Aínda que se dan morfos de cores claras ou escuras nas poboacións residentes non migratorias de México, non está claro se estes poden distinguirse polas outras características morfolóxicas descritas antes, xa que a maioría dos estudos examinaron só as poboacións estadounidenses. Os morfos de cores claras de México dise que teñen bicos de cor alaranxada, e que os morfos máis escuros téñeno amarelo. No inverno en California numerosos exemplos de mergullóns occidentais de cor escura teñen cara principalmente branca coma a dos mergullóns de Clark, aínda que isto era unha característica intermedia e pénsase que é posible debido a cambios estacionais.

Taxonomía O mergullón de Clark (Aechmophorus clarkii) é unha ave acuática da familia Podicipedidae da orde Podicipediformes, que está relacionada cos flamengos.

Historia Este taxon é extremadamente similar ao mergullón occidental: ten o mesmo comportamento, incluíndo o seu elaborado cortexo, aparecen simpatricamente na mesma área e teñen as mesmas migracións, son morfoloxicamente case iguais, agás que esta especie é de cor algo máis clara. Os dous taxons poden hibridarse, orixinando exemplares intermedios. Pensábase comunmente que era un morfo máis claro, como ocorre en moitas especies de aves.

En 1858, o morfo de cores máis claras foi descrito primeiramente por George N. Lawrence como unha especie separada de México e California co nome Podiceps clarkii. Lawrence citou tres espécimes como representativos desta nova especie, pero non citou un holotipo específico. Dos tres espécimes que usou Lawrence, dous eran aves migratorias máis grandes procedentes de California, mentres que o outro espécime era unha ave máis pequena de Laguna de Santa María en Chihuahua. Deignan designou este último espécime como o holotipo en 1961.

Unha vez que se descubriu a presenza deste taxon na área de distribución do mergullón occidental e xunto co seu comportamento idéntico, decidiuse que os dous taxons eran sinónimos, e esta situación foi aceptada polos ornitólogos durante a primeira metade do século XX.

De acordo con Robert W. Storer, en 1965, ademais da coloración máis clara, había outras diferenzas morfolóxicas máis sutís entre os dous taxons: o bico do mergullón occidental é amarelo verdoso, mentres que no de Clark é amarelo, e ademais a cor negra do píleo esténdese menos cara abaixo neste mergullón, de modo que o negro se estende debaixo do ollo, os loros e a liña delgada de pel espida esténdense desde o ollo á comisura do bico no caso da especie occidental, mentres que na de Clark a cor negra chega a unha distancia algo menor, deixando unha fina liña de cor clara sobre o ollo. Poseriores estudos tamén mostraron que a frecuencia dos morfos máis claros parecían maior no sur da súa área de distribución que no norte, sendo relativamente comúns en México segundo os estudos de Dickerman de 1973, pero raros no Canadá segundo Nero (1962) e Storer (1965).

Dickerman en 1963 foi o primeiro en poñer en dúbida o status taxonómico deste taxon, xa que pensaba que a sinonimia era incorrecta, e por iso trasladou o Podiceps clarkii de Lawrence a Aechmophorus clarkii, e restrinxiu a distribución deste taxon a México, rexeitando a identificación de Lawrence das aves de maior tamaño e máis claras de California e outras partes dos Estados Unidos e o Canadá como pertencentes a este taxon. Os seus estudos mostraron que había pouco solapamento nas medidas do tamaño entre as poboacións mexicanas e as do norte, independentemente da coloración; en consecuencia, a idea de Dickerman de 1963 era que A. clarkii eran os mergullóns máis pequenos restrinxidos a México, os cales podían ter morfos claros ou escuros, e que A. occidentalis eran os mergullóns migratorios de tamaño máis grande dos Estados Unidos e o Canadá, que tamén podían ter dous morfos de cor.

Porén, un estudo de 1979 baseado en observacións de finais da década de 1970 de parellas cortexando e nidificando notou que a frecuencia coa cal se vían xuntos dous morfos diferentes ou se atopaban nidificando xuntos era moito máis baixa do que se podería esperar se os emparellamentos fosen ao chou, de modo que algún mecanismo de illamento reprodutivo estaba mantendo os taxons separados. Tamén se observou que aínda que as aves habitaban as mesmas zonas húmidas e os mesmos hábitats, as poboacións non estaban distribuídas aleatoriamente, e os taxons nidificaban preferentemente co seu propio morfo, e as colonias eran en gran parte dun tipo ou do outro, a pesar de que un morfo era moito máis raro en frecuencia que o outro. Había tamén unha marcada diferenza no éxito reprodutor na área estudada, na cal o mergullón de Clark estaba inicialmente nunha frecuencia bastante baixa de arredor do 12 %, pero incrementábase ata un terzo da poboación de ambos os taxons nun período de tres anos. O estudo usou a coloración negra do píleo para distinguir os dous taxons, mais sinalouse que algúns mergullóns de California en inverno parecían ser do morfo escuro, mentres que o negro do píleo chegaba menos abaixo: os loros eran brancos, facendo confusa esta característica distintiva.

En 1986, Dickerman, aceptando unha diferenza taxonomicamente significativa ente os dous morfos de cor, describiu os taxons A. occidentalis ssp. ephemeralis, asignado aos mergullóns occidentais, máis pequenos, do sur de México, e A. clarkii ssp. transitionalis, asignado á subespecie máis grande migratoria do mergullón de Clark norteamericano simpátrica coa subespecie nominal do mergullón occidental. Nesta formulación, a forma nominal de A. clarkii comprendía os mergullóns de México de cor clara e máis pequenos.

En 1992 Storer e Gary L. Nuechterlein, que estudaran ambos os mergullóns na década de 1970, recoñeceron os morfos de cor clara dos Estados Unidos e o Canadá no libro The Birds of North America como A. clarkii, aparentemente rexeitando o concepto de especie e a clasificación subespecífica de Dickerman, aínda que non din explicitamente isto, e como este traballo non inclúe México como parte de América do Norte, o seu traballo non está en realidade dentro dun estudo global. Debido a isto, non está claro se consideran que os mergullóns de cor escura de México son un morfo dos mergullóns de Clark, ou son formas máis pequenas dos mergullóns occidentais.

Subespecies En 1986 recoñecían dous subtaxons como subespecies de Aechmophorus clarkii:A. c. ssp. clarkii, (Lawrence, 1858) - subespecie máis pequena comparable á subespecie simpátrica do mergullón occidental (A. occidentalis ephemeralis) do norte e centro de México. Subespecie nominal.A. c. ssp. transitionalis, (Dickerman, 1986) - maior que a nominal clarkii, propia do oeste de América do Norte entre o sur de Alasca ata o norte de México.

Hábitat e distribución

Hábitat Como son aves acuáticas, necesitan corpos de auga que lles ofrezan o alimento e refuxio necesarios para prosperar, xeralmente lagos ou zonas húmidas axeitadas, que teñen tamén preto unha adecuada cuberta arbórea que poden usar para nidificar.

Distribución Os mergullóns de Clark aparecen estacionalmente na maior parte do oeste norteamericano, cunha distribución que vai polo sur ata México e chega polo norte á Columbia Británica e Saskatchewan. Evitan o frío e só se encontran no centro dos Estados Unidos e o Canadá durante a estación reprodutora do verán. Nos Estados Unidos e o Canadá a reprodución ten lugar ao longo dunha gran parte do oeste destes países, abranguendo desde a Columbia Británica ata Texas, para o cal os mergullóns tenden a favorecer grandes corpos de auga e congregarse en grandes bandadas.

Storer e Nuechterlein en 1992 afirmaban cuestionablemente que estas aves invernaban en América Cental, ademais de en México e algunhas rexións de California. De case 100.000 rexistros deste taxon conservados na Global Biodiversity Information Facility non hai ningún rexistro que se atope ao sur da parte norte de Oaxaca, México.